Last updated on 8 / Maio/ 2013

Escena de Ben-Hur
Unha das prácticas de entretemento máis popularmente coñecidas do Imperio Romano é a famosa loita de gladiadores. Aínda que os xogos de combate non son exclusivos dos romanos (na Hispania da Idade do Ferro sabemos que o combate deportivo era, por exemplo, unha forma de honra dos defuntos), ao mundo latino débeselle, sen dúbida, a súa comercialización, a súa conversión nun espectáculo rendible política e economicamente, que crea impactantes arquitecturas públicas coma os anfiteatros ou o famoso Coliseo. A figura destacada, encumbrada unha e outra vez no cine, é o gladiador, ese escravo que goza do fervor e da paixón popular, pero tamén do esquecemento e da indolencia no momento de morrer ferido.
Os gladiadores, procedentes case todos eles da escravitude ou das clases baixas, estaban especializados en modos de combate. Había dous tipos de especialización complementaria: a primeira era a armatura, que definía a profesión, e dos que había alomenos trece distintos, desde os murmillo (os que tiñan un casco cun peixe), ata os famosos retiarii (usaban a rede e o tridente), os traex (loitadores cun tipo de espada curva) ou os equipadísimos secutori, equipados con armadura, escudo e espada. Así ata trece armaturae.

Un murmillo representado na pintura Pollice Verso, por Jean-Léon Gérôme (1872).
Por outra banda, os gladiadores formábanse en escolas ou estilos chamados Ludi. Os ludi podían ter que ver co lugar de procedencia da escola (ou do estilo), a maior parte de veces aludindo a importantes inimigos do pobo romano, ou co patrón. Deste xeito, o Ludus Neronianus foi fundado por Nerón, pero o Ludus Gallicus alude a un estilo de combate inspirado no xeito de combate das Galias. De feito, o Ludus Gallicus adoitaba formar murmillóns, porque ese era o modo de combate galo e o Ludus Dacicus aludía ao estilo combatente destoutros inimigos de Roma, os dacios.
Este post vai aludir a un intrigante estilo de xogo que só se localiza en dúas lápidas na Hispania romana e, que eu teña noticia, non se menciona en máis sitios do Imperio Romano: é o misterioso Ludus Gallicianus. As dúas lápidas, encravadas cronoloxicamente entre o século I e II d.C. foron atopadas en sitios moi distantes entre si, e falan da dispersión territorial deste Ludus, deste estilo ou escola de combate, ao longo de Hispania, pero tamén da súa limitación a estas dúas provincias do Imperio. En Barcino, atopouse unha lápida dun liberto que era tabularius, administrador, dos xogos Hispanos e dos Galicianos; un aspecto interesante é que os dous ludus, xa que logo, de propiedade pública, compartían recursos de administración.
Pero un dos lugares nos que se pode coñecer máis sobre os gladiadores que combateron en espectáculos públicos en Hispania é na antiga Corduba; alí, nunha necrópole próxima ao anfiteatro, aparece unha impresionante colección de lápidas de gladiadores, que suman máis do 80% de todas as localizadas en Hispania. Un magnífico traballo do profesor Alberto Ceballos: “Epitafios latinos de gladiadores en el Occidente romano” (Veleia, 20) dá conta de como estes homes querían ser recordados para o futuro: con virtuosidade, con decencia, co seu cognomen co que foron coñecidos a nivel popular: o Afortunado, o Victorioso, así como polo número de combates gañados. A media estaba entre 10 e 15 victorias por gladiador, e a súa idade media de defunción, cando se escribía na lápida, non demasiadas veces, estaba ao redor dos 30 anos. Morrían na flor da vida. E querrían morrer triunfantes e recordados, preto da arena que os viu caer.
Pero unha das lousas de Corduba interésanos especialmente. É esta:

Trátase da lousa de Ingenuus, un mozo de orixe xermánica, morto aos 25 anos tras 12 victorias, nalgún momento entre o final do século I e o II d.C. Ingenuus era un loitador do Ludus Gallicianus, un posible escravo ou liberto reclutado para esta familia de gladiadores pertencente ao Estado. Pero o fascinante ademáis, era a súa armatura, o seu oficio especializado como gladiador. Ingenuus desempeñaba un dos máis míticos e perigosos oficios do combate popular romano: era essedarius, era combatente en carro.
E isto é o fascinante. Como diciamos antes, os Ludus podían ser de orixe imperial (e levaban o nome do emperador) ou inspirados nalgún dos pobos contra os que combateron os romanos e que se distinguiron por algunha singularidade. Son estes Xogos Galicianos inspirados nos combates e nalgunha táctica de combate local na antiga Gallaecia? E representa ese essedarius, o noso amigo Ingenuus, un modo peculiar de combater dos galaicos que ficou desaparecido na Historia, o combate con carros de guerra?
Imos poñer todos os datos sobre a mesa. Xa lles adianto que estas preguntas non teñen resposta, pero non por iso deberan deixar de facerse, sobre todo porque son un excelente exercicio para determinar canto sabemos e canto non sobre nós mesmos ou sobre os demáis.
Os carros de guerra dos pobos célticos

Recreación dos carros de combate britanos
Aos romanos impactáballes moitísimo o peculiar modo de combate de galos e britanos. Canda as tropas e os usos máis convencionais, as tropas romanas advertiron e admiraron algunhas das técnicas e tecnoloxías empregadas na conquista da Galia e de Britania. Xulio César describiu marabillosamente as batallas navais contra os oueneti, na Bretaña francesa, que dispuñan de pesados barcos de madeira para o comercio cos que podían moverse moi ben en mares bravos e sometidos a fortes mareas. Cando a César se lle quentou a cabeza de máis e tentou invadir Britania, nas dúas campañas do 55 e do 54 a.C., as lexións experimentaron o emprego espectacular dos carros de guerra por parte dos britanos. Casivelauno, o seu principal opositor na campaña do 54 a.C., seica contaba con 4000 carros de guerra efectivos que se movían con rapidez na illa.
César contou na súa Guerra das Galias como se guerreaba desde os carros de guerra:
“El modo de luchar de los carros es éste. Primero avanzan por todas partes disparando dardos, y con el mismo terror que infunden a sus caballos y con el estrépito de las ruedas suelen desordenar las filas, y, una vez que se introducen entre los escuadrones de los jinetes, saltan de los carros y combaten a pie. Mientras tanto, los aurigas van retirándose poco a poco de la batalla y sitúan los carros de tal modo que, si aquellos se ven apremiados por la multitud de los enemigos, tienen libre la retirada hacia los suyos. De esta manera unen en la batalla la rapidez de los jinetes con la firmeza de los infantes, y es tal la destreza que les da el continuo ejercicio que, aún en los parajes con pendientes y escabrosos, hacen parar a los caballos lanzados al galope, los refrenan en seguida y les hacen dar la vuelta, estando ellos acostumbrados a correr por el timón, a mantenerse en pie sobre el yugo y a volver de allí rápidamente a los carros”.

Recreación dos carros de combate britanos
Notade, por certo, que os carros parecen ser efectivos tamén en zonas de relevo accidentado. Nun denario acuñado en Roma por Lucio Hostilio Saserna, do 48 a.C., está representado o modo de combate galo, que nos dá unha idea da estampa que debían compor estes carros de guerra. O uso do carro tamén debeu ser empregado en Irlanda, porque así o recollen as fontes lendarias; o heroe Cu Chulainn loita no Ulster montado no seu carro, ao carón do seu auriga Láeg e do que tiran os seus cabalos Liath Macha e Dub Sainglend. É un exemplo de moitas referencias literarias existentes en Irlanda ao redor do uso dos carros.


Recreación e documentación arqueolóxica da tumba de Wetwang (East Yorkshire). Fonte: British Museum.
Agora ben, que evidencias arqueolóxicas -non documentais- verificadas temos sobre o uso de carros de guerra na Britania? E aquí vén un asunto interesante. Se as miñas lecturas non se trabucan -agradezo correccións e ampliacións de información-, malia a súa aparentemente gran abundancia en momentos militares, creo que se conservan aproximadamente uns 22 achados de carros de guerra en Britania, pero hai varios problemas. Vinte deses vinte dous foron atopados nunha zona moi restrinxida e concreta de Britannia, o East Yorkshire, e sempre en contexto funerario. Tal cousa é coherente co mundo funerario británico, case tan opaco coma o galego. É precisamente o pobo dos Parisii de Yorkshire, dos que parece estar bastante claro que se trata duns emigrantes/ocupantes vidos do continente, o que emprega necrópoles con maior frecuencia, canda algún pobo de Cornualles. E nesas necrópoles é onde aparecen os vinte carros documentados. No resto da illa, practicamente nada.
Sen embargo, César non chegou tan arriba nas súas campañas de incursión en Britania. Movéndose no sureste da illa, ata Londres, o seu contacto con esta tecnoloxía militar estaba ben lonxe dos parisii, o cal indica a súa estensión ao longo da illa. Sen embargo, agás en dous puntos de inhumación, os carros non deixaron evidencias arqueolóxicas factibles no resto da illa.
Existiron carros de combate na Gallaecia da Idade do Ferro?
Pois é unha boa pregunta que desde logo non é doado de responder. Imos ver de que dispoñemos.
En primeiro lugar, empregáronse os cabalos como animais de guerra? Todo parece indicar que si. A diadema de Moñes, por exemplo, representa claramente xinetes en actitude bélica; ademáis, temos numerosos indicadores que falan do importante rol simbólico deste animal na Galicia da época. Desde a lousa da capela de Formigueiros (Amoeiro, Ourense) ata o cabalo representados, canda outros animais importantes para estas xentes coma o salmón, nas lousas de xisto dese castro tamén de Formigueiros (Samos), ou recentemente, o amarre en forma de cola de cabalo atopado na casa-patio impoñente do castro de Besomaño, en Ribadumia. O cabalo como elemento de combate xa é desde antigo unha técnica empregada en Galicia, e así o recollen ademáis os petróglifos que representan a xinetes armados, dos que temos un certo número. A dispersión destas referencias fan pensar nun uso bastante estendido do cabalo ao longo do territorio.
Aínda que hai algunha polémica ao respecto sobre a súa función, no sector oriental da Galicia actual localizamos tamén esas interesantísimas defensas anti-cabaleiría que son os campos de pedras fincadas, auténticos cinturóns verticais de protección que se pensan orientados a frear un avance de cabaleiría -ou mesmo de carroceiría. Estes curiosos sistemas defensivos desaparecen conforme avanzamos cara o oeste no territorio da Galicia actual. Eran estas zonas, nos límites entre a Galicia actual e a meseta, proclives a ataques de cabaleiría procedente das tribos da meseta? Non é doado sabelo.
Por outra banda, está o espiñento tema do carro como tal. Xa non falemos do carro bélico, senón do carro agrario como tal. Existen referencias simbólicas ao uso de carros de combate alomenos na Idade do Bronce. A representación dun carro de combate na estela localizada recentemente en Castrelo de Val (Ourense) dá conta de que, alomenos conceptualmente, o carro de combate era coñecido nas terras estremeiras de Ourense xa antes da Idade do Ferro. Pero o problema vén despois.
En Galicia temos tan internalizado o vello carro labrego que tendemos a consideralo inmemorial. Pero ata o momento non se teñen localizado evidencias de uso de carros nin no Bronce nin no Ferro, tanto de combate como de uso agrario ou de transporte. O asunto é bastante estraño per se, xa que o carro, alomenos o agrario, é unha tecnoloxía aparentemente bastante estendida. Unha posibilidade podería ser a localización de rodeiras que estivesen ben documentadas arqueoloxicamente (por exemplo, debaixo dun derrubo castrexo, etc.). Non conseguín moita información ao respecto pero si, parece que existen algunhas rodeiras que se poden acreditar como contemporáneas do castro.
O asunto dos carros, se existiron en época castrexa, debeu ter o seu aquel cultural. Se por unha banda, moitos dos sistemas de acceso aos castros adoitan permitir a anchura dun carro, nuns cantos casos, o asunto é máis lioso: moitas das entradas monumentais aos castros teñen escaleiras, como é o caso de Castrolandín ou Mallou. Un caso interesante, nese sentido, é Lansbrica, onde as entradas principais facilitan o acceso sen obstáculos ao recinto principal, pero os accesos á misteriosa croa baleira da zona superior impiden fisicamente o acceso dos carros…Restricións de tráfico? :-)

Carro votivo de Vilela (Paredes de Coura), hoxe no Museo de Guimaraes.
Outra volta, a documentación conceptual, como na Idade do Bronce, non se corresponde coa arqueolóxica. Pensemos, por exemplo, no impresionante carro votivo de Vilela, localizado en Paredes de Coura (actual Portugal, moi pretiño do Miño). Estamos falando dunha complexísima representación votiva na que uns bois con xugo tiran dun enorme carro no que se suceden escenas. O carro de Vilela está datado aproximadamente no 500 a.C., aínda que descoñezo os criterios para tal datación. Pero é un bo apuntamento de que a tecnoloxía do carro agrario era cando menos coñecida, aínda que as evidencias arqueolóxicas non nolo estean amosando claramente.
E logo están as fontes clásicas. Pero as fontes non informan de case nada. Estrabón ou Diodoro describen algunhas das prácticas dos guerreiros lusitanos e galaicos, pero como se xa ten estudado, esa descrición busca caracterizalos como bárbaros; por suposto non se refiren a moitos dos aspectos do complexo mundo cultural e se cadra técnico destes guerreiros que deixan entrever elementos como as estatuas castrexas. Só coñecemos da guerra da Idade do Ferro hispánica aquelo que se deriva do enfrontamento cultural cun exército moi distinto en prácticas e número ao combate tradicional. Pero un argumento en contra do uso de carros de guerra sería a ausencia de mencións entre os combatentes romanos, na súa iconografía da victoria e do triunfo sobre os últimos territorios libres de Hispania; a eles habíalles de sorprender tanto coma aos seus compañeiros que combateron na Galia e na Britania. Sen embargo, a diferencia é que en Hispania non se dispuxo dun xeneral amante das letras para as campañas cántabras.
Unha incógnita de dous mil anos
A presenxa desta lápida de Ingenuus, un xermano ao que lle aprenderon as artes do Ludus Gallicianus en Corduba, e que por quince veces puxo en risco a súa vida a bordo dun espectacular carro de combate, introduce incógnitas, suxestións, e intrigas en todo o que non sabemos sobre este mundo que está tan presente, e nos rodea por todas partes en Galicia: a Idade do Ferro. Cando as xentes de Hispania escoitaban que se ían organizar os Ludi Galliciani, sabían que un bravo gladiador faría brillar o seu carro nun anfiteatro, e se cadra recrearía, como acontecía co Ludus Gallicus ou Dacius, as fascinantes e máis difíciles guerras vividas por Roma para conseguir o dominio do mundo; en que medida esa cautivadora imaxe pertencía á memoria das últimas guerras da península e, en que medida, á fantasía do entretemento romano, é algo que aínda non se pode desvelar. Pero eu mantería a cabeza aberta. :-)

Fascinante, en Galiza hai numerosos “camiños de carros” coas rodeiras labradas en pedra mesmo, mais nunca pensara que se puidesen remontar tan lonxe no tempo…
Interesantísimo artigo Manuel!!!, que luxo es para este país. No pouco que eu podo contribuír á túa magnifia exposición, só engadir dúas ou tres cousas.
Primeiro; Sobre o roll dos cabalos, pode ser moi interesante ver as Cohortes galaicas (e astures) de cabalería, tais como o de Lemavos, Guigurros ou Bracaraugustanos, o cal nos fala de que estes pobos xa debían estar ben familiarizados coa bélica ecuestre. O imperio formaba cohortes especializadas tendo en conta as habilidades locais dos seus incorporados; é dicir, estes pobos debían estar experimentados na cabalería. (ver Yanguas).
Segundo; sobre as rodas e os carros, podemos falar das gabias que estes formaron nas entradas dos castros, veñenme á cabeza as de Baroña, as de Donón, e coido que… algunha máis no centro de Galicia, non me lembro onde. Hai anos escoitei nun seminario que o ancho das rodas atopadas que se desprende das gabias conservadas na rocha nai é practicamente a mesma que nos “carros do país” que chegaron a nós, se iso é certo, non o pode verificar.
Terceiro; creo recordar que na obra: Galaicos, de Ruibal aparece unha roda, ben, acabo de atopar a páxina que procuraba coa roda e todo, aí che vai:
http://www.tecnoloxia.com/carro/origen_del_carro.html
Espero ter contribuído cun grao de xabre a este magnífico artigo Manuel, unha aperta.
Considera que o 95% das rodeiras que ves son, na súa esencia, posteriores. Pero onde hai carros pode haber rodeiras. :-)
Moitas grazss, Céltigus!
Si, a refrencia de Yaguas é interesante, aínda que sería interesante ver exactamente onde temos trazas reais de carros. Por certo, do que andamos tamén moi verdes é de temas de estabulación e similar. Eu sospeito que os antecastros deberan facer esa función. Sería fantástico se algún día se fai un investimento en investigación e se poden pasar un par de campañas escavando furados de poste e negativos nalgún antecastro que permitiran facernos unha composición real da relación entre poboados, comunidades e o gando.
Andaba eu buscando as imaxes do carro do petróglifo do castro de Conxo e atopei esto. Creo que está interesante. Por certo, tamén vén o carro de Conxo, por suposto
http://masquepetroglifos.blogspot.com.es/2011/11/los-carros-de-guerra-en-los-petroglifos_15.html
Fíxate que eu sempre interpretei esa figura (e lin por aí que se interpretaba) como un escutiforme!
Pois aí está. Pinta de escudo non me ten, e ademais vendo os outros queda máis claro o parecido. Tamén podedes ver a ficha de patrimonigalego.net, aínda que o o autor non fai referencia ao carro
http://patrimoniogalego.net/index.php/883/2011/05/petroglifo-do-castrino-de-conxo/#comment-2099
Eu tamén Manuel. De feito, é certo que a representación desa figura lembra moito á imaxe cenital dun carro, tal como se ven nas estelas do suroeste. O problema é que no caso extremeño, a presencia de cabalos permite deixar ben claro que estamos ante carros. Sen embargo, nos gravados galegos, non hai (sospeitosamente) ningún animal…
Sobre a achega de Celtigus, gustaríame facer unha matización: na ligazón que aporta, aparece representada unha roda atopada en Catoira. No pé da imaxe se remite ao número 19 da revista “Raigame” correspondente ao ano 2004. Se un consulta o número en cuestión (se poden atopar todos os números da revista na rede, sen problema), verá que esa roda é… do século XVIII. Curiosamente, no mesmo artigo aparece representada unha roda atopada en Alemania, datada arredor do ano 400, e moi semellante ás rodas dos nosos carros do país. O caso é que esa roda sí se parece moitísimo a dúas rodas que -en efecto- aparecen no “Galaicos” de Ruibal (tiradas dunha obra de Raftery, segundo consta no pé da imaxe). Aínda que neste caso as dúas rodas proceden de Irlanda, cunha cronoloxía dos séculos IV-III a. C.
Esa vista cenital é tremendamente suxestiva se a comparamos co carro das estelas. Coincido no raro da ausencia dos cabalos, pero o asunto non está nada mal, a verdade. Moi interesante o que di o autor, por certo, sobre as armas escollidas nestas panoplias (e a discriminación de outras).
Pois eu vexo cabalos nos que se representan na páxina http://masquepetroglifos.blogspot.com.es/2011/11/los-carros-de-guerra-en-los-petroglifos_15.html
en Zarza Capilla I, Orellana de la Sierra e Cabeza de Buey I. Aos lados do tiro central. No de cabeza de Buey ata se lle ven as orellas. (Nas fotografáis de Vicente Bonilla e debuxos de S. Celestino Pérez)
“di o autor, Gustavo Pascual Hermida, :”en los Extremeños los artistas dominan mucho mejor la técnica de grabado y usan dos perspectivas, cenital para la caja y frontal para las ruedas, introduciendo los animales con el yugo acoplados al tiro central (hay algún caso en los que no se grabaron los animales de tiro)”.
No petróglifo de Conxo apuntase á presenza dun arqueiro dentro do carro.
Buenos días Manuel Gago. Hace dos años que publiqué el artículo de los carros en los petroglifos gallegos. Lo primero, no te quepa duda que son carros, la ausencia de caballos obedece a dos posibles hipótesis la primera no se representan animales en este tipo de rocas panoplia, es tabú, y la segunda se trata de representaciones simbólicas de carros, pero no los poseen todavía, los conocen y los han visto pero no los tienen físicamente.
Yo personalmente me inclino por la primera cuestión, es un tema de discurso, lo que graban es el carro en sí, los caballos y el yugo no forman parte de la estructura, y no mezclan animales con estas armas, separan sus discursos pues reflejan mitos distintos.
Respecto a la figura del castriño de conxo, es un auriga, un conductor sujetando las riendas(no un arquero), por eso la lanza aparece con cinco líneas, las tres centrales son para la lanza(o tiro)y las dos que sujeta el carrista son las riendas.
Este grabado simplemente verifica y constata que estamos ante carros, curioso que hasta ahora todos los investigadores que han realizado calcos de conxo representaron una sola línea dentro del bastidor o caja del carro, cuando realmente lo que se representan son varias líneas, constatable en fotos y sobre el calco(podeis comprobarlo en la fotos del blog o en la de patrimponio .net que son del mismo autor, lansbricae). Cual ha sido el problema, muy sencillo negar la posibilidad de existencia de carros, ha hecho que cerremos los ojos a lo que realmente representan, llegando a no reflejar lo que realmente hay dentro de ese grabado. Es comprensible, pero lo que no es aceptable es que sin demostrar nada se diga que son escudos cuando no existe ni un sola referencia en el registro arqueológico de semejante forma y es absurdo defender ese significado diciendo que jamás se encontrarán por que se hacen con materiales perecederos(este planteamiento es absurdo en si mismo, con el puedes decir cualquier cosa, por qué no cometas? raquetas? o Peinetas?, total como no tengo que demostrar nada me vale cualquier interpretación, lo que no comprendo es por que todo el mundo ha asumido esto sin ningún tipo de crítica, sería más honesto decir que no sabemos que son. Cuando todos tenemos claro que el único escudo que hubo en el bronce y hierro en el Noroeste es el redondo, la caetra. A mi no me sorprende esta realidad pues al analizar el mundo simbólico del bronce en Europa los carros están presentes en la mayor parte de las representaciones, la península no iba a ser distinta, y menos cuando estamos bañados por 4.000 km de costa.
Estoy a punto de sacar un nuevo trabajo en el que incido lateralmente en este tema junto a otros de no menos injundia, y en el que anuncio habrá sorpresas¡
Saludos
Por si os interesa, en la revista “Asturies, Memoria Encesa d`un País”, número 17, octubre de 2004, publican el hallazgo de una “chavil.la de carru castreña”, es decir, la pieza que se introducía en el cubo del eje para impedir que se saliera la rueda. La pieza aparecio descontextualizada, pero tipologicamente tiene toda la pinta de ser de la Edad del Hierro, por comparacion con otros hallazgos similares en Inglaterra, Bohemia, Austria… el hallazgo aparece en la sección “L`estoxu”, páginas 102-104.
http://4.bp.blogspot.com/-aY-7nOk6eFU/UYPYbV7CQ7I/AAAAAAAAABo/PDEMcW_84Ew/s1600/IMGP3570.JPG
http://2.bp.blogspot.com/-zrRYywxP_y8/UYPY_dpNgzI/AAAAAAAAAB4/noAqV9Z57Hc/s1600/IMGP3568.JPG
El carro de guerra era un arma que se empleó durante la Edad del Bronce desde Anatolia (al menos) hasta Irlanda, incluyendo Italia, Grecia, Egipto y España. El hecho de que Julio César se lo encontrase en Britania, o de que aparezca en las leyendas medievales irlandesas, revela simplemente que éstas eran zonas extraordinariamente conservadoras.
Enhorabuena por el blog!
Grazas polas achegas, Gustavo e Cristobo!
No ano 1971, Xaquín Lorenzo publicou un artigo no Boletín Auriense, no que conta cómo se atopou unha roda de carro fosilizada en Catoira. Tiña o artigo fotocopiado, pero agora mesmo so atopo a primeira e última páxina, :(
O que lembro do tema: a roda apareceu soterrada na area cando uns veciños dragaban na ría preto das Torres do Oeste. Éstes foron contarllo a Bouza Brey, que chamou a Xaquín Lorenzo. Creo recordar que Xaquín Lorenzo enviou a roda a Alemaña co fin de datala, e os resultados a situaban arredor do 1600 a. C. A roda foi exposta no Museo Arqueolóxico de Ourense.
O artigo é este:
Lorenzo Fernández, Xaquín. Una Rueda fósil en Catoira (Galicia). Boletín auriense.– T. 1 (1971) ; p. 19-30.
Ola, María, hoxendía os especialistas argumentan que esa roda é máis ben do 1700 d.C. A verdade é que é todo un misterio tamén a condenada roda de Catoira. :-)
Desculpade a miña ignorancia, descoñecía os estudos posteriores. Os meus coñecementos en arqueoloxía son moi xerais…, aínda que menos desde que existe Capítulo 0 ;-).
Hai anos, nunha aldea ourensá, falando cun paisano sobre a vida e o tempo, contaba o señor que uns “científicos” atoparan en Ourense unha roda de carro do tempo dos celtas.
Un día lendo o Boletín Auriense por outros temas, vin o artigo de Xaquín Lorenzo. Supuxen que ese sería aquel “científico” do que falaba o home e, a roda, a dos tempos dos celtas, :-). Gardeino de recordo e, ao ler o post onte (outra vez a roda, non fai mais que aparecérseme, terei que ir vela), lembrei a historia.
Agora en serio, moitas grazas polo traballo de difusión cultural que fas. Fainos moita falla.
A datación da roda de Catoira quedou en néboa, no mesmo Boletín Avriense(non lembro o número) Xaquín lorenzo publicaba outro artigo onde se desmentía si mesmo, xa que usando luz lateral atopara que a roda tiña un nome ou letras latinas e por iso a desbotou como castrexa.
Atención á empuñadura desta navlla de bronce con folla de ferro pregable atopada en Lugo no ano 2000. Disque as navallas eran cousa estraña na sociedade romana (preferíanse coitelos de mango fixo) e que as utilizaban principalmente lexionarios (aparecendo case todas en Britania e algunhas no SL da Galia). Os motivos destas adoitaban ser xogos de gladiadores.
Ben, nesta aparece un carro –> http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2003/08/02/1879642.shtml
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/2015/01/18/piezas-arqueologicas-custodian-lugo-poder-estar-museos/0003_201501L18C13998.htm