Por que non recuperar o castro de Punta Ostreira?

En La Voz de Galicia, publico un artigo lanzando a idea de acadar o castro de Punta Ostreira (Pobra do Caramiñal) para o patrimonio municipal:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2016/07/01/span-langglganemos-punta-ostreiraspan/0003_201607B1C12993.htm

As vilas e os concellos precisan proxectos ilusionantes, que nos unan e xeren cohesión social alén de ideoloxías e partidos, que transmitan optimismo e visualicen avances e movemento. Nada mellor para isto que os proxectos vinculados ao patrimonio cultural. O noso patrimonio une. Sei o que me digo: teño promovido moitos ao longo de todo o país.

Hai uns meses transmitinlle ao alcalde da Pobra do Caramiñal unha destas ideas: acadar para o patrimonio público da vila o castro de Punta Ostreira, límite do vello convento franciscano do Xobre. Trátase dun espazo moi agredido no seu momento, pero que segundo os informes arqueolóxicos atópase en bo estado de conservación. Nel apareceu un dos poucos -por non dicir o único- acubillo de armas nun castro en Galicia, e xa foi un importante centro simbólico na antigüidade (pensemos na ara romana localizada na praia). Conseguir o castro para a Pobra sería coherente con toda a reformulación desa área (río, factorías, humidal, praias) e permitiría abrir a vila ao tramo mellor conservado do litoral de todo o interior da ría de Arousa (o que vai do castro ata Cabío), engadindo un espazo singular e valioso. Aí teriamos a estratexia e o proxecto para todos. O legado da nosa xeración.

Conseguirmos o castro non ten por que custar cartos: en moitos concellos o patrimonio adquírese a partir de permutas satisfactorias para todas as partes. Traer esas valiosas armas galaicas para a Vila sería outro dos chanzos. Estou convencido que moitos pobrenses (eu incluído) colaborariamos xenerosamente co proxecto.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará