Mamá Lela: elegancia montañesa

Fotos: Sole

Este lugar do que vou falar hoxe entra en dúas categorías de restaurantes moi queridas neste blog: 1) “Vouche levar a un sitio…!”, e 2) por suposto, este é un restaurante QP (Quinto Piñeiro). Como sei que compartides comigo a afección de buscar grandes refuxios gastronómicos en lugares insospeitados, Mamá Lela aproxímase moito a iso. Atópase nunha fermosa aldea, Paraños, dun dos concellos máis bonitos do interior da provincia de Pontevedra, Cotobade. Aínda que subindo desde a capital de provincia non serán máis de vinte vizosos minutos que dan oportunidade a parar, despois de Viascón, nun interesantísimo foxo do lobo. No caso de vir desde Compostela ou outro lugar, non fagades caso do GPS, que vos mandará pola AP9: ide con tempo, entrando pola Estrada, subindo ata lugares como Sabucedo, e logo adentrarse, polo alto das serras, disfrutando de lugares como Sabucedo, as eiras de hórreos das aldeas de Terra de Montes.

Lugares dunha fermosura etnográfica, coas súas casas de finais do XIX feitas polos canteiros do lugar, e hoxe moitas delas ben coidadas, carballeiras, unha vizosa arqueoloxía e unha paisaxe de apretados vales e montañas espidas chegas de lendas. Alí, por exemplo, nese camiño, está unha das escasas referencias toponímicas ás Fadas que eu teño visto. Lembrade que en Galicia as mouras ocupan moito dese espazo do feminino máxico.

Pois ben, ao chegar a Paraños, cabo da fonte, hai unha gran casa de pedra. Alí está Mamá Lela. É entrar, e recíbente sorrisos e un insólito ambiente cálido, con chimeneas prendidas, luces baixas e unha fermosa decoración. O comedor da zona superior sobrancea por detalles ata o máis mínimo. Cada mesa ten vasos de cor diferente, ata o punto de que parece un comedor dun restaurante da campiña francesa, cos seus manteis a cadros e as súas flores naturais en cada mesa (os que pertencedes á hostelería sabedes o traballazo que é iso).

Mamá Lela é un negocio construído a partir da crise económica e a caída da construción. Son duas parellas nas que as mulleres son irmás, unha delas totalmente dedicada ao negocio e a outra e o seu home -que levan entre os dous a sala de maneira moi eficiente- dedícanse a outra cousa durante a semana. Porque Mamá Lela só abre as fins de semana, de venres á noite a domingo a mediodía (ollo, tampouco abre os festivos que non coincidan coa finde) e non é nada fácil conseguir mesa. Recomendo chamar con tempo.


Fabada


Fazulas

A cociña sería unha interpretación burguesa da cociña tradicional galega. É esta cociña que unha cociñeira habilidosa é capaz de facer para un día de festa, con pratos honestos, xoguetóns e sinceros que se sirven moi ben presentados e en cantidades adecuadas. Unha cociña coidada que vai máis alá da sota, cabalo e rei dos restaurantes do rural galego e que é capaz de harmonizar co gusto campestre-burgués da decoración. A carta de viños, pequena como é lóxico nun restaurante así, está tamén moi ben seleccionada.

O ambiente resultante é tremendamente agradable, cunha gran sensación de confianza, intimidade e, sobre todo, esa sensación moitas veces ausente no restaurantes do rural: confort. Este é un lugar no que durante dúas horas estás tremendamente a gusto, como se unha familia te abrira as portas da súa casa e dera o mellor que ten para honrarte. Un restaurante estupendo para ires coa túa parella ou amigos/familiares moi próximos.

Con viño, a conta sae ao redor dos trinta euros por persoa. Teléfono: 626 39 43 88

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará