Segunda edición de O Anxo Negro

Hoxe chegou a Xerais a segunda edición de O Anxo Negro. Que unha novela en lingua galega consiga chegar a unha segunda edición en catro meses é algo que, como autor, fai que a alegría me bata no peito. Creo que as novelas -e, por extensión a literatura- é un produto de comunicación e, xa que logo, deberan estar feitas para ser lidas polo maior número de persoas posibles. Teño que agradecer a tantos e tantas lectoras que se comunicaron conmigo nestes meses. Podes consultar algunhas opinións aquí.

O anxo negro -agardo- é a primeira dunhas cantas novelas que irán chegando co tempo. A vida vai dando voltas e vai enfocándote, e a literatura gustaríame que fora unha das miñas prioridades nos vindeiros anos. Como calquera, eu parto de premisas literarias, quero saber cara onde me dirixo cando creo unha obra de ficción, quero marcar o meu camiño non só para o Anxo Negro, senón para as outras novelas que virán. Moitos dos marcos da estrada vanse atopando conforme andas, pero outros telos xa na túa cabeza. Entre aqueles dos que partía cando me puxen a escribir ficción está esta idea, compartida co meu editor: quero contribuír na medida das miñas forzas a anchear a base de lectores en lingua galega do noso país, seguindo o ronsel de moitos autores e autoras contemporáneos que se están a deixar a pel niso. Non pode ser que a lectura no noso idioma engaiole só a uns poucos, que moitas librarías teñan hoxendía, en 2016, o libro galego medio agachado como se estiveramos en tempos esquencibles, que a marca ‘literatura galega’ bote para atrás a posibles lectores. Hai que darlle a volta a isto.

Agradézovos moito, polo tanto, o agarimo con que acollestes esta historia de historias que aínda ten un longo percorrido. Se vos gustou, aimádevos a difundila, a contala, a publicala nas redes sociais: as novelas precisan do boca a boca para camiñaren e estar vivas. Xa veredes que axiña chegamos á terceira edición.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará