
Tomoe Sushi é un gharito de sushi que pasa por ser un dos mellores restaurantes de sushi en Nova York. Ubicado no bohemio barrio de Greenwich Village, alí onde Nova York se parece máis a cidades como Londres, trátase dunha taberna, máis ben cutre e un tanto kitsch, ateigada ata a bandeira de ávidos comensais. Se tes que esperar quenda, hai que facelo na rúa. A administración da taberna ten postas tres ou catro cadeiras deborcadas pola beirarrúa para que agardes. Tomoe Sushi ten certificado sanitario “B”, o cal significa que non ten unha limpeza tan axeitada como aqueloutros sitios con certificado sanitario oficial “A”. Aos neiorquinos dálles igual: ateigan o lugar para comer un sushi de base moi tradicional. Ao amante do sushi galego resultaralle estraño o arroz, moi pasado, que se sirve, no sushi, e o arroz insípido, sen ningún tipo de condimento, ofrecido co xantar. Trátase, máis ben, de usos tradicionais do arroz no Xapón que foron transformados en moitos países occidentais.
Mentres que polas nosas latitudes a cociña xaponesa está asociada a unha certa modernidade decorativa, aquí os xaponeses parece que quixeron recrear un local do lumpen de Tokio. Xente apiñocada, un servicio apurado e cortes máis ou menos decentes que fan pensar algo estraño: se este é un dos dez locais de sushi neoiorquinos, como di a guía Zagat, nós en Galicia somos uns auténticos privilexiados.

Be First to Comment