Eu vin a cidade asulagada de Duio (e vós tamén podedes)

Os lectores de Capítulo Cero coñecedes ben as marabillosas lendas das cidades mergulladas da costa atlántica e das lagoas do interior de Galicia, que compartimos con outros países da ribeira occidental, nomeadamente Bretaña. As nosas cidades asulagadas case sempre o foron polos moitos pecados dos pagáns que nelas vivían,aínda que hai todo tipo de variantes interesantes de posible orixe medieval (a princesa que non quere casar co viaxeiro, etc.) ou mesmo anterior (quizais o Boi Bruón do Carregal). Son un patrimonio único e marabilloso da Europa Atlántica.

Na Bretaña e na Galicia críase nelas con moita certeza. Cunqueiro conta que os bispos bretóns mantiñan pleitos por ver quen cobraría os diezmos da cidade mergullada de Ys cando emerxera das augas. E eu escoitei no Barbanza a vellos aseverar ver o campanario de Valverde tanxer no medio das tempestades, e a vellas que, sinalándome a lagoa de Carregal, falarme das rúas de Valverde que aínda elas viran. “Así como non creo nos difuntos, eu vin Valverde cos meus ollos”, díxome unha.

Unha das nosas cidades asulagadas máis coñecidas era Duio, a antiga Dugium. Xa figura nas lendas da Traslatio compostelana, e estaba ubicada, contan as lendas, entre a Praia Langosteira e a Praia do Rostro, en Fisterra. O mar levouna e as lendas eran tan poderosas que Sarmiento ou Lucas Labrada xa recolleron a historia. Moito se ten escrito sobre ela. Sobranceiros autores como Luís Monteagudo creron que existía, e tentaron amosar probas arqueolóxicas de achados na zona, e lle adxudicaron ser o Gran Porto dos Ártabros do que falaban os clásicos.

O certo é que Duio non está baixo o mar, senón atrapada na Nube, no corazón de Internet.

Desde hai varios anos, sempre que utilizo Google Maps, ocorre un fenómeno singular. En boa parte das numerosísimas buscas que fago na aplicación, aparece Duio. Decateime unha vez, que estaba traballando con xacementos medievais da zona da Amaía. E vía no mapa aldeíñas chamadas “Vilar de Duio”. A primeira vez piquei na chiscadela dos deuses e dixen: “vaia, a ver se Duio en realidade é esta aldea da Amaía e se lle chafa o chiringuito aos de Fisterra”. Pero continuando os meus paseos virtuais pola xeografía galega, Duio se manifestaba en todas partes, entre medio das aldeas e das comarcas rurais de Galicia. E ségueo facendo, de acordo co que os ingleses chamarían serendipity; non son quen de acertar de acordo con que reglas, se as ten, se produce a marabilla. Aquí van tres exemplos de hoxe á tarde:


En Toques


En Forcarei


Nas Pontes de García Rodríguez

O outro día, un amigo entroume polo chat. Caera tamén na trampa electrónica, no encanto dixital da antiga cidade de Duio. Díxome misterioso: “creo que sei a que lugar se referían en realidade as antigas lendas de Duio”. Eu, que sei que el é tan vicioso de Google Maps coma min, decateime do que pasaba ao momento e escachei da risa. Deixeino falar. E a súa descrición do lugar e como tentaba encaixar culturalmente, no territorio e na interpretación das lendas, a sinxela aleatoriedade do fallo de Google Maps marabilloume. En certo xeito, Duio seguía a existir! A modernidade mudou a tradición oral e culta nun bug de código (un fallo de software) ben curioso e afortunado de Google Maps (un XML atrancado? unha etiqueta aberta?).

Así que a última parte da lenda de Duio poderiamos enriquecela cun final que inclúa a Internet máxica de principios do século XXI.

“Cada vez que algún cabaleiro entra en Google Maps á procura do pasado do Reino de Galicia, a cidade de Duio aflora da terra xalundes, lembrando a súa desgraza e pecados e pedindo que a socorran”.

Así que animo a todos os cabaleiros e donas que se metan en Google Maps ao rescate da pobre Duio, que tivo a discutible desgraza de ser pagá en época cristiana. Eu non podo: aínda estou de baixa.

13 Comments

  1. 28 / Outubro/ 2012

    Unha fermosa actualización da lenda!

  2. O Sorriso de Daniel
    28 / Outubro/ 2012

    Si home. De baixa si. Deixa que te pille Fátima Báñez. Mellora e segue sen desaproveitar o tempo!

  3. 28 / Outubro/ 2012

    No asociaba yo lo de las ciudades sumergidas con lo Occidental. Lo que sé del tema está en un artículo de un amigo:
    José María Anguita Jaén, “El “Pseudo-Turpín” y la leyenda de Lucerna de los Alpes al Lago de Sanabria”, Iacobus: revista de estudios jacobeos y medievales, ISSN 1137-2397, Nº 15-16, 2003 , págs. 75-98 (http://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=954143).

    Yo solo he leído de por aquí lo que contaba Risco en el Libro de las horas sobre la laguna de Antela: http://compostela.blogspot.com.es/2010/02/la-laguna-antela.html

  4. Karlinhos
    29 / Outubro/ 2012

    Moi boa entrada.
    Meu vicio con gmaps e máis eu xa estabamos cun mapa desto:

    Mapa dos Duio

  5. 29 / Outubro/ 2012

    Karlinhos, acábasme de deixar alucinado!

    A coña é que non parece verse ningún patrón claro do erro de google maps.

    M.

  6. porconegro
    29 / Outubro/ 2012

    Comprovei vários co Sigpac e parece que Os Vilares se convertem em Vilares de Duio xD Moi bom descobrimento!

  7. Magago
    29 / Outubro/ 2012

    Que bo! Pero pasacon todos os Vilar ou só con algúns?

  8. Elixio Vieites
    29 / Outubro/ 2012

    Poño un Exemplo dese mapa de Karlinhos : Andaba fai tempo dándolle voltas en San Salvador de Bastavales e xuraría que tiña visto San Salvador de Duio (Brión) no mesmo sitio, ou sexa sinónimos da mesma parroquia en algún mapa. No noménclator de Galicia , só ben o nome da parroquia San Salvador de Bastavales e a aldea de San Salvador como lugar, pero de Duio ,nada de nada. Será outro erro deses . Eso sí hai un “Buio” en Santa María dos Anxeles ao lado da estrada de Noia, e a poca distancia . Nesta parroquia hai estes lugares:

    San Salvador de Bastavales (San Salvador) Cirro
    San Salvador de Bastavales (San Salvador) Gándara
    San Salvador de Bastavales (San Salvador) Reboredo Pequeno
    San Salvador de Bastavales (San Salvador) San Salvador
    San Salvador de Bastavales (San Salvador) Soutullos

  9. Karl
    5 / Novembro/ 2012

    Boas, o outro día baixeime de internet un artigo sobre topónimos da área fisterrán e Soneira e o Tombo de Toxos Outros e dicían que Duio podería vir do latín “dubio”. non mer lembro o autor, síntoo.

  10. Karlinhos
    7 / Novembro/ 2012

    Non se lle ve patrón ningún, e polo que vin pasa con tódolos Vilar a secas.
    É un erro de gmaps á hora de poñer o nome.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará