Tabula Calda, un recoleto restaurante de Mérida

Iso de ver aspersores de auga polas rúas é bastante shockeante para un galego, pero o frescor momentáneo que provocan en cidades como Mérida agradécese como unha favorable intervención de Xúpiter. O Tabula Calda é un bonito e recollido restaurante da cidade, preto do templo de Diana, no que se degusta un xantar tradicional estremeño. Son defensores da filosofía quilómetro cero e o dicharacheiro dono amósate con orgullo o capacho cheo de produtos da horta -certamente memorables.

Malia a calor, a tentación de probar clásicos da cociña estremeña (que vese que é máis de inverno que de verán) pode con un.

Que dicir dunhas migas con sete sacramentos como estas? Ou da caldereta de año, saborosa e feita lentamente? Ou do churrasquiño de año? Estas terras durísimas, aquí cabras, ovellas e años son os reis da gastronomía. Malia o chorrazo inclemente do exterior, a cociña extremeña manifestábase neste interior de marabilla.

Nos postres hai que concederse uns repápalos con leite (iso que vedes enriba) ou un leite fritido, por iso de comparalo co galego (gañaron os dous, o galego e o estremeño).

O prezo? Un pouco caro para o que se dá. Este menú turista (ver carta en pdf) sae en 24,50 por persoa (fin de semana), pero o contorno, o trato e a cociña son exquisitos.

3 Comments

  1. 6 / Setembro/ 2012

    Na rúa que vai para o Teatro Romano (José Ramón Mélida) hai moitos locais. Pero hai unha charcutería / tenda de xamóns con oferta de xamón ibérico + torta de casar + bebidas por 12 euros que é de escándalo. Como picoteo antes de entrar aos espectáculos pode ser un must :-)

  2. Luis
    7 / Setembro/ 2012

    Podo dar fe de que a calor non quita as ganas de disfrutar da contundente gastronomía extremeña. Máis típicas das comarcas do norte (e das zonas limítrofes de Ávila) son as patacas revolconas, das que me confeso adicto.

    As migas, son todo un universo: semellan un plato incluso simplón… pero as posibles variantes que se poden facer, a golpe de ingredientes de acompañamento, son case infinitas.
    Bótase en falta -aínda que soe a tópico- o gazpacho, que tamén coñece moitas variantes e nestas datas é alimento imprescindible.

    A todo isto, hai que botarlle peito para percorrer estas terras nesta época do ano… aínda que no meu caso, son aínda máis kamikaze: a última vez que visitei Mérida foi a finais de xullo, e iso sí que é épico… ;-)

  3. magago
    7 / Setembro/ 2012

    O verán está para iso…aínda lembro a cassoulette de pato que me papei unha vez nun tórrido agosto en Carcassonne. Ás veces temos que facer estes sacrificios…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará