Chef: unha película que leva toda a paixón da gastronomía

Téñovos que comentar esta delicia de película: Chef. Dirixida por Jon Favreau, o filme narra a peripecia dun brillante chef ao que lle perde o xenio. Incapaz de dominar as redes sociais, monta un follón cun crítico e acaba buscándose a súa propia vida. Tamén é a historia da súa perda e reencontro persoal. Pero Chef é moitísimas cousas máis: desde unha reflexión do social media, os blogs e a gastronomía, ata unha apoloxía da cociña de fusión, da dignidade latina nos Estados Unidos e do reencontro entre persoas que se queren. A banda sonora, entre o latino, o blues e o soul, é unha delicia que acompaña a película, así como a fotografía. Está claro que a gastronomía está de moda no cine e na televisión, pero Chef recréase nos planos de elaboración da cociña: é unha auténtica gozada ver preparar eses pratos de fusión no mellor estilo californiano, cheos de cor, de sabores, de Centroamérica, de Asia.

A película vaite cautivando mansamente, pouco a pouco, pero a min colleume de todo, emocionoume, cando de súpeto o camión de fast food do chef aparcou diante da carballeira do Güeros, en Austin, un dos meus santuarios gastronómicos, unha das poucas citas obrigadas sempre que volvo a unha cidade do mundo. Neste vídeo do 2009 (mimadriña canto tempo) cóntoche o que me gusta de Austin e rematamos na cociña tex-mex de Gúero’s. Este filme é un triunfo da vida, mirada para diante, collida polos cornos. Mirádea se podedes, mirádea cun bo viño, cunha boa compañía: como hai que ver as mellores películas.

One Comment

  1. olo
    12 / Setembro/ 2014

    Pois non acabei de saboreala coma ti… Unha pena, inda que foi un rato agradable.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará