Last updated on 28 / Marzo/ 2012
Hoxe estaba lendo un artigo sobre a feliz vida noturna de Salman Rushdie en Manhattan (todos temos vicios) cando me detiven nun parágrafo no que se falaba dunha festa promocional dunha app. Rushdie facía un bolo aí, pero o concepto da app, chamada Booktrack, resultoume máis que curioso: a típica idea que demostra as inmensas posibilidades de nichos que aínda hai por explorar no mundo da cultura dixital.
Booktrack parte da base de que nos encanta a música ambiental e as bandas sonoras nas películas así que, por que non tamén mentres lemos? Booktrack ofrece títulos que teñen banda sonora, composta de tres pistas: ambiente, efectos e música. O usuario pode regular a intensidade de cada unha. O interesante é que Booktrack ten ferramentas para tentar determinar a velocidade de lectura do usuario, a través de desprazadores, boliñas…para conseguir sincronizar o que se le co que acontece en pantalla. Probeino co Xigante Egoísta (pódese baixar de balde) e a verdade é que consigan que a sincronización soe interesante. Tras a fascinación do principio (podemos ambientar musicalmente a nosa imaxinación), fica a pregunta de se esta aplicación funcionará en termos de público, se á xente lle gustará que lle determinen tanto esa experiencia, aínda tan libre e íntima, de ler. Eu creo que se dan as circunstancias axeitadas, este tipo de fórmulas serán relativamente abundante.

Be First to Comment