Localizada unha nova fortificación no monte de San Bartolomeu (Vimianzo)

Este apacible lugar de romarías foi, no seu tempo, unha impresionante fortificación de catro hectáreas e dúas liñas de murallas perfectamente fusionadas coa accidentada topografía do monte

O monte de San Bartolomeu (Vimianzo) é un pronunciado promontorio de máis de catrocentos metros de altura, que sobrancea nas terras de Soneira. Todo el está composto por inmensos e caprichosos batolitos de granito que crean un espazo de paisaxe lunar. Alí, no alto, tras complicadísimas rampas, hai unha capela que celebra todos os finais de agosto unha romaría dedicada a San Bartolo. A figura está custodiada na igrexa de Salto e só se sube, por motivos de seguridade, o día da romaría. A ermida é de boa fábrica de canteira (tiña excelente materia prima aos pés) e seica foi levantada pola devoción de dous labregos da zona a finais do século XVII. Debido ao afastado do lugar, a romaría deixou de celebrarse nalgún momento do século XX ata que foi recuperada nos anos 80-90 polas xentes de Vimianzo.

Moitos se preguntaron que pintaba unha ermida nun lugar tan afastado de todo. A clásica hipótese popular dos lugares de culto pagán previos, etc, era habitual. Pois creo que a partir de hoxe temos un dato que nos permite explicar un pouco mellor a ubicación da capela.

O monte de San Bartolomeu albergou unha grande e misteriosa fortificación que abrangueu toda a zona superior do monte, unhas catro hectáreas. Dispomos de numerosas evidencias fotográficas que evidencian a existencia deste sitio arqueolóxico, con secuencias que nos permiten comprender, ademáis, a grave degradación da fortificación nos últimos anos. Esas catro hectáreas sitúan a San Bartolomeu como a fortificación posiblemente máis grande da terra de Soneira, pero ollo porque a medición tamén ten truco: o accidentado do monte fai que realmente, desas catro hectáreas, como moito dous son aproveitables como área residencial, etc. Pero tamén este vai ser un dos aspectos interesantes desta fortificación.


Foto de 1946.


Foto de 1956.

A fortificación consiste en dúas liñas de muralla que seguen o mesmo patrón básico: tiran liñas de lenzo de pedra que conectan zonas de grandes batolitos, creando unha impresionante combinación de tres factores na súa arquitectura defensiva: a agudísima orografía, a topografía accidentada e a acción humana que complementa os dous factores anteriores creando un recinto defensivo. A primeira liña de muralla ten un perímetro de 735 metros e protexe a zona exterior, especialmente as áreas máis vulnerables ao norte e ao sur do monte, mantendo a cota no norte, oeste e leste, pero baixando no sur para adaptarse ao terreo no que se produce un peche dunha terraza e onde nos teñen comentado que está a coñecida como “fonte do santo”. Nesa terraza sur parece existir tamén unha entrada da terraza, ubicada no estremo leste do lenzo.

A segunda liña de murallas, máis preto do cumio (pero non inmediato a el) é especialmente interesante, xa que porfía en mater unha disposición case rectangular, con lenzos rectos que xiran realizando ángulos curvos soportados pola disposición das pedras. As dúas murallas, a xulgar polo que se ve nas fotografías aéreas, teñen unha composición pétrea.


Principais zonas afectadas pola construción das pistas e a forestación da ladeira leste.

A partir dos anos 70-80, as obras de acondicionamento feitas polas comunidades para revitalizar a romaría de San Bartolo, canda as tarefas de forestación daquelas zonas do monte menos accidentadas por batolitos, levaron a unha grave alteración do sitio arqueolóxico nesas zonas, como se pode ver na fotografía, pero a xulgar polo modelo dixital de terreo construído a partir dos datos LIDAR, as principais obras de aterrazamento, nivelación e elevación da muralla parecen ter sobrevivido (polo momento).

Comuniquei a existencia deste posible sitio arqueolóxico ao concello de Vimianzo e á Dirección Xeral de Patrimonio, para que realice as accións e medidas pertinentes.

Interpretación: de que época pode ser?

É moi posible que a fortificación se atope en mal estado debido ás obras levadas a cabo nos últimos anos, pero cando se ve unha fortificación deste tipo se me viñeron dúas hipóteses á cabeza. A primeira, que se trate dun castro da Idade do Ferro I. Os asentamentos do Ferro I (poñamos por caso, VIII-V a.C.) son bastante distintos aos xa “clásicos” do Ferro II. Os castros do Ferro I ubícanse en grandes alturas, teñen murallas de certa preeminencia, parecen máis preocupados pola visibilidade e polo control de accesos que por terras de boa produtividade agrícola. No Ferro II os castros vanse parecer moito ás aldeas actuais: van procurar espazos no límite entre o monte e as terras cultivables, que combinen a boa defensa co acceso aos espazos de traballo. Se mirades a seguinte foto, por exemplo, poderedes ver os castros de Sansobre e de Salto (esquerda e dereita) ocupando espazos coma o que vos digo, e no centro San Bartolomeu, nunha zona de monte e cuns solos moi pobres ao redor.


Castro de Sansobre (esquerda), San Bartolomeu (centro) e castro de Salto (dereita)

Curiosamente, sen saber isto, en Vento e Chuvia ambientei neste lugar, en San Bartolomeu, a residencia máis ou menos provisional do traidor Dagenos, irmán de Maghilos de Brigantia, a quen os ártabros lle outorgaran Sentiobre Vello. Un pouco a explicación de todo isto era que os habitantes do castro de Sansobre puideran ter vido dun primitivo asentamento no alto dese monte do cal aínda conservaran a memoria e a propiedade, uns centos de anos despois. Entón, cando un aliado pide refuxio, danlle unha fortificación, pero aquela que xa non ten valor real para os habitantes da comarca: este áspero monte. Manda truco coa casualidade!

A outra explicación está baseada na interesante morfoloxía do castro e as súas dimensións. Un problema para que sexa do Ferro I é a gran dimensión do recinto fortificado final, non tanto porque precisaría dunha comunidade grande de persoas -que sería unha rareza no Ferro I- senón porque a súa defensa -unha liña de muralla moi complexa, de 775 metros de longo- se fai moi díficil para unha pequena comunidade desa época. Obviamente, a disposición de elementos lémbranos moito a esoutras fortalezas que levamos tempo estudando e de moito máis difícil encaixe cronolóxico e funcional. Ten un gran parecido a Torre dos Mouros ou Pindo central, por falarmos de lugares da Costa da Morte, ou outras similares que temos no sur de Galicia. O seu aillamento no contorno, a ausencia dun contexto produtivo agrario, a aparente necesidade dunha gran visibilidade sobre o contorno que rebase o propio val de Soneira ou similares, que é o patrón dos castros da zona, parecen falarnos dun contexto sociopolítico distinto, e dunha proximidade máis que formal a estoutras. E un dato a maiores: o lugar non é coñecido como “castro”. E cando a unha fortificación non se lle chama castro… :-)

Agora ben, calquera hipótese neste momento é benvida, e todo debe estar moi aberto. E Vimianzo debe estar moi contento: a partir de hoxe é máis rico e diverso nun ben tan escaso como é o patrimonio cultural.

Consulta a localización en patrimoniogalego.net

7 Comments

  1. Manuel Rial
    26 / Decembro/ 2014

    Sorprendente. A min xa me parecía raro que en todos os montes que rodean o Val de Soneira non houbera vixiancia. Por topónimo hai do outro lado o Monte da Vela. Pero evidencias, ningunha. O lugar é perfecto para ter unha boa visión tanto deste val como do de Salto, ademais de ter unha panorámica que chega aos Penedos de Pasarela e Traba até o Pico de Meda en Zas. Desde este lugar tamén se tería visión da Torre da Moa e do misterioso “Bico dos Xentís” ou A Cerca, nas terras de Serramo. Coa boca aberta!

  2. pablo
    27 / Decembro/ 2014

    Vaya!, conozco ese monte, estuve por ahí arriba el año pasado.Creo recordar que había varios terraplenes de tierra hechos para aparcamiento de los coches el día de la romería.

    Esa fila de 3 castros me recuerda a otra de unos 5 que hay cerca de Silleda. Muy próximos y parecen como si fueran torres o bastiones de una hipotética frontera.
    pongo la foto aqui: http://indata.es/ALMACEN/IMAGENES/4castros.jpg

    Tú que crees que eran?

  3. 27 / Decembro/ 2014

    Si, as obras da pista en zigzag e o tema dos terrapléns para gañar aparcamentos deixaron feito polvo a parte norte (aínda así fican restos). Eu creo que a parte mellor conservada debera ser, nestes momentos, a sur (e que debe estar baixo un mar de toxo!). :-)

    Coñezo ben ese caso de Silleda que comentas, pero por agora o asunto dos castros moi próximos entre si é unha incógnita porque nos faltan datos. Na zona (no Deza e proximidades hai varios destes casos) escavouse só un que parecía pertencer a un conxunto de dous, o famoso castriño de Bendoiro. Entre as conclusións que aparecen detalladas nos paneis divulgativos pagados por ADIF e que están alí (a única fonte de info oficial, xa que non se publicou, que eu saiba, ningún estudo polos escavadores) as conclusións nese caso son bastante chamativas. Parece ser que un sistema de gabias conectaba entre si os dous xacementos, formando unha curiosa unidade. Pero como non se escavou o outro castro, tampouco sabemos indicar se esa unidade se correspondía con algunha diferencia entre os xacementos.

  4. oubeando polo val
    28 / Decembro/ 2014

    si o tema aparcamientos e o asfaltado-hormigonado deica a mesma capela, fui unha desas cousas que se fixeron cando sobraban os cartos ou cando se facian obras do tipo faronicas por motivos dunha festa que se celebraba unha vez o ano como e este caso…. ainda que calquera dos veciños da parroquia de salto che dira que foron ben empregados… para gustos colores

  5. Javier Felíepz
    29 / Decembro/ 2014

    Vai resultar verdade eso de que detrás de cada lenda sempre hai algo de certo. Miña avoa era dun lugar (As Pasantes) que está xusto na faldra do Monte da Vela, que tal e como dixo Manuel Ríal no seu comentario, está enfrente de San Bartolo, cara a cara un e máis o outro. Sempre fun moi aficionado á historia e á arqueoloxía e miña avoa sempre me contaba contos de vello en relación cos monumentos e lugares da zona. Un deles resulta ser que tanto no Monte Vela como en San Bartolo, refuxiarónse os habitantes da zona para defenderse dos “mouros” ou de faccións rivales (isto non o lembro moi ben) cando estes os atacaron e contaba que existía un túnel que comunicaba o Monte Vela, con San Bartolo e o Castelo de Vimianzo (tunel que moito busquei cando era pequeno, con resultados infructuosos por suposto). De feito miña avoa sempre dicía que de tantas mortes que deixara a loita entre os poboadores autóctonos e os chamados “mouros”, nas Pasantes antigamente chamábanlle monte Sangue ao monte da Vela. Sempre me gustou moito esa historia, da que non atopei máis datos que a tradición oral da miña avoa e outras vellas da aldea, todas falecidas hoxe en día, pero vexo que tal vez algo había de certo na mesma. Feliz ano e noraboa polo teu traballo.

  6. 29 / Decembro/ 2014

    Si, Oubeando, non podemos tampouco culpalos de querer “adecentar” en termos provisionais o acceso, nin moito menos. Ao seu xeito, eles tamén querían recuperar o patrimonio -material e inmaterial- da parroquia.

  7. 29 / Decembro/ 2014

    Moitas grazas pola valiosísima achega, Javier! Unha información valiosísima. Mira, o tema do túnel “non falla”. Cando hai túnel entre dous sitios, algo adoita haber en cada un dos estremos, aínda que sexan cousas disimilares e en apariencia incompatibles. No comentario da túa avoa hai aspectos moi interesantes, como ese vínculo Vela-San Bartolo. En principio, alomenos desde as fotos aéreas, eu nas aéreas nin nos MDTs do terreo vin nada que leve a inducir a unha fortificación. Agora ben, o nome da Vela tamén é interesante de vez, porque é o topónimo que lle quedou a moitos montes tralas partidas organizadas polo exército para establecer vixilancia contra posibles invasións da costa no século XVII.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará