Maridando queixos con brandy Lepanto

O outro día participei nun xantar para coñecer como o brandy Lepanto (González Byass) harmoniza con patróns de cociña galega en Abastos 2.0. No xantar, interesantísimo, tiven a oportunidade de coñecer da man de Elena González Byass, xefa de marketing, como as marcas do grupo foron evolucionando ao longo dos tempos en termos de publicidade. Entre o “Brandy Soberano: Es cosa de hombres” e os posicionamentos de marca actuais hai todo un mundo, e coñecer a posición das marcas ao respecto é máis que interesante: as dificultades de percepción, a segmentación das marcas de bebidas por targets, a influencia actual do mercado asiático…

Da cociña maridada con brandy teño que destacar dous pratos: o primeiro, a versatilidade que segue a ter o brandy como un fantástico xeito de flambear marisco. Hoxendía está aparentemente pasado de moda, pero segue a resultar un excelente xeito de potenciar o sabor natural de cigalas ou langostinos engadíndolles un punto refinado. Pero realmente o achado da comida para min foi o ben que maridaba un produto coma o brandy, envellecido en barrica, cos queixos. A xente de Abastos serviunos un pratiño con tres queixos galegos, o “tipo parmesano” de Arzúa, o Prestes de Vilalba azul (unha auténtica xoia, pénseno para agasallar este Nadal) e o San Simón. O brandy funcionaba especialmente ben harmonizando cos queixos máis cremosos: especialmente co queixo azul funcionaba de marabilla. Se cadra o San Simón é o que menos prestaba en tal combinación: creo que pide máis cremosidade e toques lácteos. En todo caso, na miña casa xa se convirte nunha referencia fantástica para acompañar as táboas de queixos que me gusta crear as fins de semana.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará