Leme: nova versión con 17000 localizacións culturais para explorar (e tamén en Android)

No verán pasado no Consello da Cultura Galega presentamos Leme, unha app destinada a facer converxer as bases de datos xeolocalizadas que xa tiña o CCG con outros potenciais recursos doutras entidades. De aquela, a app estaba só presente para iOS, pero agora tamén a podes descargar para Android. E hai outra novidade igual de importante: Leme incorpora, canda os recursos do CCG, a base de datos de Turgalicia e a de patrimoniogalego.net, reunindo un enorme corpus de elementos da cultura e da natureza galega xeolocalizados. 17.000 elementos (aos que en breve se lle engadirán case 1000 máis) supón dispor na túa man do asistente tecnolóxico máis completo creado ata o momento para explorar o patrimonio natural e cultural de Galicia. Persoalmente, estou moi contento e orgulloso do traballo realizado por todas as entidades, persoas que participaron, así como a responsable tecnolóxica de desenvolvela, a empresa SIXTEMA.

Para que serve Leme? Pois desde xestores culturais que queren localizar centros culturais de todo tipo (desde auditorios ata aulas) ata afeccionados á arqueoloxía, o patrimonio e a etnografía, que teñen unha ferramenta que sinala de forma precisa onde se atopan petróglifos, castros, capelas abandonadas, pazos…aforrando valioso tempo para localizalos nun rural cada vez máis baleiro de xente. Leme permíteche explorar previamente a zona, para planificares as túas excursións. Por exemplo, se te gustan os petróglifos, poderás aproveitar o inxente traballo dos editores de patrimoniogalego.net para guiarte ata os lugares e despois seguir, na web de catalogación, as súas explicacións sobre o que vas ver.

As aplicacións invididuais de Leme teñen ademáis gran potencia. Podes engadir sitios novos, completar os existentes, marcar os teus preferidos, e almacenalos, sumar puntos…nunha sorte de malla social que na vindeira versión terá aínda unha explotación maior.

Institucións e iniciativas cidadás teñen as portas abertas para engadir o seu contido xeográfico a Leme a través dun procedemento técnico bastante sinxelo, xenerando un interesante tráfico contextual desde esta app cara as súas propias webs. Imaxinádevos a oficina de turismo dun concello, a Fundación dun escritor, unha asociación de recuperación de patrimonio etnográfico… Podedes escribir ao meu correo para comentar o mellor xeito de facelo (director@culturagalega.org ou magago@gmail.com)

Aquí podes descargar Leme para iOS e aquí para Android. Todo de balde. :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará