Manuel Bistró: restauración heroica en Monforte de Lemos

O conciñeiro Manuel Fernández propón unha restauración moderna e de prezo imbatible en Monforte de Lemos

Se á viticultura nas ariscas e verticais ladeiras do Sil se lle chama “viticultura heroica”, á gastronomía do novo cociñeiro Manuel Fernández, o restaurante Manuel Bistró, tamén se lle pode chamar “restauración heroica”. A zona de Monforte e en xeral a Ribeira Sacra adoece de sitios de referencia para a restauración que vaian un pouco máis alá do concepto “casa de comidas”. En realidade, é un gran problema para o desenvolvemento do sector turístico da zona e mesmo da industria do viño, e o mesmo acontece nos resto das denominacións agás Rías Baixas, onde a oferta de restauración si é moito máis diversificada.


Tosta de foie.

O restaurante Manuel Bistró é unha interesante evolución a partir do clásico negocio de vodas. De feito, a entrada ao recinto é toda unha lección dos cambios na idea da arquitectura de restaurantes desde os 60-70 ata a actualidade. Por unha banda está un gran edificio branco, que debe acoller o salón de vodas, estilo “desarrollismo galaico dos 60” e por outra banda está a moderna construción onde se atopa o Manel Bistró, un concepto de restaurante aberto e modular, moi diáfano, con grandes lunas, perfectamente regulado na temperatura e coa cociña á vista.


Langostinos con prebe de soia

O restaurante ofrece unha carta de pratos relativamente ampla, e unha excelente adega na que se miman moito as referencias da Ribeira Sacra. Menciono isto especialmente porque non é tan habitual que un restaurante da zona vinícola galega aposte tanto polos viños do territorio. O servizo do viño, ademáis, impecable. Solicitamos unha botella e, ante a ausencia de stock, o camareiro buscou un equivalente ao mesmo prezo da que pediramos. Resultou ser un Cruceiro, un Amandi a 10 euros en carta que é unha estupenda relación calidade prezo.


Bonito con coulis de tomate

Ademáis da carta, o Manuel Bistró ten dous menús degustación, o Coupé e o Longueur. O Coupé ten un prezo imbatible de 24 euros (creo lembrar) e o Longueur de 37. Tamén hai un executivo a 14 euros. Quen queira que estea afeccionado aos prezos dos menús degustación na Galicia litoral estará bastante abraiado con estes prezos, pero é para estalo. Escollimos o Coupé e non ficamos para nada defraudados. Un concepto de gastronomía moderna, con cousas que estaban de moda hai tres ou catro anos (non serei eu quen o critique, hai que facer esa gastronomía en Monforte de Lemos), moi ben preparadas, con cociña lixeira, de excelente calidade no produto e certa atención á estacionalidade.

Comezamos cunha tosta de foie, seguido cun dos clásicos da casa, uns langostinos fritidos e crocantes en preve de soia, un bonito en coulis de tomate e un solombo ibérico, para rematar con iogur artesán. Un menú tecnicamente impecable, ideal para facer turismo pola tarde sen sensación de pesadez. Mención importante tamén é o excelente e impecable servizo de mesa.

Non é doado apostar por unha gastronomía “algo distinta” en territorios de padal moi conservador, pero o mozo Manuel Fernández parece que foi conseguindo a fórmula: contendo o risco, apostando por sabores populares, ricos e por unha gastronomía que permite facer vida no resto do día. E a prezos insoñables, nestes momentos, nas Rías Baixas. Merece organizar unha excursión a Monforte para comer aí. A ver se mañá ou pasado podo darvos algunha pista máis para visitar esta vila luguesa.

Fotos: Sole Felloza

6 Comments

  1. R.
    5 / Setembro/ 2015

    Ten relación co Manuel fronte ós Escolapios? Se non coñece a fake praia da Cova, non falte.

  2. 7 / Setembro/ 2015

    Pois non o sei, boa pregunta!

  3. Pilar
    1 / Outubro/ 2015

    Se me permitides, o Don Manuel, está xusto a carón do Manuel Bistró. Son pai e fillo. Fronte aos Escolapios están, na actualidade, e entre outros lugares de tapas, o JM e o Edulis, bos exemplos tamén do ben que se come en Monforte.
    Suculento post, Gago!

  4. R.
    5 / Outubro/ 2015

    Pois moitas grazas, Pilar. Haberá que volver pronto a Monforte.

  5. R.
    17 / Outubro/ 2015

    Volvín, e doulle a razón en todo. Menú e atención impecables, pese a que fumos en domingo e estaba aquilo ata os topes. O cal valeu para comprobar que é tamén un bo espazo para os que temos familia con saboteadores de xantares (xúntanse todos fóra e berran alí, é ideal), prezo absolutamente fóradeserie e varios pratos e un postre para lembrar. Non se me olvidan a brocheta de rape con cecina, nin o tiramisú con ese “xarope” de frutos vermellos, nin os langostinos, nin o peixe… Quero volver pronto.

    Como di Pilar máis arriba, probe algún día o J.M. e pida un Mencía da casa. O Edulis apúntoo para a próxima, que será pronto.

    Ah, e moitísimas gracias pola recomendación, claro. Demos un rodeo á volta de Ourense para ir xantar alí, e que kms. de máis tan ben aproveitados.

  6. 17 / Outubro/ 2015

    Pois alégrome moito que lle gustara! A verdade é que relación calidade-prezo é estupenda. Probarei o J.M. con moito gusto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará