Fotografías que son novelas (12)

Grazas a Alejandro Lamas coñezo esta foto de Ramón Caamaño. Está tirada nalgún sitio da Costa da Morte ao redor do ano 1929 e representa unha lareira galega clásica que polas súas dimensións encaixa bastante ben na área da costa. Pero obviamente, se observades a foto, hai unha chea de detalles interesantes. O que máis me chama a atención é o rapaz cociñeiro. Observádeo: vai vestido co uniforme profesional do seu oficio á altura do ano 29, cunha elegante garabata e chaleque. A diferencia do ambiente un pouco disipado do seu contorno, el está centrado no servizo, con esa seriedade que tamén collen fronte á cámara os cociñeiros máis noviños cando os fotografías hoxendía. O rapaz se cadra sexa o fillo desa familia, pero aquí estamos vendo a transformación social en Galicia: el debe traballar nalgún hotel ou restaurante, seguramente cunha tecnoloxía culinaria moi superior, e aquí está, algo desubicado a nivel vestimenta, na vella e noble cociña familiar. Por certo, que plato pensades que está preparando (á rapaza parece encantarlle)?

4 Comments

  1. 13 / Maio/ 2012

    Fantástica la foto!

    Despierta nostalgia y una sensación de bienestar

  2. Manuel
    14 / Maio/ 2012

    Ola: a foto está sacada na aldea de Touriñán ou polo menos iso me dixera Caamaño, así a secas, Caamaño, como era coñecido na Costa da Morte. No ano 1929, paréceme un pouco cedo, quizais pode que sexa dos anos 40. O cociñeiro, non estou seguro, pero diría que é o mesmo fotógrafo, pois era dado a colocarse nas fotos e a facer estas montaxes. Pero esta fotografía, como todas as de Caamaño son memoria viva dun tempo e dunha xente. A lástima foi non catalogalas cando el vivía, pois lembraba quen era un e quen era o outro, etc. Mais a memoria é perigosa para o poder.
    MVA

  3. isaac
    16 / Maio/ 2012

    E unha escenificación. Todos están coas súas mellores roupas para a foto (non tódolos días tirábanse fotos coma agora) e non tería moito senso estar na lareira cos traxes a afumalos. A señora da dereita, fai que se serve café (artigo de luxo daquela). Prato que está preparando ?? Ningún. Ningunha das potas ten lume, e menos a súa. Nembargante, a foto encántame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *