Todos os xoves ou venres, Xurxo Ayán, o noso editor Antón Lado e máis eu facemos a presentación do libro de Herdeiros pola Forza nalgún lugar de Galicia. Aínda que os dous estamos acostumados á publicación de libros, o certo é que sempre se trataron de publicacións para un ámbito máis académicos. Así quen deixamos de emocionarnos con todo o que pasa: as persoas que se achegan a saudar porque nalgún momento ocupaches ou estás a ocupar un espazo importante da súa vida, porque coñecen o teu blog mellor ca ti mesmo, ou porque se destila tanto agarimo e simpatía cara ti, malia que ti non as coñeces persoalmente: esa proximidade que só dan as relacións en Internet. Non podemos dicirvos máis que grazas.
Pero hai unha cousa que me resulta especialmente conmovedora, que encaixa plenamente coa idea de Herdeiros pola Forza, e que non agardabamos. Moitos dos lectores e mercadores do libro son pais, pais que teñen aínda nenos pequenos de tres ou catro anos. Cando se achegan para que lles asines o libro, ás veces pídente que llo dediques a eles, pero sempre te piden que tamén llo dediques aos seus fillos, eses ananos que te miran curiosos collidos da man dos seus pais. E prodúcese algo marabilloso: de algún xeito estás asinando un texto que só será lido ou comprendido no futuro, cando estes nenos medren, e un día descubran que, nun pequeno acto de amor, o seu pai ou a súa nai, un día, pediulle a un escritor que se lembrara deles, e que lles deixase algo para a súa Historia persoal. O seu exemplar de Herdeiros pola Forza é xa un patrimonio, un patrimonio persoal, pero estes pais, con estas dedicatorias, convírteno automaticamente, nun leigado para o futuro, un agasallo para os seus fillos que serán no futuro. Non pode ser máis emocionante. E non pode menos que resumir o proceso que nós procuramos e defendemos para o patrimonio cultural galego. Desde o momento no que nós asinamos e personalizamos ese libro, pouco a pouco deixa de ser noso e o seu propietario pasa a apropiarse simbolicamente nel.
O que agardo é que cando eses meniños poidan comprender Herdeiros pola Forza, o libro só sexa a crónica de angueiras e esperanzas que se viran, finalmente, cumnpridas.

Be First to Comment