Corrubedo: area, sal e pedra no Atlántico

Hai algo diferente en Corrubedo (Ribeira) que saca a esta localidade do seu contorno inmediato e a emparenta con outros lugares similares no Atlántico, outorgándolle un sabor e unha identidade especial e única. A característica, finalmente, para min é o esencialismo. A paisaxe en Corrubedo redúcese ao mínimo por mor da area que inunda todo, ata que só fican grandes cons de granito, herbiñas humildes e discretas acompañadas do monte baixo e logo o mar. Aquí non hai alturas ata chegar ao monte Facho, nada que interrumpa a sensación de que no fondo isto é unha lingua de area meténdose no mar Atlántico ata a bandeira. E non só acontece no faro, onde se podía pensar, senón na propia localidade. A fachada marítima de Corrubedo, construída esencialmente a partir dos anos 20 ou 30 -como Aguiño, estes pobos naceron do auxe da pesca no século XX- por algún tipo de miragre conseguiu preservar, na súa heteroxeneidade, certa escala humana. Non hai grandes edificios de pisos, senón vivendas unifamiliares que conforman un tapiz de texturas domésticas pendurando directamente sobre o mar. Non me estraña que David Chipperfield, o arquitecto británico que pasa aquí longas tempadas, deseñara a súa casa -unha destas da ribeira- tamén xogando con este perfil fermoso de vivendas de familias que voan directamente sobre as rochas.

A escala humana de Corrubedo está aquí: no almacén en ruínas do fondo, na marea baixa na que xogan os rapaces, na auga chegando ata as vivendas que aquí se fai tolerable. Visitamos Corrubedo nun press trip organizado por Arousa Norte, o consorcio turístico dos concellos do sur do Barbanza. Unha destas vivendas unifamiliares foi recuperada para turismo rural, e atópase directamente sobre o mar. É a Casa dos Casqueiros. A min lembroume os meus recordos de infancia: cando o brillo do mar nas marés cheas formaba caprichosos vermes de luz no teito da miña habitación, na Pobra do Caramiñal, antes dos recheos.

O urbanismo caótico de Corrubedo parece medrar no medio dos areos, nese sentido de ruelas estreitas e casas humildes impregnado das artes de pesca, do saber do mar e dunha vida que nunca estaba moi distanciada da súa fonte de recursos. Un dos aspectos interesantes do Corrubedo contemporáneo é comprobar un asunto de turismo de libro: como un establecemento hosteleiro pode exercer un fenómeno tractor cara unha localidade. É o caso de Benboa, un proxecto amplo de hostelería e alimentación ubicado nunha antiga fábrica conserveira. Benboa debe ser dos poucos sitios en Galicia nos que sempre que chamo para reservar en fin de semana (teño tendencia a facelo o mesmo día, dificilmente me lembro en días anteriores) sempre están completos. Aquí apóstase por unha gastronomía do produto de mar cun lixeiros toques actualizados, pero sempre moi orientado á decisión do cliente. Por exemplo, hai unha peixería na que se pode escoller o peixe que se vai comer, ou unha zona de tenda na que eles comercializan marcas artesás e os seus propios produtos. Porque aquí ven a parte interesante de Benboa.

A primeira vez que lles escoitei falar destes proxectos xa foi coido que no primeiro Fórum Gastronómico. Tratábase de crear pratos precociñados da gastronomía galega, de calidade. Lembro, por exemplo, unha caldeirada de ría que estaba máis que aceptable. De algún xeito, en Benboa continúan con estes proxectos. É sorprendente baixar por debaixo do restaurante, onde de súpeto o edificio adquire trazas de nave industrial e nos atopamos unhas importantes instalacións de cetárea e procesado de alimentos. A idea de Benboa é comercializar en tamaños e prezos asequibles os produtos do mar galego, cunha presentación máis que interesante.

Estes percebes, por exemplo, son un dos produtos que están a comercializar. A idea dos socios é tamén construír un modelo de negocio de venda directa, sen intermediarios, dos produtos, e fidelizar os clientes con envíos regulares de produtos. Soa moi ben, pero non debe ser doado de implementar. Moita sorte aos emprendedores.

Fotos: Sole

One Comment

  1. Antón
    10 / Decembro/ 2016

    Corrubedo, Cabo Home en Cangas e quizá tamén Monte Louro en Muros comparten natureza, paisaxe patrimonio arqueolóxico ( e outros) e tamén…faros . Unha combinación que tamén se repite noutros lugares como na Costa da Morte para citar algún máis ( Cabo Vilán está a unha carreiriña dun can de Camariñas)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará