Os pequenos tesouros domésticos

Como sempre digo, en Galicia temos a inmensa fortuna de que pasado e presente interconéctanse continuamente, creando novas relacións, novos sentidos e significados para as cousas.

O que me gusta da arqueoloxía é sobre todo aquelo que nos conta máis sobre o que somos de humanos. Un achado frecuente en Galicia son os chamados tesouriños. Pequenos potes, ás veces bolsas de lenzo xa podres, nos que os nosos devanceiros agachaban as súas posesións monetarias. Os tesouriños comezaron a florecer coa chegada da moeda a Galicia, en época da conquista romana, e tiveron algún que outro momento álxido. Especialmente habituais son os tesouriños do final do Imperio Romano. A súa abundancia reflicte, dunha maneira intensa, a inestabilidade de vidas e facendas no país cando o Imperio se estaba desmoronando. Unha cousa chamativa é que os tesouriños baixoimperiais atópanse moitas veces en castros que foran abandonados séculos antes. Imaxínome ás xentes subindo de novo aos vellos castros. Se cadra lembrarían aínda a casa dos seus devanceiros. Subirían pensando que alí o seu tesouro non sería localizado, entre aquelas ruínas que ao mellor, anos despois de ser abandonadas, aínda funcionaron como pendellos da casa. Igual que hoxe podemos ver, nas aldeas galegas, a casa nova de ladrillo ao carón da casa vella, reconvertida en corte das vacas, adega ou alboio. Aquelas xentes gardarían o máis valioso que tiñan, o diñeiro acumulado pacientemente, no berce da súa propia memoria, entre as pedras dun muro.

Os albañís do país teñen moitas historias de tesouriños, as “moedas de ouro” atopadas ao desmontar as vellas casas de pedra. E non só moedas: a casa era o lugar no que vivir pero tamén o lugar no que acochar o valioso.

Onte tivemos a sorte de conectar, momentaneamente, os cabos do pasado e do presente na nosa casa, e o reflectimos no vídeo que vedes aí arriba. Desmontando un espazo, oculto baixo unha pedra, puidemos ver como arqueoloxía, etnografía e psicoloxía fundíanse nalgo tan humilde como o que vedes neste vídeo: un acubillo que gardaba un tesouriño que foi conformado aínda a finais dos 80 ou se cadra principios dos 90. Un tesouriño de valor irrelevante no económico, pero cheo de valores no simbólico. Escintilantes pesetas que a penas viron circulación, acumuladas e escondidas nun cuarto inaccesible, deliberadamente camufladas. Se cadra esperando eses tempos míticos, futuros e irreais que lle teño escoitado a moitos paisanos: eses tempos que virán no que os pesos se vendan a sete pesetas e nesa leira mínima que non quero vender quererán construír un gran centro comercial que encherá as nosas contas no banco. Ou aqueloutros tempos nos que a pobreza será tanta que ese tesouriño de pesetas quitará a fame por un tempo. Porque esta forma, esta práctica cultural, está na cerna do pensamento rural do país, vinculando a través destas humildes moedas de latón dous mil anos de vida no territorio.

3 Comments

  1. oubeando polo val
    16 / Xullo/ 2015

    o de aghochar os carrtos nun furaco ou hoco
    da borralleira e algo que aqui na wolfland se facia de comun, ainda que o mais norml por este slarese atopar revolveres, que non pistolas, o arranxar as vellas casa ou cabnotes, moitas de elas falan dun tempo perdido , de guerras en africa e dunha relacion cos veciños un tanto far west.

  2. De celebración
    21 / Xullo/ 2015

    Ha vuelto Celtiberia.net totalmente renovada, una página histórica para debatir sobre la historia.

  3. Pancho-Lapatianco
    25 / Agosto/ 2015

    Manuel, o que son as cousas.
    Unha boa amiga acaba de comprar unha casiña de pedra ó pé do Ulla, que ben puido iniciarse hai un par de séculos, para iren restaurando ós poucos.
    Esta fin de semana de limpeza atoparon o “tesouriño” da casa. Pero desta vez en forma de billete de 100 pts. (dos últimos ca efixie de Falla) agochado na parte traseira do marco dun cadro. Nun magnífico estado. Non será moi antigo o tesouriño, pero alí estaba, esquecido se non chega ser a curiosidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará