Last updated on 26 / Outubro/ 2012

A principal tendencia de evolución do hardware é, basicamente, a súa desaparición. Non é unha profecía, senón unha consecuencia da lóxica industrial vinculada ás tecnoloxías da información. Se ben nos 90 e en parte na década do 2000, as industrias da computación baseáronse nese concepto tan famoso da “obsolescencia programada”, o paradigma comezouse a crebar a partir do ano 2003-2004, cando moitas empresas das tecnoloxías da información decatáronse de que o negocio de fabricar cousas, distribuílas e -sobre todo, reparalas- era menos rendible e eficiente que outros. Na actualidade, por suposto, o hardware segue sendo necesario, e evoluciona nesa dirección que é unha lei universal da tecnoloxía, a miniaturización. Pero a outra tendencia xurde con forza: dispoñer de máquinas unicamente feitas con “software”. Actualízase, véndese mellor hoxendía, non dá problemas con empresas de loxística, etc.
Estes días ando probando Siri, que é o asistente persoal que Apple instalou a partir do iPhone 4S e que está vixente no iOS 6. Próboo nun iPhone 5 (consello, se tes un iPhone 4 ou 4S, úsao ata que apodreza, non te compensa cambiar ata que non sexa estritamente necesario), e a verdade é que resulta unha experiencia moi interesante e fai pensar nos novos modelos de software.
Aínda que os sistemas de recoñecemento por voz son ferramentas bastante antigas (e Apple sempre tivo querencia por eles), a diferencia entre Siri e esas vellas tecnoloxías é notable. En primeiro lugar, e sobre todo, porque Siri combina dous mecanismos fascinantes: a linguaxe natural (non hai un manual de instrucións ou comandos) e a nube, que é onde procesa e compara as túas frases. A linguaxe natural permite que o usuario se comunique conversacionalmente con Siri, creando unha impresión do robot máis próxima. Por exemplo, onte tiven este diálogo (en castelán):
-Siri, mañá terei que sacar o paraugas?
-Uf -contestou Siri- mañá vai chover a cántaros.E amosa unha predición do tempo. Inmediatamente pregunto:
-E pasado mañá?
-Vai estar mellor -e amosa a predición.
É dicir, neste breve conversa hai unha serie de características moi interesantes. En primeiro lugar, a amplitude do rango da predición de Siri a partir do que eu quero dicir. E o segundo, a memoria da conversa, que vai máis alá dunha única interacción. O mecanismo de Siri en castelán aínda é bastante ríxido, xa que Siri aprende das interaccións. Aprende sobre diccións, sobre xiros lingüísticos, acentos, formas verbais…Non todas as interaccións son igual de útiles. Siri parece fantástica, por exemplo, para operar co móbil mentres vas conducindo ou facendo algo que non queres usar as mans. Vai mellor para habilidades de comunicación que requiren teclado, nas que é máis rápida, que noutras nas que sen dúbida cos dedos acabas antes. De feito, o gran problema actual de Siri para min é que é unha experiencia disruptiva. É dicir, non podes substituír a experiencia táctil ao 100% coa experiencia conversacional. Siri é como pequenos arquipélagos que acaban por desestimar o seu uso en moitas ocasións.
En todo caso, nas súas funcionalidades básicas é un software que en inglés é xa bastante eficiente e que en español podería selo en seis meses ou un ano.
Obviamente, este tipo de asistentes persoais son unha auténtica revolución, pero tamén un desafío conceptual e cultural. Se un revisa os comentarios dos blogs norteamericanos, que levan xogando con Siri xa bastante tempo, poderemos observar que nun 70% dos casos, o usuario parece procurar os aspectos máis emocionais, máis humanos de Siri. O tema de que te chequee o mail ou te busque restaurantes próximos é xa asunto feito. A cuestión é en que medida Siri pode achegar unha experiencia máis persoal, e se esa vía máis persoal sen dúbida pode acabar ofrecendo uns resultados máis precisos. É dicir, que no canto da carteleira, Siri suxira as pelis que te poidan gustar, como un amigo co que estás tomando un café.
Desde un punto de vista técnico, e á luz de impresionantes tecnoloxías de recomendación baseadas na túa interacción, como as de Amazon, ese paso estará feito en non moito tempo.
Unha vía interesante será, entón, o concepto de personalidade. Para xenerar todos estes procesos, Siri acabará convertíndose nunha personaxe que deberá ter certo tratamento de guión. Haberá que dotala de “pegadas semióticas” que permitan crear a súa personalidade e doten ao sistema dun “realismo eficiente”. É unha interesante vía por explorar desde o punto de vista dos contadores de historias.
Entrementres, a xente xa fai moitas chiscadelas sobre a relación entre Siri e os seus usuarios. Como esta que vemos aquí:


Be First to Comment