Publicado o 11 / Xaneiro/ 2013 en: Destacado, Medios

The Newsroom vs The Hour


Elenco de The Newsroom


Elenco principal de The Hour

Un compañeiro meu de traballo, Xermán Hermida, ten a teoría -creo que atinada- de que se fan centros de interpretación sempre de actividades ou lugares que xa morreron realmente. Se cadra coas series de TV, hoxendía, pase exactamente o mesmo. Están The Newsroom (americana, de HBO) y The Hour (británica, da BBC). Ambas as dúas retratan épocas supostamente douradas da televisión, a época dos grandes informativos. Aínda que hai diferencias cronolóxicas (The Newsroom ambiéntase no mundo contemporáneo, xusto agora e The Hour recrea os primeiros magazines informativos semanais dos anos 50), creo que é factible comparar as dúas series.

Máis alá dos tópicos, as dúas series son moi semellantes na súa estrutura. Combinan tramas persoais e sentimentais cunha gran historia xornalística que enfía a historia e conduce a apoteose final de cada capítulo, que é a emisión en directo do programa. Ambas as dúas susténtanse na báscula entre presentador/es carismático/s e produtoras efectivas e atribuladas, en diferentes grados de soltería ou relación sentimental con outro protagonista. Pero a partir de aí sucédense desenvolvementos notoriamente distintos, e isto é o máis fascinante, para min, destas ficcións contemporáneas.

A visión de The Newsroom, un informativo vespertino dentro dunha gran cadea norteamericana, acada visións épicas e personaxes relativamente polarizadas. A relación entre os dous protagonistas é necesariamente complexa, por iso se lles construíu un pasado. Pero o seu pasado é case inocuo. As personaxes de The Hour, pola contra, teñen un pasado considerablemente turbio. En The Newsroom as personaxes padecen arrebatos heroicos que os subliman e os afastan do cotián, a través de actos nobles que acadan a súa gloria nos trinta minutos de emisión. En The Hour os defectos, os medos, as inconsistencias das personaxes acabánse desvelando, aumentadas, á sombra do alcol das noites en locais ou en tremendas soedades. Ambas as dúas series tentan recrear a paixón dos profesionais do xornalismo pola historia que vai ser contada nun día e case esquencida o día seguinte; pero mentres en The Newsroom o trasfondo final é a rectitude moral e a amplitude humana dos que toman a decisión de informar -tremendamente inocente, irreal se cadra-, en The Hour nada disto se evidencia; os discursos non son necesarios, as mostras de heroísmo tampouco. Cada quen carga coa súa culpabilidade, desempeña o seu oficio case como un destino inevitable. Ocorren no trasfondo, nunha corrente subterránea que, ao final, ao meu ver, aparece máis consistente sen a penas ser evidenciada.

Un non pode deixar de pensar que, malia que as dúas series son producidas ao mesmo tempo, unha e outra representan, en efecto, épocas distintas. En The Hour o xornalismo non se formulaba, facíase. En The Newsroom, as personaxes parecen reafirmarse continuamente, como sabendo que aquelo que pretenden ser se cadra deixou de selo hai moito tempo.