Alpendre 2011, a nova sutileza do merenzao da Ribeira

A adega Ronsel do Sil produce este Alpendre 2011, un viño importante da Ribeira Sacra, que se desmarca na habitual mencía para apostar por un monovarietal de merenzao. O camiño de recuperación do merenzao na Ribeira Sacra nos últimos anos está a ser moi interesante: de uva complementaria que lle achegaba aromas e matices ao viño tinto, os novos tempos do consumidor e do adegueiro están conseguindo colocar esta variedade alí onde o merece, entre as mellores.

De pouca carga tánica e de pouca coloración, é doado comprender por que os vellos desconfiaban do seu potencial: para eles, canto máis escuro o viño máis nutritivo era. Hoxe nós gustamos de confrontalo coa luz e as mesas brancas, para admirar esa elegancia visual qu lembra sen remedio un pinot noir da Bretaña. En boca é novidoso, con toques dozóns, a froita vermella un pouco pasada, notas especiadas, coidadosamente longas, pero harmoniosamente únicas. É un viño aristocrático, pero no bo sentido: está por riba dos tintos da zona e nos eleva un pouco cara o futuro, e iso sen dúbida é a merenzao. Ou moito me equivoco ou paréceme que o merenzao vai ser a uva de moda nos vindeiros anos. Manolo “Quixote” díxome o outro día que a adega Ponte da Boga prantara xa máis de dez hectáreas de merenzao, o cal estamos falando dun viñedo moi respectable. E máis cousas que veremos.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará