“No rueguen a Dios por él”: un roteiro polos crimes en Compostela

Last updated on 2 / Marzo/ 2017

O Festival Atlántica non só acontece nos auditorios, nos colexios e nos bares. Tamén as rúas son o escenario das historias. Este ano, teño o inmenso pracer de guiar o roteiro:

“No rueguen a Dios por él”: un paseo polos crimes en Compostela

Será o xoves 16 de marzo ás 18:30 horas e terá unha duración aproximada de 1’30”. Aquí está a sinopse.

Hai algúns anos, trala morte violenta dun taxista, un alcalde compostelán quixo acougarnos pola radio: “tranquilos todos, que o asasino non é de Santiago”. Aínda habería alguén que respirara aliviado. E é que esta cidade, unha das máis pacíficas de Europa, reméxese incómoda cada vez que se produce un crime de sangue. Moitos dos homicidios son lembrados con detalles morbosos e escabrosos, nas comidas familiares e nas cafeterías do Ensanche; algúns son deliberadamente esquencidos, porque en Compostela os crimes e as boas familias van moitas veces da man, e outros xa pertencen ao ámbito da lenda. Todos eles deixaron o corazón da cidade ben acoitelado e de algún xeito axudan a explicar esta prodixiosa urbe, santa e apostólica, de submundo turbio como todas as cidades santas e apostólicas. Convídoche a viaxares comigo no espazo e no tempo, desde os anos 80 ata os mesmos inicios da Idade Media, para coñecer Compostela desde unha perspectiva distinta: a da súa crónica negra. Visitaremos incluso algún espazo non accesible ao público, testemuña de terribles feitos.

O prezo do roteiro é de 5 euros e as prazas son MOI limitadas, así que recomendo inscribirvos en canto poidades en festivalatlantica@gmail.com. Alí vos indicarán o punto de partida. E moi importante que, no caso de que estedes inscritos e non poidades ir, avisedes, xa que vai haber lista de espera.

5 Comments

  1. Antón
    1 / Marzo/ 2017

    Xa vexo que liches as notas vellas galicianas…a verdade é que non me sorprenden nada as interpretacións populares, tan abundantes coma as etimoloxías idem. Eu tamén falaría doutros crimes aínda non esclarecidos. O expolio dos libros do Seminario de Estudos Galegos que aínda hoxe boa parte deles perdéuselle a pista e as obras no prelo perdidas na imprenta de Ánxel Casal…non deixan sangue pero sí tinta…

  2. María Jesús Amado Silvar
    29 / Decembro/ 2017

    Ola! Espero que leas isto, é unha chamada de axuda. son profe de galego no EPAPU de Teixeiro (CP de Teixeiro), chámome María Xesús Amado. No centro estamos a facer un proxecto no que reunimos o Camiño de Santiago coa literatura, en especial coa literatura da muller. Ben, dito isto, unha das obras que se len é Noir Compostela de Blanca Riestra a que me leva ao teu roteiro e as túas historias de crimes da milenaria cidade. A pregunta é onde as podo ler ?
    O de facer o Roteiro cos meus alumnos queda descartado por razóns obvias.
    Moitas grazas.
    Un saúdo.
    Chus Amado

  3. 30 / Decembro/ 2017

    Ola, Chus, non hai un sitio no que estean reunidas. Proceden de mil fontes distintas, algunhas escritas e outras mesmo unicamente orais. Estou traballando nun texto para reunilas. :-)

  4. Chus Amado
    2 / Xaneiro/ 2018

    Moitas grazas de todos os xeitos.
    Un saúdo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará