Conta atrás para o novo Loxe Mareiro


O “porta pechada” na cociña do Loxe. Foto: Sole

O mundillo gastronómico foise remexendo estes meses con dúas noticias vinculadas a Abastos 2.0, a emblemática neotaberna de Santiago de Compostela. A primeira, que os abastos ían reabrir un sonado local de Carril, o Loxe Mareiro -ben coñecido pola súa cociña, a súa decoración e a impresionante localización nunha puntiña mareira do casco vello da vila mariñeira. A segunda era que o seu responsable de cociña ía ser nada máis nin nada menos que Iván Domínguez, o segundo de Marcelo Tejedor en Compostela e un dos grandes valores -malia a súa discreción e timidez persoal- das novas xeracións da alta gastronomía galega.

Hoxe á tardiña a xente de Abastos decidiu facer unha pequena inauguración para amosar as instalacións e o concepto que vai inaugurar no novo Loxe Mareiro en Carril, malia que a apertura para todos os públicos non será ata o día 2 de xullo. O equipo xa leva días en Carril traballando na loxística, nos conceptos gastronómicos e no día a día dun local que está a punto de saír. Con suave música italiana, francesa e galega soando na beiriña do mar, con sinxelos bancos na terraza, co encalado austerio do interior -case como as antigas casas dos mariñeiros- e coa idea dunha cociña moi de produto, de peixe enteiro, é difícil pensar que o novo Loxe Mareiro non vai funcionar. O escenario: a ría de Arousa na súa plenitude de combinación, pechada a estribor pola illa de Cortegada -parque natural- e a babor polas instalacións portuarias de Vilagarcía, é unha combinación abraiante do industrial co natural. A dependencia, antigas casas mariñeiras, conservan no exterior a fachada de pedra, e agachan multitude de historias. Contounos Marta, veciña de Carril, como durante a Guerra Civil os republicanos fuxidos chegaban en barca ata esta punta e dábanlles acollida e escondite nestas casas, de aquela moi ailladas do resto da vila.

O novo Loxe conta con tres espazos: unha zona de terraza e copas, na que a idea é o tapeo coa man e unha alta rotación; un pequeno comedor de cinco mesas, con menús do día, carta, e todo, ou practicamente todo, baseado no mar. Nel traballarase o concepto de “puñados” de marisco xa iniciados en Abastos 2.0 (que permite probar mariscos caros como a centola ou o percebe a prezos reducidos), os “mentres tanto”, que son tapas montadas ao momento mentres veñen os pratos. E logo está o “porta pechada”, unhas mesas literalmente pegadas á cociña e concebidas no estilo de Abastos, sempre baixo reserva e pactando o prezo final. O produto vai tan fresco que as neveiras son mínimas e Iván comentounos que non vai ter nin máquina de baleiro.

O da carta ten a súa coña. Iago Pazos, o taberneiro, comentábanos que a carta é moi posible que en apariencia non se diferencie da doutro restaurante ou chiringuito de praia: ensaladas, pescada á romana, calamares, etc. A sorpresa do “doble xogo” será en que os pratos chegarán feitos á maneira de Abastos, ou sexa, produto esencial, pero tamén cunha visión moderna da cociña, claramente diferenciada da “cociña de batalla” das praias.

O desembarco do Abastos 2.0 fóra de Compostela, e coa que está caendo, pode soar arriscado. Pero asegúrolles que tomando un viño á fresca da tardiña daquel lugar, vendo o concepto gastronómico e o espazo no que se atopa, a min paréceme claro que, como dirían os americanos, vai a “set a new standard” no Salnés, é dicir, vai permitir incrementar o nivel medio dunha restauración que non dá todo o que podería dar, en Vilagarcía pero tamén na comarca enteira. É posible crear un espazo de nivel europeo cabo do mar, sen ir ao mínimo e esforzándose nos detalles.

4 Comments

  1. odiegho
    28 / Xuño/ 2013

    Fermoso lugar e suxerente proposta…agardemos que os novos tempos sexan proveitosos.

    Manuel, unha pequena puntualización, Cortegada é parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia…deformación profesional …que lle queres :-).

  2. 28 / Xuño/ 2013

    Ola, Diego, claro que Cortegada é Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pero tamén é un elemento accesorio no relato xeral e nesa frase concreta, así que o concepto simplifícase a parque natural. :-)

  3. PabloV
    1 / Xullo/ 2013

    Pola túa descipción e polas cores da foto que colgan na web do abastos2.0 dame que xa sei onde é. Ese emplazamento cara o solpor dun día quente de verán cun pouquechiño de aire ten unha maxia incomparable, a ver se acompañan tamén os berberechos “abertos co quecedor do leite da máquina do café”

  4. marisa
    23 / Xullo/ 2013

    Hola!!!!! Un comemtario dende a koruña. Felicitarvos polo ariscado do proxecto e pilo voso traballo. Ainda je ainda non fon pir ahí, decirvos ke xa sodws conocidos akí. Faloynos do voso local alguén jw ceou ahí o sabado pasado, hosteleiro e cociñeiro tamén. Mandoumos fotos da cea e do local e unha moi boa crítca. Non podía ser menos vindo de Abastos. Moita sorte. Pasaremos pir ahí. Aproveito e tamén vos informo dun local da kouña. O Arbore da Veira. Un restaurante, caro pero exquisito, de alta cociña e ke ainda kesexa unha vez, habería ke probar. So traballa menú dwgustación. Son 2. Omáis barato de 55 euros. Un sorriso po paladar, unha veleza para os ollis e un admiración para os paea is sentidos. Boa tarde. Saudos e moitos, moitos sorrisoa. A sal da vida

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará