Loxe Mareiro: a #abastada do verán 2014

A proposta mariñeira de Abastos 2.0 consolídase ofrecendo menús que gardan a esencia da ría de Arousa

Sabemos que está aí agachado, detrás desas nubes. A primavera, o verán, o que raio sexa. Ese momento no que a terra secará un pouco e a calor pegará docemente nas nosas costas. Entrementres, xoga ao gato e o rato connosco: chega e marcha. O noso corpo, que é unha máquina sincronizada, ponse en modo verán e demanda produto fresco, pide horta, agarda mar, quere viño branco e cheiro a peixe azul. O mar está aí pedíndonos ser mar tamén.

O outro día tivemos a oportunidade de probar o menú #abastada da nova tempada. O Loxe Mareiro ten tres espazos na actualidade: a terraza, onde se pode picar, o comedor, que xa non responde a unha idea tradicional e trátase de cómodos sofás cunhas pequenas mesiñas centrais, pensadas precisamente para este menú #abastada, nun estilo pica-pica. Tamén hai a posibilidade dun menú degustación a 50€ que se proba directamente na cociña, nunha espectacular mesa corrida para oito persoas.

O Loxe Mareiro é un modelo de restaurante ao que un lle gustaría volver sempre, que estivera, con todas as variantes posibles, sementado polos portos de mar do noso país, as pequenas aldeas mariñeiras, e que falase dun xeito fermoso de entender a gastronomía do mar, o bo gusto e o xantar como repouso calmo. É incrible como con algo tan simple, a xente de Abastos 2.0 consegue espertar tantas sensacións.

Nós optamos polo menú #abastada, sentados frescos, entre as paredes encaladas como nas vellas casas mariñeiras. Sentamos e comezou o espectáculo.

O gran achado de Abastos e, sobre todo, deste menú #abastada é que por un prezo razoable (28€), tes a oportunidade de degustar numerosos tipos de marisco e produtos do mar, servidos en pequenos petiscos. E digo achado porque me pareceu osixenador e revelador que a xente poida tomar presadas de marisco. Ata agora, en Galicia, tiñamos o concepto racións; calquera froito do mar en restaurante había que consumilo en formato racións, ou sexa, prezos caros e comida abundante que xa impedía o desfrute de máis mariscos. Nas abastadas, os Abastos sirven presadas ou un ou dous exemplos de cada produto, puidendo ter catado ao final unha chea de produtos do mar polo mesmo ou menos importe. A sensación, co mar de Arousa aí enfronte, era a de estar comendo todo o bo que dá a ría.

O menú do verán 2014 xustifica unha viaxe a Carril. Un menú sinxelo, de culinaria mínima, cheo de chiscadelas, nas que sobrancean pratazos como a empanada de pescada, o sargo ao xeito do sushi, ou sushi imperfecto, ou o xurelo con tomate. Nós acompañámolo cun Maio 5, un excelente albariño de Lagar da Costa, opulento e amplo en boca, ideal ao meu ver para un menú dunha certa duración.

Quero facer unha mención especial ao traballo de Iago Pazos, o “taberneiro” do Abastos. Un tipo que é capaz de crear un concepto na cabeza e plasmalo a través dun sentido do gusto que é quen de transformar obxectos humildes en magníficas solucións de decoración e estéticas. A paixón de Pazos polo seu traballo non só permite ter unha carta de viños excelente, moi profesional, senón que adéntrase no tan esquencido mundo da coctelería.

Unha auténtica marabilla este menú 2014. E que veña o verán dunha vez!

Fotos: Sole Felloza

One Comment

  1. Jorge
    2 / Xuño/ 2014

    Muy buena pinta tienen esos platos. Me pasare para probarlos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará