O estraño presaxio dos ceos durante a Guerra Civil

Ou de como os nosos avós volveron a ler os céos en clave de funesto augurio

Os seguidores de Capítulo Cero lembrarán que en maio publiquei un documento fascinante localizado por meu pai: o dietario do patrón de barco Carmelo Domínguez, un mariñeiro da Pobra do Caramiñal que entre os anos 20 e 40 do século XX foi levando un rexistro escueto pero denso da vida e da morte na Pobra do Caramiñal. É un documento interesantísimo para coñecer a sociedade vilega dunha poboación marítima galega e a penetración dunha industria cultural tan importante coma o cinema.

Ao ler o documento quedeime intrigado cunha sucinta anotación. Cando chega a Guerra Civil, don Carmelo Domínguez fai anotacións máis breves, e apréciase o terror que se instala, sobre todo no primeiro ano do conflito. Pero no ano 1938, en xaneiro, aparece esta anotación:

DIA 25.- Se vio una aurora boreal que duró hasta la una del día siguiente, admira a la gente haciéndole pensar en “nuevos castigos”

Quedeime moi intrigado con isto, non só polo propio fenómeno metereolóxico, que me resultaba chocante, senón tamén con algo máis profundo desde o punto de vista cultural. Tradicionalmente asignabamos a sociedades prehistóricas ou antigas a interpretación do céo como predictor do noso futuro. A astroloxía, etc. Pero aquí estabamos vendo, en pleno século XX, como nunha vila galega un fenómeno que sucede na atmósfera é contemplado como un aviso sobre o futuro. Algo tan impresionante e tan raro de ver nas nosas latitudes como unha “aurora boreal”.

Posteriormente, falando con outros amigos sobre este tema, varios deles afirmaron terlles escoitado aos seus avós que se producira esta “aurora boreal” e que provocara unha gran desazón na xente. Hai que pensar que no ano 1938 o conflito bélico xa estaba moi focalizado e que as zonas de retagarda, aínda que seguían baixo un réxime de terror, xa pasaran o peor. Pero habería que situarse no momento e saber o que podía ser iso.

Onte, falando co físico Julián Flores, volveu a aparecer esta historia. “Claro, é a tormenta solar de 1938”, díxome, e pasoume algo de información sobre ela. Así que, en realidade, tratárase dunha aurora boreal que, nas nosas latitudes, se manifestara nunha estraña cor vermella inundando o horizonte noturno. O fenómeno, e ademáis con esa cor, non puido ser considerado fermoso nin moito menos, senón vinculado de forma sobrenatural a unha guerra que os ía marcar para sempre, ao ceo tinguido de sangue coma se fora un versículo bíblico. A tormenta solar de 1938 afectaría especialmente aos sistemas eléctricos nas comunicacións trasatlánticas e nos Estados Unidos, onde a electrificación urbana era moito maior. Aquí, sobre todo, fíxonos volver á Idade Media ou á Antigüidade por uns días.

Un detalle interesante é que o propio Don Carmelo Domínguez define o fenómeno como “aurora boreal” xa desde o primeiro momento, como é lóxico nunha vila de mariñeiros que poderían estar perfectamente familiarizados co fenómeno nas súas viaxes polo Atlántico. Lendo algunhas testemuñas do fenómeno noutros puntos da península, a definición que dan os paisanos é moito menos precisa.

Esta é a típica historia que eu nunca oíra pero que, cando a compartes, resulta que a sabía “todo o mundo”, hai ducias de publicacións, etc. Teño que recoñecer que eu non tiña nin idea, así que a comparto para que outros tamén o poidan saber e, sobre todo, buscar testemuñas. Tedes escoitado na vosa casa sobre esta aurora? Sabedes algunha anécdota? Se é así e vos apetece, deixádea nos comentarios.

7 Comments

  1. bea
    30 / Xullo/ 2015

    A min contárnome que ao meu avó trincoulle un tornado perto dunha praia do Grove. Semella que en Arousa son máis frecuentes do que se pensa.

  2. xos
    31 / Xullo/ 2015

    Científicos veñen avisando de que non estamos preparados no caso dunha gran tormenta solar, como a histórica do século XIX. Todo é eléctrico, e por mor dun fenómeno cósmico, a civilización pode pasalo moi mal se tal cousa, (pouco probable pero perfectamente posible) sucede.

    Magnífico que os mariñeiros souberan de que se trataba,

  3. manel
    1 / Agosto/ 2015

    Minha nai (nada en 1941) comentoume, cando eu era pequeno, que o meu avó lle dixera que unha vez apareceran letras no ceo, un sinal de mal agoiro, pensaban que era o fin do mundo.

  4. pablo
    2 / Agosto/ 2015

    De chaval volviamos a casa con las bicis ,el sol se metía ya , un atardecer de esos rojos intensos de verano. Lo estabamos comentando lo rojo que estaba y una señora de la aldea de 98 años nos dijo:
    “rapaces, eso é que ven guerra.cando esta tan roxo, e que ven sangre”
    Siempre recordé eso.De aquella no conocía la tormenta solar del 38 ni que fué excepcional, sino le hubiera preguntado muchos mas detalles.

    Añado que la gente estaba sensibilizada con eso y causó gran impacto porque era archisabido que una de las profecías de Fatima (año 14) decia que “Cuando veáis una noche iluminada por una luz desconocida, sabed que es la gran señal que Dios os da de que va a castigar al mundo por sus crímenes, por medio de la guerra, del hambre y de persecuciones a la Iglesia y al Santo Padre” lo cual es evidente que se cumplió en años posteriores JEJEJEJEJJE

    Por otra parte Bea sobre los tornados, una vez ví un rabo de nube encima de la lanzada , desde la carretera. no llegó a tocar suelo, pero se vió claramente como un tornado ,durante unos 10 segunos despues se deshizo tan pronto como se formó.

  5. xandre
    22 / Agosto/ 2015

    Eu coñecía a historia por boca de meus pais. Á miña nai colleuna en Vigo, a meu pai en castela. Ambos falaban dunha aurora boreal, pero recollían o sentir común de que fora un mal agoiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará