Un menú do Miño

Last updated on 12 / Abril/ 2012


Tui desde o Miño. Fotos: Sole

Durante o pasado Fórum Gastronómico, presentei nun obradoiro o traballo que Alberto González e Raquel Alonso estaban a desempeñar no restaurante Silabario (Tui), e que se caracteriza polo traballo cos tradicionais peixes do río Miño. Alí xurdiu a idea de reunir a un grupo de xornalistas para poder ver in situ o territorio pero tamén a gastronomía do Silabario, a través do Menú do Miño. Este menú, que ten o tamaño dun menú degustación, permite degustar (en función do mercado) diferentes peixes da pesca do Miño, canda outros pratos da cociña do Silabario.


Pack Choi de zamborca


Un impresionante salmón salvaxe do Miño (adquirido na banda portuguesa)

O salmón salvaxe merece un apuntamento. Trátase dun peixe notablemente distinto ao salmón de piscifactoría que estamos acostumados a consumir. Iso quere dicir que ten moitísima menos graxa e o sabor do salmón é notable, claro, sen ese exceso de cheiro que ás veces acompaña ao de granxa.


A lamprea seca cociñada e o seu “envoltorio alieníxena”.

Sempre se di que a lamprea afumada é o dos exemplares máis pequenos ou de peor calidade, pero Alberto González escolle el mesmo os exemplares que quere afumar en Portugal. Esta lamprea seca ten un sabor excelente, combinando ese fondo de sabor tan característico da lamprea co afumado.

E a elaboración clásica á bordelesa.

A sesión de salgados rematou con algo que vén lonxe do Miño, pero que é un dos eixos do traballo de Alberto no Silabario: a brasa. Estes chuletóns de Silleda en brasa de carballo son dos mellores feitos que se poden probar en Galicia. Eu non teño probado todos os asadores do país, pero entre a calidade da carne (que si se atopa noutros lugares) e a elaboración (a brasa de carballo), a combinación está moi por riba do habitual. Unha auténtica gozada.

O menú tivo bastantes máis pratos, pero quería centrarme unicamente nos peixes do Miño hoxe: unha auténtica gozada, e un auténtico e pouco coñecido patrimonio gastronómico que xustifica, de seu, unha visita a Tui.

O menú do Miño está dispoñible ao público (aínda que repito, os peixes dependen das capturas do momento) por 52 euros máis IVE. Váleos.

One Comment

  1. 7 / Abril/ 2012

    Acábame de vir o sabor especial da lamprea á bordelesa…. Deleiteime fai poucos dias no mesmo lugar, delicado bocado preparado da man de alberto, teño que dicir que a primeira vez que a probei (son do norte, así que a experiencia foi xa tardía ;) lembro o sabor amargo dunha mala preparación e a xente dicíame, a lamprea ou che encanta ou a odias…. Non! Quen lle teña pasado o mesmo que baixe a Tui, antes de decidir que non lle gusta a lamprea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará