Culler de Pau, nova estrela Michelín


Javier Olleros en Con Negro, a paraxe da súa infancia. Foto: Sole Felloza

Foi en 2009 cando tiven a fortuna de coñecer a proposta de Culler de Pau aos poucos días de abrir o restaurante na aldea de Reboredo (O Grove). Soubemos desde ese día -e non por ser gurús- que aquelo ía arrasar. Non só era o espazo, senón a proposta, elegante e fresca da cociña de Javier Olleros e as gañas do seu equipo, desde o seu axudante e amigo Takahide Tanaka ata a súa compañeira Amaranta Rodríguez e o resto do equipo.

Durante estes tres anos o restaurante evolucionou. Olleros comentoumo varias veces: foi perdendo o medo, foi establecendo unha comunidade tanto cos clientes como cos produtores. A súa cociña acompañou ese camiño: os caldos transparentes e intensos, a aposta radical polo mar da Arousa, sustanciado en toda unha serie de moluscos, peixiños ou algas pouco empregados habitualmente. As hortas ecolóxicas do Grove e a da Finca de los Cuervos, de Santiago Pérez, o cabrito de Vila de Cruces… Javier Olleros foi medrando como cociñeiro ata chegar a un nivel magnífico. O meu último menú en Culler de Pau foi un auténtico resumo da súa filosofía sobre a gastronomía e o produto. Aquí podes ver as fotos e a crónica. Con Javi Olleros temos compartido moitas conversas ao redor da identidade gastronómica da ría de Arousa, de como interpretala desde a cociña de vangarda, de como incorporar tradicións esquencidas e peixes ignotos. Sen dúbida, o restaurante vai continuar ese camiño.

Culler de Pau é unha das grandes experiencias gastronómicas contemporáneas que se poden vivir a día de hoxe en Galicia. Sen dúbida, está entre os cinco -ou menos- grandes restaurantes do país. Pero esta estrela Michelín, sospeito, é só o inicio do que virá.

Parabéns!

One Comment

  1. Iolanda
    24 / Novembro/ 2012

    PARABÉNS!!!!! Por fin A culler consegue a súa estrela, dende hoxe o mundo da restauración e un pouco mais xusto! Os ovos a baixa temperatura con crema de S. simón deberían presentalos a patimonio da humanidade!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará