Centum Celas, un arcano no mundo real

Last updated on 9 / Xaneiro/ 2017

Hai edificios e arquitecturas que parecen suspendidas no tempo, nas que non é doado atopar un enclave cronolóxico: é como se o trascenderan e entraran noutro mundo, o dos nosos soños, o da imaxinación, indo máis alá dunha cultura para converterse elas mesmas en icona cultural. Iso me pasou cando Maria João Santos me falou de Centum Cellas, este incrible lugar preto de Belmonte, en Portugal. Googleeino e de súpeto clickei na vista imaxes, ficando abraiando ante o que estaba vendo.

Unha solitaria torre, aberta por múltiples fiestras, atravesada polos aires e polos ventos; máis un elemento orgánico no medio da natureza que unha arquitectura masiva. A nosa idea de torre, no noso territorio, pasa por unha estrutura masiva, pechada, con a penas algunha fiestra de iluminación e ventilación. A torre do castelo, de avistamento, de defensa, péchase para protexerse do exterior. Pero Centum Cellas non ten medo do exterior: as súas fiestras abertas convérteno en templo, en zigurat, en observatorio astronómico, en casa de pantasmas. Inmediatamente lembrei de onde procedía a fascinación por este lugar. Porque máis alá del mesmo, parecía materializarse como un deses arcanos, como un arquetipo jungiano no mundo real. Lembrei onde conectaba na miña memoria Centum Cellas co mundo:

Quixen visitar este lugar e fixémolo estes días. E velaí que non defraudou. A visita a pé aínda engadiu detalles marabillosos a este espazo tan enigmático, comezando polo seu nome. Non está clara a súa procedencia. Durante moito tempo especulouse que se refería ás “cen celas” que tería esta cárcere; e velaí teriamos unha historia borgiana de torres, fiestras e celas interminables. O certo é que, aquí onde a vedes, os especialistas estiman a antigüidade deste monumental edificio en dous mil anos, vinculado a unha vila romana da que se aprecian as ruínas todo o redor e a un propietario, Lucio Cecilio, que comerciaría co numeroso estaño da zona. A torre de Centum Cellas sería o punto máis destacado da pars urbana desta enorme vila que dominaría o val de Belmonte.

Pero non deixa de ser unha hipótese, non demasiado clara. A súa funcionalidade segue a ser unha incógnita. Penso nesas fiestras, nesa sucesión de xanelas e portas abertas á nada, polas que o sol se filtra nos solpores.

A arquitectura doméstica e vilega romana non era amiga de tantas fiestas por unha cuestión básica de eficiencia enerxética. Pero Centum Cellas tampouco parece querer predominar (demasiado) sobre o seu contorno. Aínda que está nun promontorio, podería ter sido elevada un pouco máis alta, e sen embargo, construíu rebaixes no lombo de pedra de acordo cunha planificación que descoñecemos. Todas esas fiestras abertas, a todas partes, estarán contándonos quizais unha relación entre Centum Cellas e o seu contorno, responderán a unha angueira moi específica do seu construtor e do seu arquitecto, unha angueira non defensiva nin doméstica, senón relixiosa, ou científica?

Hai outra posibilidade na que abandonamos o sentido común e nos deixamos levar pola imaxinación. E é que Centum Cellas estea desde sempre, desde que o mundo é mundo, inalterable e sólida, nese estado na que a vemos hoxe. Gardaría nas súas proporcións a matemática do universo e a solidez da perfección arquitectónica, falaríanos de antigos mundos e humanidades, sería a primeira imaxe vista pola primeira muller. Un arcano fermoso. Unha arquitectura única que paga a pena ir visitar.

Fotos: Sole Felloza

2 Comments

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará