Noticias do paporroibo

Last updated on 25 / Febreiro/ 2013

O meu irmán Xurxo Gago publicou esta historia hoxe no blog de AXENA. Os seus recordos neste texto son compartidos comigo. Eu tamén vin, de pequeno, os paporroibos pousados na solaina da miña casa e de aquela tamén corría a agardar a chamada agardada que chegaría do Golfo Pérsico bombardeado ou dun estraño lugar de Texas chamado Corpus Christi. O que descoñecía -nunca volvera pensar neste paxariño desde hai máis de vintecinco anos!- é as conexións entre a lenda aprendida da miña nai -esa lenda ancestral na que a fortuna e o destino chegaba voando cos paxaros- tiña tan singulares conexións británicas. Así que esta é unha versión traducida do texto do meu irmán, que podes ler no seu orixinal aquí.

Deste esforzado paxaro teño os meus primeiros recordos ornitolóxicos de cando a miña nai, cada vez que viamos un mentres andabamos polas rúas da Pobra do Caramiñal, dicíame que ese era o paxaro das novas, era un “paxaro mensaxeiro” e que cada vez que vías un, ías ter noticias de alguén. Por aquel tempo, o meu pai estaba embarcado moi lonxe de casa, e cando este paxariño de fermoso peito en cor butano intenso aparecía voando e saltando entre as tellas e as rúas, era sinal inequívoco de que probablemente aquel día o meu pai ía chamar desde algún porto remoto deste planeta. Teño que recoñecer, que este foi probablemente a primeira especie de paxaro que recoñecín de neno, ademais dos gorrións, pombas e gaivotas que había por todos os lados. Era o paporroibo, o paxaro das noticias. E este post é a miña homenaxe ao seu tan esforzado e valioso labor.

O outro día, aproveitei para estirar as pernas e xogar un pouco coa miña cámara nova (NikonD90, si, a miña primeira réflex) e dando un paseo polo campus da Universitat de lles Illes Balears puiden comprobar de primeira man, o pistoletazo de saída da primavera eran os almendros en flor!

Ao chegar de volta ao edificio, alí sobre un cerimán ou costela de adán que naceu no medio dunha oliveira, había un paporroibo. Ao contrario que outros paxariños, se vos fixades poderíaselle considerar robusto e rechoncho, a súa cabeza tremendamente redondeada e cun pescozo anchísimo que lle outorga unha aparencia extremadamente compacta e moi robusta, un estilo Fernando Alonso, vaia, coma se se tratase dun piloto de Fórmula 1. Pico e ollos completamente negros, pel un pouco canela, e con ese rechamante peito cor avermellada que o caracteriza, tanto é así que foi o mismísimo Linneo quen no s. XVIII na súa magna obra Systema Naturae chamouno Motacilla rubecula, significando ruber vermello en latín. Xa máis tarde no 1800 George Cuvier estableceu o xénero Erithacus dando lugar ao seu nome actual, Erithacus rubecula.

Ao tres meses de saír do niño, a estes paxariños, tanto machos como femias, xa se lles comeza a arroibar o queixo e o peito até adquirir esas cores tan intensas. E a cría non é menos excepcional: neste común compañeiro con gustos humanísticos ao que tanto lle gustan os xardíns e parques das cidades, vinos criar en case calquera sitio. Desde macetas até nas portas das casas. Mesmo en cubos coa fregona dentro! Esforzadísimos os pais na cría alimentan á súa xenea con multitude de insectos, vermes e eirugas durante todo o longo día, desde primeira hora da mañá até última da noite, só cesando brevemente no seu empeño nas máis cálidas horas do mediodía.

Os paporroibos son moi confiados con respecto á proximidade do home. De feito, mesmo aprenderon a estar preto do home cando traballa no campo, a procura dalgún insecto ou lombriga que poida saír ao remover a terra. Aquí en Mallorca, onde tradicionalmente sempre houbo unha gran cultura de caza de paseriformes sobre todo nos pasos, móstrase confiado. Este que vos amoso, deixoume achegarme a case un metro. Coa pluma baleirada completamente parece máis grande do que realmente é, isto é típico en todas as aves, levantar a pluma para así aumentar a capa de aire que os illa do frío. Pois como vos dicía, este que estaba no pau da costela de Adán que sae da oliveira a escasos metros do despacho deixoume achegarme a un metro! E aí aproveitei para estrear o D90 (grazas Andrés)! Esa cor vermella-butano do peito cativoume e trouxome recordos da miña infancia, do paxaro das novas.

Moitas lendas cóntanse sobre o paporroibo: se ten o peito vermello, porque cando Cristo estaba na cruz, un paporroibo subiu a cantarlle ao oído e unha pinga de sangue caéuselle no peito e xa se lle quedou alí para sempre. Ou a que máis me gusta, e é que en Inglaterra os paporroibos sempre foron moi respectados, de feito, utilízanos moitos para as postais de Nadal, e iso quizais sexa debido a que os carteiros británicos na época victoriana levaban un uniforme vermello, mesmo alcumábanos “Robin” (paporroibo en inglés). Por iso é polo que probablemente se lle coñeza coma o paxaro das novas, o paxaro que traía a información, que sabía, cando os mariñeiros embarcados alén dos mares ían poder chamar ás súas familias. O meu máis sincero e profundo agradecemento para tan loable labor.

Xa desde aquel momento, converteuse nun símbolo, simboliza o paxaro das noticias, como podedes ver neste cartón de nadal inglés de 1934.

33 Comments

  1. Manuel
    19 / Febreiro/ 2013

    E non podería ser ó revés, que os carteiros levaran as chaquetas vermellas porque era ese o color dos paxaros mensaxeiros?

  2. 19 / Febreiro/ 2013

    Podería ser perfectamente.

  3. 19 / Febreiro/ 2013

    Cando era un rapaz sentinlle contar o conto a Antonio Fraguas nunha charla escolar. Non sei se está recollido por aí. Tampouco sei se o inventou ou o modificou pra nós, para os nenos. Supoño que se di doutras especies algo semellante. Supoño que tirou proveito dela para opoñer mito, lenda, conto, vaite ver. A fin de contas falamos de Prometeo, dun prometeo piquiniño, avispado e moi xeneroso. Era así.

    Unha vez, cando os animais falaban, viñeron uns anos de moito frío seguido e velaí: quedaron sen lume. Andaban aterecidos: arrimados uns aos outros polas noites; pelexados, a correr atrás de vermes e graos, polos días. Así non podían seguir porque non criaban e morrían. Entón falaron entre si e acordaron de ir buscar o lume ao sol. Un deles levaría unha ponla de oliveira no pico, e viría a todo dar co lume á terra. Foi unha boa idea, pero… Pero ningún quixo ir. Todos daban a súa desculpa. A bubela tiña que ir á tenda, o corvo a un enterro e os estorniños a latricar na taberna. Así que todos se viraron para a aiga. – Tes que ser ti dixéronlle, ninguén ten a túa forza. A aiga dixo que diso nada, que ela tiña unhas prumas moi aqueladas e por nada has había poñer en perigo.
    Estaban nesas cando un paxariño pequeno e máis ben feo, no que ninguén reparaba nunca, dixo que ía el; que, total, non tiña grandes galas que queimar e, se non volvía, poucos o ían chorar.
    Déronlle a ponla de oliveira e alá se foi. Voou e voou ata chegar ao sol e pediulle candela como a piden os rapaces cando fumabamos o primeiro pitillo, con estilo e expectación. Volveu ás carreiras, e chegou co lume á terra, pero en canto viña a baixar as prumas do peito ardéronlle todas. Un supoñer, ponla de oliveira ardería cada vez máis ao entrar na atmosfera, como o cine americano nos enseña. Quedou tiznado e moribundo pero fora un heroe e entón todos se facían os amigos del. Por demostrar agradecemento déronlle cada un a súa pruma máis colorida e fóronlla poñendo no peito queimado. Por iso desde aquela ten o papo rubio, e todos lle chaman paporubio e todos aledan cando o miran.
    Todos non; a curuxa non quixo e por iso os demais paxaros a condenaron a vivir de noite.

    E isto foi o que nos contou. E eu conteilla así aos nosos pequenos, cando eran pequenos.

    apertas Manuel

  4. 19 / Febreiro/ 2013

    Fermoso texto, David!

  5. karl
    19 / Febreiro/ 2013

    Hai un paxaro que é chamado cadete, ou máis comunmente cardeal,camachuelo en castelán moderno. Ten o peito vermello, os cadetes de principio de século en España tiñan pantalón vermello. Os cardeal usan ese tipo de cor. Pero no caso do robin habería que ver a antiguidade da palabra, cando os ingleses chegaron a América denominaron robin a especies con peito roibo. Cabe pensar que chamaban robin ao carteiros por parecido co paxaro. O conto é sospeitosamente un historia recente chegada de países anglosaxóns. Porque non ten moito sentido desde o punto de vista galego: o paxaro vese moitas veces próximo, todos os días para calquera persoa que viva no campo con horta nas Ría Baixas. Ademais a zona tivo unha industrialización moi temperá, e xa a principio de séc XX debía haber un bo grupo de xente da zona embarcada na mercante. Non é nada coherente cos feitos da vida cotiá. Un paporroibo alí vese todos os días. Mesmo en Inglaterra a historia debería ser recente e ligada ao tema dos carteiro, pero habería que velo, hai algún libro publicado en inglés sobre o folclore das aves

  6. karl
    19 / Febreiro/ 2013

    De todas as maneiras é posible unha explicación, a ave aproximase moi confiada (en partes de España chámase “tontito”) e nos mira de lado, como se nos quixese dicir algo

  7. Pardal
    20 / Febreiro/ 2013

    Por certo mostras o paporroibo común,mais tamén hai o paporroibo papamoscas (un pouquiño mais lixeiro pero case igual)e o paporroibo real ,o macho e laranxa moi chamativo e a femia mais grande de cor laranxa-gris,mais penso que cambian de lugar segundo a estación porque estes só os vexo dende abril ata agosto máis ou menos,todos cun canto moi fermoso,e gostan moito das hortas e dos amorodos e framboesas,coma os merlos,por certo estes corvidos teñen o canto máis fermoso(non digo o gradnido senón na primavera ,o de apareamento)de cantos oín e oín de bastantes ,o paporroibo igual e algo máis confiado ca outros mais non o é tanto,iso si os gatos é o que máis papan porque estan polas hortas e rueiros os dous.
    igual son os paparroibos reais por iso de emigrar,é unha apreciación miña cavilada paseniñamente.

  8. karl
    20 / Febreiro/ 2013

    Os merlos son son córvidos. O papamoscas e “paporroino real” non son membros da familia do paporrubio (recomendable usar nomes científicos porque entón non nos imos enterar moito). Non existe o papuprribio papamoscas, ou polo menos non é un nome moi frecuente. Existe o nome papamoscas, en xeral na lingua tñecinca aplícase ao xçemero Ficedula. O que chamas “paporrubio real” (cardeal ou castelán camachuelo está todo o ano en Galicia, pero na Península hai migracións interiores, movementos das aves)

  9. karl
    20 / Febreiro/ 2013

    Dicía que NON son Córvidos, os merlos

  10. Pardal
    20 / Febreiro/ 2013

    Karl, os merlos son corvidos,o paporroibo real emigra,ninguén dixo que era a outro país,e hai,un paporroibo papamoscas ,seino porque é coma o paporroibo,ten o paporroibo pero é máis lixeiro,e adobece polas formigas.
    Eu non sei de onde sacas ti que os merlos non son corvidos,por o son,e ademais vouche dicir máis os maiores inimigos dos corvidos son outros corvidos ,no caso dos merlos ,teñen por inimigas as pegas,que tamén son corvidos,coma os gaios que tamen son corvidos ,por certo cunha plumaxe moi chamativa ,vermella,azul,blanca e negra,as súas irmás as pegas comúns,blanca negra( e azul en diversas circunstancias).

  11. Pardal
    20 / Febreiro/ 2013

    A clasificación que ti fas referencia e que as clasifican e paxaros dunha determinada talla ,faime caso,teñen aspecto de córvido,comportanse coma córvidos,fan os niños coma os córvidos,cando teñen problemas chaman pola súa bandada coma os córvidos,son intelixentes coma os córvidos,ten por inimigo a córvidos,crean un territorio e defendeno coma os córvidos,se o clasifican segundo o seu tamaño é outra cousa,faime caso son córvidos.

  12. karl
    20 / Febreiro/ 2013

    A clasificación científica dos animais non depende dunha opinión persoal. Ora ben , persoalmente podemos clasificar os animais como queiramos. O único problema que ten é que ninguén nos entenda se utilizamos a notación científica, asi eu podo dice que un pardal é un escualo, e quedar tan pancho, non pasa nada evidentemente, ou non grande cousa, se é que xa superei o exame de ciencias. Por outro lado os merlos non andan en bandada porque son moi territoriais todo o ano. Un atendo saúdo

  13. karl
    20 / Febreiro/ 2013

    O “camachuelo” ou cardeal, que tu chamas paporrubio real, está todo o ano en Galicia, como especie, sen que iso sexa obstáculo a que algúns exemplares se movan a outras zonas no inverno.

  14. karl
    20 / Febreiro/ 2013

    En calquera caso as túas descricións non se corresponden con ningunha ave da fauna galega, lendoas atentamente

  15. Pardal
    20 / Febreiro/ 2013

    Santa uxia de ribeira deixasme abraiado,vou teren que poñer gafas logo,manda carallo.

  16. karl
    21 / Febreiro/ 2013

    Gafas, prismáticos e comprar unha guía de aves, por 20 EUR hainas moi xeitosas. Non fai mal. Un saúdo!

  17. Pardal
    21 / Febreiro/ 2013

    mi madriña

  18. isaac
    21 / Febreiro/ 2013

    ….facéndolle a competencia a Sole ???? …Cría corvos e …!!!(o artigo vaiche de paxariños).
    Eu, que estou a tolear coa miña réflex, teño que recoñecer que tiraches unhas fotos moi ben feitas.

  19. Anónimo
    22 / Febreiro/ 2013

    paxareiro por épocas, sinto sorpresa e emoción ao ver compartida este entussiasmo polos máis que simpáticos paporroibos, paporrubios…. Levaba tempo tamén sen preocuparme deles. Non sabía a historia que contas. Un chiste no que hai anos andaba: efectivamente, robin, é o nome en inglés…. as peliculas de robinhood, ou as novelas das que parten fannos coirmamans, irmandiños a todos os que baixo o seu rubio peito con entusiasmo nos acollemos. Conexión galega: En que bosque,”floresta” seagochaba o tal robinhood?: era aqui, o seu exilio: SERGUDE. O bosque de Sergude. Minto?

  20. XAVIER LORENZO TOME
    22 / Febreiro/ 2013

    NAA DE ANÓNIMO… foise o correo anteri0r sen querer… outra cousa: “los pajaros y su individualidad” un libro de “Fondo de cultura econónomica” tradución dunha louca inglesa onde “individualizaba” cantos, modos e maneiras de varias roladas de paporrubis que acodían ao seu xardin…. unha loucura ue lin hai vinte e moitos… e que hoxe, emocionado, lembro. Un saúdodu

  21. Pardal
    22 / Febreiro/ 2013

    sherwood-sergude,hai máis dun topónimo sergude,gude debeu derivar de coed(madeira)(das linguas bretonas)coma crabullo de craob(pao,póla)deriva en garabullo,e no ingles derivou en wood(substrato bretón),a raiz sher,ser,non sei o que significa.

  22. Antón
    22 / Febreiro/ 2013

    Teño visto o paporroibo real (Pyrrhula Pyrrhula) nos lindes dunha fraga antes do solpor e mesmo semellaba, tal coma di o conto, levar outro sol pequeniño no peito… A esa hora na que a luz tamén é roiba e os fentos secos semellan arder.

  23. 24 / Febreiro/ 2013

    Pola banda da Terra de Trives, o Paporrubio, (Erithacus rubecula), sábese de certo que, “antigamente” este paxaro seica non tiña rubio o papo.

    Adquiríu esta fanera cando lle quixo tirar unha espiña da coroa a Cristo e unha pinga de sangue batuxoulle o peito.

    Por eso era un paxaro moi respetado nas casas ás que adoita achegarse ou mesmo entrar.

    Paciencia, Karl. Recomendo a lectura do texto de Borges, J.L. ” el idioma analítico de John Wilkins.

  24. Karl
    25 / Febreiro/ 2013

    Se chamamos aos túdidos córvidos, porque non chamar arte islámico á escultura castrexa? Leo a Borges, pero aínda non cheguei alí, entre tanto blog. De momento recomendo a Peterson

  25. Karl
    25 / Febreiro/ 2013

    Claro que tamén teño que dicir que Sagan me parece totalmente lexible, e Borjas véxoo oscilar entre o glorioso e insoportable, por pastoso (oh sacrilexio). Para gustos pintan colores. Prefiro Chile a Arxentina, e as Falkand a Comodoro Ribadavia. Ninguén é perfecto

  26. Karl
    25 / Febreiro/ 2013

    Moi bo o de Sherwood, pardal, férvelle o eixo!

  27. Karl
    25 / Febreiro/ 2013

    E por outra parte, é curioso. Eu pensaba que quen lle tirou o sangue a cristo fora a andoriña, de aí que elas teñan cor sangue ou vermello no babeiro (e daí que os bos cristiáns lle permitan criar nos cortellos) o Cristo de Trives debería ter un sangue un pouco defectuoso, digamos pobre en hematíes

  28. Pardal
    25 / Febreiro/ 2013

    Non teño leite posto ao lume,os toponimos sergude que hai en galiza probablemente sexan das linguas célticas,porque g derivou da c en moitos casos,callaec-ia ,gallaec-ia,crabullo-garabullo(craob en irlandés,póla)coed nas linguas bretonas é madeira ca deriva en g coa pronunciación cerrada gued e coma no caso de antigo crab- a gara-gued pasa a gude-madeira coma (canskio,ganskio)pasou a gancho(na acepción de póla ou pao) ou probablemente carballo vén de(craoboakio)árbore de pólas,como é unha frondosa,todas da póla céltica crann(árbore)craob(póla en irlandés)dunha raíz antiga da que tamen parte coed(en galés)(tronco,madeira),linguas célticas bretonas.

  29. 25 / Febreiro/ 2013

    Karl: Penso que foi defecto do meu laconismo na menxaxe de arriba, pero eu con eso de “paciencia” pretendía colocarme da banda dos que recomendan leer ó Perterson, por exemplo, e xa que logo , na túa liña argumental. O coñecido texto de borges sobre a lingua sintética de Wilkins fala precisamente da gana que teñamos ou non de entendérmonos. E, claro, a merla, ou cochorra, Turdus merula, pois non , non é un córvido.

    Así pois, eso da sangue do cristo e tal…non sei moi ven como tomalo. O caso é que as variacións locais de estas cousas existen, coido.
    Xa postos, ves que escribín “recomendo” e non “recoméndoche”.

    En fin…

  30. Pardal
    25 / Febreiro/ 2013

    as paseriformes son unha suborde dunha superfamilia corvoidea,é eu non me fun de listillo,é a sabedoria popular tampouco se equivoca nisto.
    agora ben que o merlo non o clasifican coma córvido propiamente xa o sabia tamén pero facedeme caso é un córvido ou( paseriforme da familia das turdidae que derivan da superfamilia corvoidea) tumba e dallle,non queriades exactitude ,tomade exactitude.

  31. karl
    26 / Febreiro/ 2013

    Grazas polas aclaracións Sr Losada. Mr Pardal, magnífico exemplo de arte e arquitectura islámica o castro de Castromaior, non é? É como a Alhambra, pero os xardíns só florecen en maio, na época das xestas :) :)

  32. Pardal
    26 / Febreiro/ 2013

    estades ben equivocados????,tedes un problema de ordeamento das cousas,poderiache da-la razón que parece que é do que se trata,mais ti quitachesma a min ,sen razón e eu non cha din ,que non quere dicir que en parte teñas razón pero parece ,que hai xente que non quere comprender,suborde,e superfamilia,etc

  33. XAVIER LORENZO TOME
    27 / Febreiro/ 2013

    xavier l t./ anonimo…: perdoen polas duas contiguas intervencións sobre paporrubios e sergude.GLUPP! GLUP! garden as navallas! Glup! Voa, paporrubio… mamaíña..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará