Grazas a Henrique Neira, coñezo Secrets from the Sky, unha serie producida por ITV que ten como obxectivo explotar popularmente a moda dos drone, aplicados á arqueoloxía, e xenerar unha narrativa ao redor deles. A serie está conducida pola historiadora Bettany Hugues e o arqueológo especializado en arqueoloxía aérea Ben Robinson, e cada pequeno episodio (duran 22 minutos) está dedicado a algún espectacular sitio arqueolóxico británico. Por exemplo, o que tedes arriba está dedicado a Tintagel, a Lanzada de Cornualles. Chámolle así porque, ademáis de ser a sede mítica do rei Arturo, na tardoantigüidade Cornualles viviu o mesmo episodio de intenso comercio co mundo bizantino e o Mediterráneo oriental que viviu Galicia en sitios arqueolóxicos como a Lanzada ou Vigo, se cadra porque esas dúas fisterras atlánticas tiñan en común algo tan valioso coma o estaño.
A serie é visualmente moi potente, pero cómpre facer un pequeno exercicio crítico ao redor dela: o discurso baleiro, con poucos datos, e a sumisión do relato ás consecuencias espectaculares da imaxe aérea. O problema é que os recintos arqueolóxicos, malia que espectaculares, son pequenos, e entón, para reter o suspense e a intriga, o pobre drone debe repetir planos e sacalos de todos os puntos de vista posible para aguantar un sitio ata que se ve o outro. É o caso do primeiro episodio, o de Tintagel, onde o pobre operador do drone fartouse de sacar planos do castelo baixomedieval para non amosar as escavacións de cabanas que hai no alto do promontorio, e que son o auténtico tesouro tardoantigo de Tintagel. A narrativa precisaba xenerar un misterio pero os metros cadrados nos que o drone pode filmar cousas interesantes son ben pouco. Por certo, se ben o de Tintagel, bótenlle unha ollada ao controvertido sitio de coroación real a través dun podomorfo (bastante amorfo) pretiño do asentamento de Tintagel.
Como digo, se cadra é unha oportunidade desaproveitada desde o punto de vista narrativo, pero iso non impeide que nos guste vela e frikear con ela. ;-)
Aquí vai o segundo episodio, sobre Old Sarum, o vello complexo relixioso e militar que logo deu lugar a Salisbury.
Be First to Comment