No Roteiro do Contrabando

Last updated on 27 / Febreiro/ 2017

Fotos: Sole Felloza

Poucas veces un sendeiro galego é tan pracenteiro, variado e entretido como este Roteiro do Contrabando, que se atopa no concello ourensán de Nogueira de Ramuín. Ollo, non é o Roteiro do Contrabando de Vilardevós, tamén en Ourense. Ese haberá que facelo outro día!

Deseñado pola asociación Móvete por Nogueira, este roteiro de entre 16 e 20 quilómetros vainos levar, sempre a través de bosque autóctono e camiños tradicionais (importante a teimosía dos deseñadores do roteiro por evitar as estradas) a través de zonas de gran valor cultural e natural vinculadas á Ribeira Sacra ourensá, espectaculares paisaxes. Nós fixémola nun sábado frío de hai un mes e algo, e foi unha auténtica gozada, un dos mellores roteiros que temos feito en tempo.

Nós comezamos o roteiro preto de Luintra (logo, ao final, porei unha ligazón a Wikiloc), a través dunha zona de muíños tradicionais, carballeiras, grandes bolos graníticos e un espectacular castro do que se distingue o foxo (por onde pasa o camiño), e vas camiñando pola súa ladeira. Nesta primeira zona, as pedras xogan con marabillosas formas, como esta da serpe:

Un pouco máis abaixo vai acontecer algo marabilloso. O río convírtese nunha destas correntes subterráneas, que vai por baixo dos teus pés, deslizándose entre batolitos graníticos a medio soterrados e a medias visibles. Covas e cavernas onde os nenos destas aldeas debían enredar, cheas de lendas. Hoxe apenas podemos albiscar este río subterráneo, que a veces provoca espectaculares afundimentos da terra.

Posteriormente afrontas unha longa subida ata a aldea de Alcouce. Unha subida meticulosa entre bosques profundos, por camiños ben vellos, ata que te sorprendes cunha destas marabillas que Galicia é capaz de dar, recantos marabillosos. Conforme imos chegando ao alto desta seria subida, os soutos amósannos uns castiñeiros inmensos, centenarios, e as ruínas dun casal. Alí observamos algo que nos deixa pampos. Un dos castiñeiros convertiuse en capeliña. Un humilde Cristo, sobre unha táboa pulcramente pintada, con ofrendas, na soedade deste lugar, testemuña de que algunha vez os homes o percorreron. O lugar é tan fermoso que mesmo un ateo coma min sente o sagrado desta fusión entre a natureza e as crenzas. Tratade o lugar con respeto se ides por aí.

Pouco despois chegaremos á aldea de Alcouce, e de Alcouce subiremos ao mirador da Lampa, onde imos ter unha perspectiva marabillosa e moi pouco coñecida do río Sil. Aló, enfronte, estarán as terras de Pantón e veremos, ao fondo, o mosteiro de Pombeiro, onde se daba un gran viño da Ribeira Sacra cultivado no seu momento por escravos musulmáns. Aló está o Castellum Minei, tamén, e toda a grandeza desta paisaxe. Porque ao fondo, tamén divisamos xa a grandeza de Santo Estevo de Ribas de Sil, cos seus arcóns e bóvedas vencendo o desnivel. Sobre o miradoiro das Campas, alguén cravou, cun humilde pau, unha bandeira galega, que zoa ao vento esfarrapada pero digna. Máis adiante, nun castro, volverán facelo. Lembroume a esa práctica tan habitual en Europa, de facer lucir as bandeiras do país nos seus contornos máis espectaculares.

A partir da Lampa, os camiños pasan a ser de media montaña. Abandonamos as fragas vizosas por unha fermosa paisaxe de batolitos graníticos e monte baixo. Todos teñen o seu nome, pero botamos en falta saber as lendas. Aquel tiña que ver con bruxas, e esoutro con fuxidos. Alí podemos achegarnos a esa marabilla xeolóxica que é a Pedra Longa.

Tedes que vela. E hai que imaxinarse aos bravos membros de Móvete por Nogueira nese barranco limpando todo para que poidamos acceder en condicións. Desde aquí quitámonos o chapeu. Desde a Pedra Longa volvede a admirar, xa máis preto, Santo Estevo de Ribas de Sil, e en primeiro plano, nun outeiro rochoso presidido por outra bandeira do país, un castro de antigos mouros. Unhas veciñas faláronnos de que a asociación tamén acababa de descubrir unha fervenza, pero non sabemos moito sobre o asunto.

Pouco despois o sendeiro vainos levando de novo para Luintra. Hai que dicir que pasamos ben preto da necrópole megalítica de Moura, pero non o indica. Marcádea para vela, porque queda ben preto, se aínda non estades cansados. A partir de aquí vai ser un descenso delicioso, por aldeas e fragas, de volta ata Luintra. Nós comezamos na depuradora de augas.

En suma, un roteiro absolutamente marabilloso, mantido por unha asociación de maneira voluntarista, e que é recomendable a calquera amante do sendeirismo, cun bo rendemento físico e, sobre todo, unha magnífica oportunidade para coñecer espazos espectaculares e descoñecidos do país. Parabéns a Móvete por Nogueira!

Powered by Wikiloc

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará