Cando as baleas entraban na Arousa (II): o poema completo da balea de Peralto

Recuperamos as coplas completas da balea de Peralto (Escarabote): unha xoia da lírica popular arousá

Os lectores de Capítulo Cero lembraredes un post que escribín en setembro ao redor dos antigos poemas populares que se conservaban nas aldeas da ría de Arousa sobre o varamento de baleas. Se lembrades, unha das baleas que falabamos era a de Peralto (Escarabote). Dicía o seguinte:

Outra balea que xenerou un auténtico acontecemento foi a que embarrancou en Peralto (Escarabote), e aínda debía estar viva. Queda a memoria dela en señores e señoras moi maiores que era nenos cando o viron, e as coplas que se inventaron valeron para preservar esta memoria. O poema chegou moi mutilado a nós, pero chegou. A señora María Treus, dos Casais de Graso, lémbraa porque xa que ela era da aldea da Madanela, cando tiña que baixar á Vila (a Pobra do Caramiñal) a vender os produtos da horta íaa cantando, coas outras nenas, polo camiño. A copla completouse cos recordos de Tareixa Abuín, axudada polo seu home Bieito López.

Pois ben, meu pai Manuel Gago Pérez, que está a facer un traballo inxente e memorable de recuperación da memoria mariñeira da ría de Arousa, conseguiu un auténtico tesouro. O poema completo que narra o episodio do varamento da balea de Peralto, aló a principios do século XX. Estaba mecanografada, e tíñaa gardada Manuel González Davila (Manolo das Taras). Podes baixar o orixinal en pdf aquí. Os recordos da poboación contan que ao final non se deron desfeito da balea e acabárona botando ao mar en cachos porque xa apestaba Escarabote. Iso xenerou un incómodo dano colateral: como en Escarabote eran moi dados ao uso do bou de vara, un aparello de arrastre, este non facía máis que enganchar nos cachos da balea, na súa osamenta, etc, e andaban ás voltas ata que lles rompía o aparello. Lembrábanse ben da condenada balea cada vez!

O poema é unha pequena xoia da tradición oral arousá. Está construído en coplas e preparada para ser vendida en feiras da comarca. A súa estrutura formal permítenos ver como se construían os esterotipos que definían as diferentes comunidades da comarca; o humor como característica fundamental dunha sociedade viva e dinámica, a da Galicia de principios do século XX. Pero ao lela por primeira vez despois de tantas décadas, non podo menos que pensar, en certo xeito, neste retrato colorista dunha fartura ocasional que o mar trouxo a comunidades que non podían acceder doadamente á comida de carne, ou con tan elevada cantidade de proteínas. O retrato que vemos aquí ten ese metatexto: a dunha sociedade case vexetariana (por forza) que está a vivir un festín do azar. Cantas veces se repetiría isto, cantas veces se contaría esta historia en versos, na historia das nosas rías? Estou convencido de que hai máis de dous mil anos, nunha vella lingua hoxe perdida, as comunidades da Idade do Ferro, e antes delas as do Bronce, e antes delas as Neolíticas, celebraban festivamente este agasallo da natureza con métricas, con estereotipos locais e con humor. E, seguro que como en aquela época, o noso poema ata ten un heroe, José Ramón. Que faria exactamente José Ramón? Iso se nos escapa.

Aló imos a ver o poema, que volve a ser público despois de durmir décadas nun caixón. Clicka no interior do post para podelo ler.

PRIMEIRA PARTE
Aquí vimos a cantar
Escoitade una gran cousa
Un peixe de vinte metros
Entrou na Ría da Arousa

Dixemos os mariñeiros
Ahí vén un barco de guerra
E cando varou na Praia
Vimos que era una balea

Cando se encontrou varada
Non vin cousa coma ela
Cos zapatazos que daba
Anegaba a Madanela

O día sete de maio
O que houbo de suceder
En Boiro en Escarabote
Desgracias houbo de haber

Eran as catro da tarde
Oeuse una ghritaría
Que lle foran acudir
Que a balea os comía

Acudiron de Rianxo
De Cespón en Taragoña
Para matar a balea
Todos traían lagoña

Mátalo, mátalo, mátalo,
No lo puedo matar
Qué dientes, qué ojos
Tiene el animal

Viñeron de Sanisidro
De Gonderande e Lesón
Para matar a fiera
Todos traían arpón

E dixo un home de mando
Que de patrón ten a fama
Collede remos e picas
E embarcarse nas chalanas

Cando chegaron as gamelas
Quixeron manobrar
Non se acercaban o peixe
Nin de terra nin do mar

E dixo un mozo solteiro
Que é un home de traballo
Larguémoslle un ahorcaperros
Faise firme a este carballo

Fixeron a manobra
O lazo foi ben votado
Levou malletas e homes
Hasta arrincou o carballo

Dixeron os da Madanela
E tiñan moita razón
Para matar a balea
Ten que vir un avión

E contestou outro home
Non fai falta o aparato
Vou buscar outro invento
De matar con zapato

Non valeron as chalanas
Nin valeron os arpóns
Que quen matou a fiera
Foi tal José Ramón

Cando estaba na agonía
Moito traballou co rabo
Que chalana que collía
Botaba o campanario

De que morreu a balea
Todos fomos a ghritar
Que viva José Ramón
Matou o peixe do mar.

SEGUNDA PARTE

E dixo un mozo da Lomba
Casado en Escarabote:
Non lle toquedes o peixe
Que é meu o ballenote

Contestoulle moito un mozo
Coa palabra lixeira:
Quen me paga o meu traballo
De darlle coa pandulleira?

Dixo o dono da balea:
Tamén entendo de mar
Por lle dares co pandullo
Non tes nada que cobrar

Contestoulle un compañeiro:
Eu pesco peixes sen bica
E mereso parte e media
Por ir a clavar coa pica

E dixeron os dos bistés
Na casa do taberneiro:
Que non destraghen o peixe
Que sabe coma carneiro

E o dono da balea
Colleu rumbo a Ribeira
E foi vender o peixe
A una fábrica de Palmeira

Contestóulle o fabricante:
Comprareicho meu amigo
Pero antes de comprarcho
Teño que falar con Vigo

O que se chamou ao peixe
Non se levou mal calote
Chamou homes o xornal
Para abrir o ballenote

Foron abrir a balea
Con machados e serróns
Dentro da barriga tiña
Un tren con vinte vagóns

Dixemos mosos e vellos
Polo sí, polo non
Este tren lle pertenece
A provincia de Lesón

E chegou o fabricante
Co vendedor a falar:
Pode disponer do peixe
Que non cho podo comprar

E falou por conferencia
A plaza de San Martiño
Véndense cachos de atún
A peseta medio quilo

E veu una muller gorda
Que vive alá en San Paio
Eu quero cincuenta quilos
Se mos dades polo rabo

E para o levar nun feixe
Xa foi pedir un cabestro
E tanto quixo cargar
Que hasta lle rompeu o cesto

Comeron peixe sen conto
Ela e mailo seu señor
Alá pola media noite
Chamaban por un doutor

Ainda que sexa da boliña
Tamén temos que falar
Que de tanto que comeron
Tuvéronse que purgar

O peixe coma era grande
No poideron acabar
Tuveron que vir os barcos
Para pódelo sacar

TERCEIRA PARTE

Desmarraron os mercantes
Do río de Pumadiño
E foron cargar o peixe
Para Ouxo e Vilariño

E caeuse un temporal
Que se picou moito o mar
E fórono descargar
a capital de Baltar

E cargaron as chalanas
De Escarabote e Ribeira
Para ir a descargar
A fábrica da Plagueira

Tendes que esperar un pouco,
Contestóulles o encargado
Non podo meter o peixe
Sen me vir razón do amo

E dixo moito un patrón
Que gobernaba una gamela:
Vamos a rogar co peixe
A cidade da Aldea Vella

Contestóulle un labrador:
Non esteas disgustado
Aquí non se vende nada
Hasta xoves que é mercado

Saleu o tren de Lesón
E veu pola carretera
Alí envisteu cun burro
Que saleu da Aldea Vella

E díxolle moito o burro:
Ahí quedas escarrilado
Que eu sigo para Palmeira
Coa miña ama cargado

Aquí se acaba a historia
De este peixe desgraciado
Porque xa nacera co signo
Que había de ser varado

6 Comments

  1. 10 / Decembro/ 2014

    Pois se a copla fala dun avión os feitos son de despois de 1913, e probablemente posteriores.

  2. 10 / Decembro/ 2014

    Nos comentarios do anterior post eu estimaba que a cousa debe suceder nos anos 30 ou por aí.

  3. teu pai
    11 / Decembro/ 2014

    Foi o finais dos trinta ou primeiros dos corenta. O dobodión foi no corenta e tres e xa lle copiaron algo.

  4. O neto do Carrecho
    20 / Xaneiro/ 2015

    Foi polo 1943 ou así, miña avoa, nacida no 1936, tiña como sete anos, sempre mo conta ela, grande acontecemento!

  5. Teresa
    20 / Xaneiro/ 2015

    Tivo que ser a finais do 30 ,a miña nai naceu no 29 e recordaba de cando era nena.

  6. Bea
    20 / Xaneiro/ 2015

    Meu pai naceu no 37 e tamén me conta a historia, di que era el pequeno…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará