Encontros cos lectores: Clube Arao

Comezo hoxe unha nova sección do blog destinada, esencialmente, a dar conta dos encontros cos lectores. Ser unha literatura pequena nun país pequeno ten algúns inconvintes, pero tamén marabillosas posibilidades. Unha delas, das máis importantes, é o ti a ti entre o lector e o autor. Xa o explorara en Vento e Chuvia, a través da sinatura de códigos persoais nos libros, pero os clubes de lectura son un chanzo moito máis directo, moito máis conversacional.


Aquí, explicando as conexións das “tres Marías” de O Anxo Negro.

Onte participei nunha sesión do Clube de lectura Arao-Adultos (teñen outra variante no de rapaces), no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas), falando sobre O Anxo Negro. Foron tres horas de conversa -e degustación gastronómica- fluida e deliciosa. Así que agradecer a todos a súa hospitalidade, interese, e especialmente a Emilio Roca. Hai poucas cousas mellores que falar de libros: unha delas é a degustación de repostería, así que cando a literatura e os doces se xuntan a cousa non pode saír mellor.

E, nese sentido, hai que destacar unha iniciativa fantástica. En anos pasados, os membros do clube compuxeron un libro de receitas caseiras de repostería, Os postres do Arao, baseados en referencias que aparecían nas novelas que lían. O libro está esgotado pero xa puiden apreciar certo clamor reclamando unha segunda edición.

As fotos son do clube Arao, a quen lle agradezo a hospitalidade.

3 Comments

  1. Xaquín
    20 / Xaneiro/ 2017

    Falando do “ti a ti” (importante tanto no real como no virtual!), vaia o agradecemento por saber facer un marabilloso encaixe entre a realidade e a ficción…tes un algo de “pozo de ciencia” útil e agradable…fixeches ao libro dobremente grande!

  2. 23 / Xaneiro/ 2017

    Moitas grazas, Xaquín!!

  3. Lucía
    1 / Febreiro/ 2017

    Como ti dis,tres horas de conversa fluída e deliciosa,fago miñas as tuas palabras e dijoche de novo,GRACIAS.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará