Casa Victoria: cociña de lume lento en Forcarei

Deixámonos caer a boleo en Forcarei, camiño dun castelo desaparecido na miña querida Terra de Montes. O día, tan inclemente, alentaba a comer quente e saboroso. Guieime polo instinto e fumos dar a Casa Victoria, na rúa principal de Forcarei. O sitio prometía. Tras cantarnos a sucesión de primeiros e segundos, eu fun fiel á miña relixión. Alí onde se fan callos, debo probalos, igual que onde hai tarta ou pastel de queixo. De maior gustaríame facer unha guía centrada exclusivamente naqueles produtos que, ao final, cumpren as nosas aspiracións básicas: unha guía dos mellores callos, tortillas, cocidos, empanadas…


Fabas con costelas. Fotos: Sole

Servíronos os callos, e en cociña produciuse un pequeno desaxuste e o meu primeiro, un pote de callos, chegou antes que o de Sole. Pasou o home de Victoria, un entrañable señor, e díxonos sorrindo e mirando para a perola: “dous que se queren, con que un coma abonda”. E logo nesta casa, que parece un ministerio (cada habitación ten posto un carteliño de Secretaría, Presidencia, Administración, etc.), escoitamos uns berros desde a cociña que case tiñan certo ton bíblico. “Sacádeme xa esas fabas, que a muller está comendo do do home!!”, en clara alusión a que nós estabamos compartindo o meu primeiro, e con gusto. Logo viñeron esas magníficas fabas con costelas e chourizo ceboleiro, que reconcilian a calquera coa metereoloxía cansina e deprimente deste 2013. Para rematar, presentouse unha ración de carne richada, como mandan as táboas da Lei para os viaxeiros que recalen en lugar tan periférico como Forcarei. Magnífica carne richada, case estofada, con receita moi persoal de Victoria.

A señora Victoria, que anda de mesa en mesa repartindo bicos entre os bebés, vén canda nós. “Eu sempre digo, se non podes comer na túa casa, come en Casa Victoria”. Non está mal o eslogan. “Canto tempo leva traballando aquí, señora Victoria?”. “Ui! Sesenta anos. Vaia, tantos non. Cincuenta e nove, pero hai que traballar, e non deixarse no rego, como di o outro”. Nesta casa sírvese cociña tradicional de altura: non quedan tantos lugares así en Galicia. Lugares que reconcilian a un coa viaxe polo noso rural cada vez máis baleiro.


Carne richada

Gústame esta casa familiar, onde a descendencia ten a mesma simpatía que esta matriarca, un lugar moi especial. Nunha estantería do comedor, certa amplitude de clásicos rioxanos, pero tamén viños doces navarros e franceses. Atención ao asunto. Esas tres racións mentadas, máis unha tarta de queixo, máis chopitos e cañas, 28 euros. Para volver. Entrementres, o noso camiño estaba entre os secretos descoñecidos da Terra de Montes: as vizosas carballeiras, as voltas de congostra, ladeiras percorridas por trasnos e capelas abandonadas.

2 Comments

  1. Xioskhov
    10 / Xuño/ 2013

    Tes moita razón o victoria é coma xantar, máis só duas puntualizacións.

    Forcarei é o centro do mundo con permiso de Mesopotamia. X.L Barreiro dixit.

    A señora Victoria a que te refires non será Aurita, que en verdade é a nora da señora Victoria.

    Moi boa reseña ;)

  2. Xioskhov
    10 / Xuño/ 2013

    É coma xantar na casa, quería decir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará