Un castro suspendido no tempo

Last updated on 3 / Xuño/ 2014

Rematou a primeira campaña de escavacións no Castro da Cidá (Ribeira) e os resultados son tan sorprendentes como intrigantes. Catorce estruturas exhumadas, trece delas da Idade do Ferro, organizadas a nivel urbanístico, e que posiblemente configuren un espazo artesanal abandonado en época moi temperán: entre o V-IV a.C.

Publiquei orixinalmente esta reportaxe en culturagalega.org o 2 de xuño de 2014.

Das dúas hectáreas de terreo que ocupa o Castro da Cidá (Ribeira), entre espazos interiores e fortificacións, os arqueólogos escolleron traballar na croa, alí onde había indicios visibles de antigas estruturas reveladas, nalgún caso, mediante expolios furtivos. “Ademais, nas zonas máis altas dos castros é onde se documentan as estruturas máis antigas”, sinala Miguel Vidal, director da intervención, “os castros, cando medran en poboación, van gañando espazos nas ladeiras”.

A croa do castro da Cidá é un espectacular miradoiro sobre o sur da Península do Barbanza, suspendido sobre a praia do Vilar, a Lagoa do Carregal e en xeral, o Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Tamén é un lugar batido dos ventos do mar, que traen unha densa chuvia e unha dura sensación térmica, sobre todo se a comparamos co recinto castrexo inmediatamente inferior, moito máis protexido de ventos e inclemencias. Non se sabe que ocultará a nivel arqueolóxico ese recinto inferior, que ata agora só mereceu unha sondaxe de escasos resultados, pero a zona superior é toda unha sorpresa.

Urbanismo organizado
A campaña 2014 levada a cabo pola empresa Arqueología del Noroeste finalizou deixando á luz catorce estruturas. Delas, trece cabanas corresponden á Idade do Ferro, mentres que un edificio cadrangular ten unha historia moito máis moderna e moi interesante: está superposta sobre dúas cabanas galaicas, que emprega de cimentación, e foi construída a principios do XIX ou finais do XVIII como unha garita de vixilancia contra a ameaza naval británica. O equipo quere preservar a curiosa superposición das dúas cabanas castrexas que fan de alicerces á cadrangular garita de observación, da que mesmo se conservan planos, como un xeito doado de explicar como funciona a interpretación arqueolóxica.

E logo está a densa trama de trece cabanas construídas ao redor dun posible espazo central, con todas as súas portas de cara a ese espazo e de cú cara unha muralla que protexe ese recinto superior e que Vidal, con reservas xa que non se vai intervir nela nesta fase, apunta a que podería ser escalonada. “Hai unha lóxica construtiva e unha ordenación do espazo moi curiosa aquí”, indica Vidal, “porque se te fixas, nas cabanas que aparecen á final da excavación (e das que só se exhumou unha pequeniña parte) as portas xa deben estar mirando para o outro lado”.

Todas as cabanas comparten, ademais, estrañas ausencias. Para entendérmolo, pensemos que nos castros é moi habitual atopar numerosos rastros da vida cotiá: miles de fragmentos cerámicos, unha chea de muíños de man, e mesmo no interior das casas, lareiras nas que cociñar os alimentos.


Vista aérea da zona escavada. Foto: Equipo arqueolóxico do castro da Cidá.

Catorce estruturas e nin un só muíño
Pois ben, nesta área do Castro da Cidá non hai nada diso. En primeiro lugar, o equipo exhumou uns 500 fragmentos de cerámica ent toda a área escavada . “Iso é pouquísimo”, indica Vidal, “o normal para unha área coma esta serían varios miles de fragmentos. E, para máis, non identifican E non se atopa un só muíño, e no interior das casas non hai nin rastros dunha soa lareira. Só podería haber indicios de lume nunha das cabanas, na que se atopou moita escoura de ferro pero non o forno asociado. Os arqueólogos están pola labor, con prudencia, de interpretalo coma un obradoiro metalúrxico.

E máis ausencias: non hai nin restos de cunchas nin de fauna. Na excavación habitual dun castro, é habitual atoparse con certas dispersións dese tipo de detritus por todas partes, pero a ausencia de restos de comida parece confirmar que na área non se realizaba vida doméstica. E aínda máis datos: é habitual na ría de Arousa atopar cerámica de importación púnica ou posteriormente romana. Aquí, no castro da Cidá, cando menos nesta área, non se documenta nada, cando na mesma época, no castro pequeño de Neixón, a escasos quilómetros ría adentro, aparecen xa pezas de importación.


No centro da foto, a cabana chamada en broma “o duplex”. Observade as escadas e o rebaixe da laxe para gañar un altiño.

Hai, sen embargo, outros curiosos detalles da vida cotiá, como unha canalización labrada na pedra para desviar as augas que caían por unha laxe ou unha cabana que chaman, de broma, o “duplex”, porque prepararon unha laxe para gañar un altiño dentro da cabana e labráronlle unhas escadas. Outro detalle intrigante é que a relativa abundancia de materiais de bronce en relación aos de ferro nos castros aquí invírtese: de feito aquí é ao revés. Nos metais, apareceron só dous pequeños cóitelos de ferro.


Os dous edificios cadrangulares. No que está en primeiro plano aparece moita escoura de ferro pero non un forno.

Unha zona artesanal
Sumando a área do posible ferreiro con outra cabana na que apareceron moitas fusaiolas (os pesos dos teares), canda a ausencia de elementos da vida doméstica e cotiá, a hipótese provisional que manexa o equipo é a dunha zona artesanal e especializada, diferenciada do resto do castro. Nun estremo, ademais, está un intrigante edificio cadrangular cunha división interior, que cuestiona a idea que temos das cabanas castrexas como arquitecturas ovaladas ata a romanización, onde aparecen os esquinais. Non hai unha idea moi clara sobre o papel deste recinto. “Se cadra, almacenaxe ou un espazo de toma de decisións”, suxire cauto Miguel Vidal.

De acordo coas cerámicas atopadas, e pendentes dun par de datacións de C14, a área escavada estaría en uso de a cabalo entre a primeira e a segunda Idade do Ferro, ou sexa, entre os séculos V e IV a.C. Despois, este lugar abandónase. “E o resto do castro?”, preguntámoslle a Miguel Vidal. O arqueólogo encóllese de ombreiros. “Non o sabemos aínda”. Se o castro fose abandonado todo el ao mesmo tempo que a zona máis escavada, estariamos ante unha grande incógnita e un comportamento arqueolóxico ben anómalo: a maior parte das fortificacións galaicas da península do Barbanza chegan cando menos ata a conquista romana. Ademais, a Cidá ten as típicas estruturas monumentais máis típicas da II Idade do Ferro que da primeira.

Miguel Vidal debe ter, ademais, un ollo especial para sitios arqueolóxicos intrigantes. O arqueólogo dirixiu as sondaxes de excavación do castro de Porto Baixo, aos pés do castro da Cidá, a mediados da década pasada. Aparecéronlles dous murallóns, un deles de dous metros e medio de alto, tapados baixo a area do Parque Natural, pero cando entraron ao interior do recinto, a penas atoparon os restos de dúas fogueiras. A hipótese que mantiveran é que o castro, por algún motivo, nunca chegara a ser habitado.

A campaña de excavación do Castro da Cidá rematou e agora comezarán os traballos de consolidación do exhumado e de limpeza do recinto, aínda ateigado de matorral e toxo. Vidal confía en que a limpeza do sitio permita detectar a nivel superficial áreas interesantes e no concello están pola labor de buscar fondos para continuar coa investigación. Se cadra unha segunda campaña axude a descifrar os numerosos enigmas que deixa aberto o castro…ou abra aínda máis.

Fotos: Sole Felloza

5 Comments

  1. Xosé Mª.
    3 / Xuño/ 2014

    Non sei eu ó que me lembran isas cabanas elongadaaas… Ah, carallo! Manolo saca iste post do web que lle meten ó castro un porto interior a lume de carozo!!!

    pd: Ponta Langosteira 2: Lost in excavation.

  2. 3 / Xuño/ 2014

    Normal que te lembren, porque esa alongada e estreita da primeira foto ten un aquel moi próximo. :-)

    A diferencia é que non hai tanta metalurxia, e iso é o abraiante. Edificios sen lareiras, sen muíños, pero a maior parte deles tamén sen un indicio claro de utilidade…

  3. Fernando
    9 / Xuño/ 2014

    O non aparecer indicios de vida humá claros veñenche á cabeza preguntas tipo: Itivo un fin determinado?, non se acabou de construír de todo?, os habitantes tiveron que fuxir?, ….Quizá fose un lugar de ocupación temporal, ou para un momento determinado da súa historia (isto é, un lugar de fuxida – escondida, para certos rituais, …). Non sei, é bastante estrano, tanto traballo para non ser usado como vivenda cotiá.. Necesitará dun estudo máis sofisticado.

  4. 9 / Xuño/ 2014

    Vida cotiá…vida humá claro que había! :-)

    A finalidade desas estruturas, efectivamente, é moi intrigante, pero si se sabe que foron ocupadas ao longo de certo tempo (o arqueólogo falaba dun intervalo dun século, ou por aí), porque ademáis, pódense ver moi ben certas reformas e reestruturacións dalgúns espazos. Pero a cousa é tan rara que Miguel Vidal é mesmo bastante cauto á hora de definilo como espazo artesanal, xa que, ao fin e ao cabo, só dous das trece estruturas teñen materiais que fan pensar niso. Aínda que pode haber artesanía da que non fique rastro arqueolóxico…

    A coña mariñeira sería ver que acontece no resto do castro, que é moi grande (2 hectáreas), e sobre todo nese recinto inferior, que climaticamente está moito mellor acondicionado. Creo que non esaxero se te digo que entre a parte de arriba (agora escavada) e a parte de abaixo, do interior dos parapetos, hai unha diferencia térmica dun par de grados. E iso nunha sociedade prehistórica non é unha tontería en termos de habitabilidade.

  5. Fernando
    9 / Xuño/ 2014

    Moi de acordo co que comentas. O que se lle denomine “cidá” indica que foi no seu momento un castro grande en extensión e moi poboado. Pode ser que moitos dos restos desapareceran co tempo, estou pensando na madeira, coiro, …, ben que exista ou existira outro castro nas súas proximidades. Tampouco é dunha época “próxima” a invasión romana ou doutra civilización, que os obrigara a abandoalo. Eu non coñezo a zona, pero polo que vexo é merecente de visitar. Non sei, outro misterio máis da nosa Galicia Máxica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará