Na procura das orixes do mito

Que Sabucedo é un lugar moi especial, que vive a Rapa das Bestas como algo que vai alén do puro divertimento, está fóra de toda dúbida. Cando me enterei desta historia, a de como os veciños andaban a procurar as orixes do mito da Rapa das Bestas botando man da arqueoloxía, quixen contala. Poucas veces se dá esa confluencia fermosa entre lenda e ciencia. Aquí vai.

Publicada orixinalmente en culturagalega.org o 5 de xuño de 2013


Estrutura doméstica exhumada na carballeira de A Cabana. Foto: Citania

OS ARQUEóLOGOS ESCAVARON EN SABUCEDO UNA CABANA MEDIEVAL QUE A TRADICIóN SINALA COMO A FAMOSA CASA DAS VELLAS

Na procura do mito orixinal

Moi poucas veces ocorre algo así. A parroquia estradense de Sabucedo, famosa pola súa senlleira Rapa das Bestas, contratou a un equipo de arqueólogos para tentar aproximarse ás orixes lendarias da súa rapa e identificar nunhas ruínas dunha carballeira a mítica Casa das Vellas, un dos escenarios dunha lenda nacida hai cincocentos anos.

“Foron os veciños de Sabucedo quen atoparon estas estruturas”, afirma Israel Picón, arqueólogo da empresa Citania e director da intervención, referíndose ao espazo no que se artellou a intervención arqueolóxica que tiña como finalidade explorar un recinto moi desmantelado nunha carballeira e que podía coincidir con parte da lenda fundacional da Rapa das Bestas de Sabucedo.

O relato oral, transmitido de xeración en xeración, conta como no século XVI ou XVII, unha peste tremenda chegou ata a aldea de Sabucedo. Dúas vellas prometeron ao santo dous cabalos se a peste non as tocaba, pero complementaron o acto de fe coa fuxida ao monte, onde se refuxiaron nunha casa ata que a peste non pasaba pola aldea. Cando o andazo rematou, as vellas cumpriron a promesa e agasallaron con dúas égoas ao santo. O cura dixo que non as podía manter e ceibáronas no monte para que comesen dos pastos das alturas estradenses. E de aí vén a famosa grea do Santo.

“Os veciños querían saber se había algunha realidade nesa lenda”, indica Israel Picón, “así que viñeron a esta zona chamada A Cabana e foi cando atoparon esta estrutura, que logo nos amosaron. Nós entendimos que si, que era unha estrutura arqueolóxica”. Os arqueólogos fixeron un proxecto para documentar a estrutura e mesmo recuperar e reintegrar algunhas partes moi danadas. A excavación e limpeza documentou un muro duns 80 centímetros de ancho e unha medianeira máis estreita. “Nós entendemos que é unha estrutura doméstica”, sinala Picón, “aínda que, como xa lles dixen aos veciños antes de comezar, non podemos saber se esta é efectivamente a Casa das Vellas”. No equipo arqueolóxico tamén participaron canda Israel Picón, Xurxo Constenla, Óscar Barros e Eduardo Velázquez.

O rexistro arqueolóxico foi moi parco, xa que “a vivenda estaba moi alterada por diferentes causas e axentes”, sinala Picón. Os arqueólogos só recuperaron dúas pezas cerámicas: un anaco de tégula e un fragmento de cerámica “posiblemente medieval” con decoración incisa. “Entendemos que esta estrutura é medieval ou moderna”, conclúe Israel Picón. Tras a identificación dos restos, a restauradora Begoña Albertos consolidou as estruturas.

Aínda que non se poida asegurar que as dúas vellas de Sabucedo se refuxiaron aquí do andazo mortal, o novo escenario descuberto encaixa dentro da vizosa tradición etnográfica de Sabucedo. A cabana vaise sinalizar dentro do plan de acondicionamento da Rapa das Bestas.

2 Comments

  1. 7 / Xuño/ 2013

    Muy interesante, en serio, muchísimo.
    La leyenda sobre la peste, las viejas y los caballos me recuerda una serie de historias similares que se cuentan en diversos pueblos castellanos. En éstas, el origen de las tierras comunales se dice que viene de un antiguo pueblo, ahora deshabitado, en el que murieron todos los habitantes excepto una vieja. La vieja, entonces, recorre la comarca y reparte las tierras de la aldea extinguida entre las poblaciones vecinas, a cambio de que observen cierto ritual cada año (una romería, por ejemplo). En la Revista de Folklore han colgado un artículo sobre el tema, trazando paralelos con la mitología irlandesa y las grandes asambleas que se celebraban en campos tumulares:
    http://www.funjdiaz.net/folklore/07ficha.cfm?id=819

  2. 8 / Xuño/ 2013

    Perdoa que me quedara o comentario perdido! Estes días houbo moitos…

    Exactamente, o tema das vellas ten un cheiro en que, alén dos feitos reais, hai todo un esquema mítico. A min tamén me deu a impresión. O raro é que non foran tres vellas… ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará