Peregrina, unha cervexa que busca as súas raiceiras

Será pola alianza entre a crise económica e unha tendencia anterior, que xa vén de vello, a cervexa artesá está collendo unha gran forza por todas partes. As posibilidades de fabricar cervexas únicas cun investimento reducido e con certa rapidez están a converter estas bebidas nunha sorte de novo hobby que tece unhas impresionantes redes persoais que se intercambian entre si botellas destas cervexas con nome propio. Iso si, poucos se atreven a dar o salto cara producir a máis escala. É o caso da cervexa Peregrina, que se produce no polígono Costa Vella, subindo máis alá do Leroy Merlin. O outro día Torrado lembroume que a fábrica abre para degustacións os venres e os sábados á tardiña e aló nos fumos a experimentar.

A cervexa Peregrina, a primeira realmente fabricada en Compostela, ocupa unha nave industrial á que lle adosaron unha barra para as degustacións. O ambiente reúne a curiosos que se achegan ata aló a consumir unha cervexa que aínda non é doada de atopar nos bares da cidade, canda valdubrenses (ten un motivo) e xente do polígono que remata alí a semana con compañeiros de traballo. Unha noción superlativa das tapas axuda a encher o local.

E ben, a cervexa? Pois dentro da miña ignorancia diría que é unha pale ale, con certos toques de amargor, de cítricos, á que lle presta moi ben a temperatura fría. Está moi rica, e é moi distinta ás cervexas comerciais: moi fresca e con máis carácter. Como problema, vímoslle que tiña demasiado carbónico. Con menos é posible que estivese moito máis sabrosa e agradable, pero é unha opinión.

Estivemos vendo as instalacións, que parten da filosofía singular dos socios. Contóunola Juan José García Noya, un deles. Eles tentan que a maior parte dos produtos e dos procesos sexan galegos. Coa malta non se pode conseguir, pero compénsano co investimento en maquinaria. Noya, que é de Val do Dubra, emprega depósitos de inox fabricados nese concello, nos que confía a morte, e a maiores reconvirte maquinaria da industria leiteira do interior da provincia da Coruña para o procesamento da cervexa. Aínda que a auga é compostelana, as notas finais de amargor veñen dadas por lúpulo das ribeiras do Tambre aínda en estado salvaxe. Ese lúpulo tamárico contén propiedades únicas, segundo Noya, para darlle o último toque á cervexa.

Compensa achegarse un venres ou un sábado a partir das 18.30 pola fábrica da Peregrina e degustar in situ unha cervexa que pide frescura e que arrinca, en moi boa posición, na ambición de identificarse cunha cidade e unha comarca. Non o ten doado, pero pódese conseguir. Os tempos complexos piden ideas novas, e en Galicia a cervexa artesá é unha auténtica novidade.

4 Comments

  1. Anónimo
    19 / Xuño/ 2013

    Haverá que a provar! E aquela cerveja Gallaecia, que também se fazia em Santiago (creio lembrar), ainda continua a existir?

  2. Magago
    20 / Xuño/ 2013

    Non sei se aínda existe, pero a Gallaecia facíase a uns cantos miles de quilómetros de Compostela… :-)

  3. Pancho-Lapatianco
    20 / Xuño/ 2013

    Pois si que é verdade o das cervexas artesás. Incluso por Arteixo se están a facer probas que se beben ben. Benvidas sexan.
    Unha marca que xa tomo habitualmente mercándoa na cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca, e che está a coller moito pulo, é a Menduiña http://www.menduina.eu en moitas das súas variedades. E ben ricas están. A diferencia nestas está en que, se ben recoñecen que non toda a producción é local e baixo parametros de agricultura ecolóxica (pois a cantidade deste cultivo é menor que o seu consumo para producción) o seu obxectivo é chegar a ese punto. E para eso, ó parecer tentan ir xerando cambios no entorno, e que no Morrazo vaia habendo máis producción de cereal baixo o selo da agricultura sostible. Unha forma de sinerxía que pode volver mudar algo a paisaxe, sequera localmente, e recuperar un algo as vellas paisaxe. Motivación e folgos teñen para tentalo, esperemos que o consigan.

  4. 20 / Xuño/ 2013

    Efectivamente, Pancho, o gran problema para conseguir que sexan 100% galegas é a dificultade de acadar cereal galego (acadar cereal!). A malta é o complicado, sobre todo, xa que o lúpulo aínda se vai cultivando algo para Estrella Galicia. Sería un interesante cultivo con gran valor engadido para os nosos campos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *