Last updated on 14 / Marzo/ 2012

Fotos: Sole
A calquera coruñés amante da boa gastronomía, todo este post será un perogrullo de principio a cabeza, pero aínda que tiña escoitado falar del moitas veces, para min El Refugio de Oleiros [T:981.610.803/web] foi todo un descubrimento. Un restaurante como as que xa non existen, en moitos sentidos. Sala grande, de mesas numerosas, cadros de pintores da contorna coruñesa, numerosos camareiros de idade madura vestidos pulcramente e cun estilo de servizo sobrio, respectuosamente distante, sempre co sorriso colocado. De algún xeito, non hai moitos lugares exactamente así, coma este. A un éntranlle gañas de pedirse un cóctel e deixarse un bigotiño fino estilo The Artist, pensando despois no paseo que te vas dar ata algún chalé modernista de Sada.


O xantar, de altísimo nivel. Sempre me fai moita graza iso de definir a un restaurante como “de produto”, como adoitan estilar moito comentarista cando vén xantar a Galicia. Cando un restaurante é de produto e cando non o é? Aquí entregámonos a algo que revelaba unha boa arte de cociña: aquela que é capaz de encherte, de alegrarte. Chegaba canso de toda unha mañá de docencia no Pazo das Cadeas, e de aquela o que procuras no restaurante non é só satisfacer a pingueira de fame, senón o conforto en todos os sentidos. Estes ovos con tirabeques, este rabo de touro recheo de foie cunha sorte de rissoto de verduras ou este mítico e clasiquísimo soufflé (mínimo dúas persoas) ao que nos enfrentamos coa gravidade de quen supón un reto difícil e crepuscular.
Aínda que todo o mundo me comenta que o forte de El Refugio son os peixes e mariscos, o noso menú terrestre cumpriu expectativas con nota alta.
Cunhas 1906 a cousa andivo nos vintelongos por cabeza.

Be First to Comment