Aprendendo sobre cervexas galegas no #Melidefest

Tras unha viaxe á Ribeira Sacra para tirar as últimas fotos do calendario do Románico 2014, recalamos no #Melidefest, un evento de promoción da cervexa artesanal galega organizado polo Concello de Melide. Nunha carpa no centro e cunhas temperaturas xélidas máis que respectables, aproveitamos para ir catando seis das cervexas artesanais galegas (Dama Alaricana, Keltius, Menduiña, Peregrina, Saramagal, De Lago, Áncora) e falar cos seus fabricantes.

Eis aquí o inicio dun interesante movemento. Cada un deles ten aspiracións, xeitos e se cadra obxectivos diferentes: desde o que quere manterse nunha esfera moi local ata o que agarda expandirse no sector. Ningunha destas fábricas supera os catro anos de antigüidade -e a maior parte están a fabricar en serio desde hai un ou dous anos- e todas chegaron ata fabricar polo legal tras alomenos dous anos de inxente burocracia que, desde logo, contradi o discurso oficial de apoio aos emprendedores. Estas fábricas de cervexa artesanal collen estilos moi distintos, desde as recetas belgas de Keltius ata os intentos de localización máxima da cervexa canguesa Menduíña, que incorpora algas da ría na súa Loira, a cervexa máis comercial. Un aspecto ben interesante é o asunto da identidade e o branding: todas elas buscan elementos que identifiquen o produto, coa cultura e a identidade de Galicia, especialmente de aqueles aspectos máis máxicos. E isto fanno con maior ou menor fortuna. Este gusto polo identitario choca coa realidade dun mercado dífícil: non é doado conseguir ingredientes galegos. Da malta hai que esquencerse e o lúpulo galego non é especialmente abundante. Do que probei, o máis logrado sen dúbida é Menduíña, Keltius e Peregrina. No caso de Menduíña, atención ás súas dúas cervexas envellecidas en barrica de carballo e con mel, bebidas complexas, cheas de notas, máis que interesantes.

O movemento da cervexa artesanal está nestes momentos moi estendido por Europa; en Cataluña xa ten unha notable forza e nada di que aquí non poida triunfar e crear unha cultura da cervexa que beneficiará a todos. O mundo da cervexa en Galicia está cambiando moi rapidamente: os combates comerciais entre as grandes marcas por crebar o monopolio de Estrella Galicia (e as respostas de Estrella) son o máis parecido a un campo de batalla da I Guerra Mundial. Mentres, estas pequenas fábricas buscan abrirse, con moitas dificultades, o seu propio oco. Teño a sensación de que veremos movementos, proxectos e produtos moi interesantes nos vindeiros meses.

Foto: Sole

One Comment

  1. Luis
    24 / Novembro/ 2013

    Fascinante. En efecto, en outros lugares do Estado o mundo das cervexas artesanais está pegando con moita forza. Dende os zamoranos de “Sr. Bu”, pasando polos madrileños de “Cibeles”, na súas múltiples variantes, e os cataláns de “Rosita”, nas súas aínda máis múltiples variantes. Precisamente hai cousa duns meses participei nunha cata de “Rosita·. Foi curioso o resultado: a pesar do exotismo e o elaborado dalgunha das variedades, a que máis gustou (maioría abrumadora) foi a de estilo Voll, que -por dicilo dalgún xeito pouco técnico- era a máis “brutiña” de todas.
    A ver se a próxima vez que volva ao Pequeno País, teño a posibilidade de catar algunha das que citas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará