Estamos estes días na Universidade Carlos III en Madrid, participando no congreso da Sociedad Española de Periodística, presentando e contrastando a análise que fixemos do uso de twitter por parte dos partidos políticos durante as últimas Eleccións Xerais de novembro de 2011. Entre os elementos máis interesantes está o feito de que os grandes partidos políticos están xa empregando Twitter como parte dunhas campañas cada vez máis transmedia e a construción de Twitter esencialmente como un soporte reprodutivo no que a conversa cos usuarios fica desbotada na súa maior parte. A análise da función de Twitter, con todo,revela a existencia dunha axenda alternativa promovida por novos movementos sociais que discurre en paralelo con respecto aos fluxos dos partidos políticos e irrimpe na escena pública compartindo hashtags de conversa pero desmarcándose desa entelequia dos temas promovidos polos ritmos dos partidos. A nosa análise revelaba a aceleración dos partidos no seu volume de tweets pero a súa incapacidade de penerar en diferentes ámbitos.
Pero o elemento fascinante é o cambio radical, aínda non suficientemente considerado, nas metodoloxías científicas. Os investigadores de comunicación traballabamos moito co concepto de mostra estatística, un conxunto de datos representativos cunha marxe de erro decente para traballar cos datos. Agora temos a capacidade de operar co universo enteiro de datos, e aínda non dispoñemos de todo o software preciso para isto e, mesmo, os esquemas metodolóxicos precisos. Iso é o que defendemos desde o grupo de novos medios: os investigadores debemos rearmar a nosa concepción do traballo, dos usos estatísticos e as análises de contido para comezar a procesar un universo enteiro de datos.

Ferramentas xa hai para manexar toda esa información. Algo de caos e moito esforzo, pero vese a luz ao final do túnel. Claro que tamén hai quen fai da mostra o seu universo, namentres medra.