O cinema detrás da arte rupestre

Isto é unha auténtica marabilla. Traduzo directamente esta noticia de New Scientist:

Pensas que as primeiras películas foron proxectadas no cine? De acordo a unha análise da arte rupestre, os nosos devanceiros prehistóricos inventaron o concepto mentres debuxaban nas paredes.

Neste vídeo, o investigador e cineasta Marc Azéma, da Universidade de Toulouse Le Mirail en Francia revela como varios fotogramas dunha animación están sobreimpresos en moitas pinturas animais. Un cabalo pintado nas covas de Lascaux en Francia, por exemplo, está feito de moitas versións do animal representando diferentes posicións de movemento. Neste vídeo, Azema extrae as imaxes individuais e amósaas en sucesión, demostrando como elas se reproducen como se fosen un debuxo animado (…)

Estes fenómenos son moi curiosos. A min encántame o tema dos ‘estilos locais’ na arte rupestre galega. Están bastante investigados: como os trazos, os motivos ou os xeitos de representalos cambian en función da comarca de Galicia. No Barbanza temos un estilo moi peculiar de representar as gravuras dos cérvidos: no canto de teren catro patas, teñen seis. Esta incógnita, que xa intrigou a Bouza Brey e a Cuevillas no seu momento, se cadra teña que ver con esta sensación de “animación”, un xeito curioso, un tanto estraño, de transmitir o movemento sobre algo tan estático como unha pedra. Un bo exemplo é a Pedra das Cabras, en Palmeira:

Este fenómeno das seis patas repítese noutros mamíferos representados na plástica rupestre galega. A ver se alguén se anima e pon a correr os nosos cervos e cabalos rupestres!

2 Comments

  1. Kas
    20 / Xaneiro/ 2013

    Incrible!!!
    Agora súrxeme a duda de cómo facían para reproducir estas películas, imaxino que será algo parecido as imaxes holográficas que segundo de onde lle veña a luz amósase unha imaxe ou outra.
    Quizáis estes debuxos ante o fulgor dunha fogueira cobraban vida?
    Coido que esta noite vou soñar con cabalos e búfalos galopantes. Moitísimas grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará