Podremia

Lendo estes días sumarios e noticias en prensa non podo menos que lembrar unha frase que dixera un amigo meu -algo localista- hai moito tempo sobre a miña vila, A Pobra do Caramiñal. En contraposición a outras vilas da ría de Arousa, a Pobra do Caramiñal contaría con moitos menos avogados, o cal se traduciría, segundo este amigo, nunha vila moito máis honrada ca algúns niños de perdición, poñamos por caso, como Vilagarcía de Arousa. Pura inxenuidade.

As noticias de corruptos, estafadores, traficantes, ladróns, matóns, asasinos prevaricadores e desgraciados esténdense nestes días ao redor da miña vila e por tranquilas cidades como Lugo. Son tipos que van ao xulgado coa chaqueta sastre posta e apariencia informal e tranquila. Tipos de perruquería, que vías tomando cañas na mesa do carón os domingos na terraza. Tipos de luva branca, que operaban a súa rede de corruptela a través de teléfonos móbiles, cafés descafeinados expresos de máquina e coches de gama media-alta. Quen lea as detencións da miña tranquila vila, ou se espante co nivel de pasmosa e inquedante corrupción que afecta a cidades como Lugo, non pode deixar de contrapoñer coa vida que se percibe, coa imaxe pública que transmiten as nosas vilas tranquilas, de urbanización do medio da Comarca de Hobbiton. Un agardaría cousas así en, non sei, Vigo, pero en…Lugo? Aí está o punto. Aquí non hai traxes valencianos, feitos para chulear en recepcións, senón colmillos de marfín e coleccións de navallas con cachas de oricalco para chulealas, acompañados de tres ou catro amigotes e un bo escocés, na intimidade do fogar (sempre me chamou a atención o interese de medios e público polos detalles e nóminas, son sempre a conta máis pequena de todo isto). Vilas tranquilas, aparentemente limpas, atravesadas de misteriosos e infames lazos de corruptelas, desfalcos, cambalaches. A podremia non chega agora da fariña, ou non tanto coma antes: chega dos reservados, dos polígonos industriais de parcelas baleiras, do diñeiro aburrido que rebota entre urbanizacións, chalés e prebostes madrileños de familias cimentadas na Ditadura ou máis alá, sempre na sombra, que estrañamente nunca aparecen nas noticias destas detencións e procesos. Sabemos tamén como funcionan os mecanismos xudiciais, nada perfectos: quen teña un amigo policía sabe que só van adiante os casos que poden prosperar en tribunal, pero que a verdade é aínda máis brutal, máis estensa e perigosa.

Se se fixan, é aquel argumento típico das películas americanas: a barriada ou a viliña de Nova Inglaterra aparentemente normal que por dentro agocha un entramado visceral de corrupción moral e criminal que se destapa, nalgún momento, cando a pus estoupa nalgún estremo demasiado podre (a morte dunha inocente, moitas veces). Cantos autores teñen escrito ao redor do saboroso argumento da apariencia e a verdade! Stephen King ten ata sacado chicha terrorífica do asunto. Suso de Toro é dos poucos intelectuais galegos que soubo ver, nun artigo que agora non dou atopado, os perigos desta enorme capa de corrupción e podremia que transita baixo a sociedade galega, ameazando o seu porvir. Eu creo que a todos, esta podremia colectiva fainos sentir incómodos, moi incómodos. Como moitos dos grandes problemas da nosa sociedade, tendemos a apartalos, a calalos, a non reaccionar agardando que volva todo empastar durante un século máis. Miren nas redes sociais e nalgúns medios que a gusto se sinte o persoal opinando sobre os lumes de artificio das siglas -enemigos infantilmente recoñecibles-, e como non se presta atención a todo isto que está aquí detrás, baixo o iceberg; se cadra non queremos afrontar que boa parte da nosa sociedade, mesmo nas vilas máis tranquilas e honestas, entrégase con voracidade a un festín da carne podre e corrupta.

5 Comments

  1. Elixio Vieites
    6 / Marzo/ 2012

    E o que nos por ver!! Aquí o máis parvo fai culleres. E o peor é que está ben visto, amigo. Teño sabido de quen descubreu mafias, incluso no seu traballo e bótoulle bemoles e ..denunciou, pero o malo era por que el non participaba…

  2. Anónimo
    6 / Marzo/ 2012

    Igual non é o sitio para tratalo dada a profesión do autor, mais o dos postos das Universidades tamén é de podremia absoluta. Practicamente non hai centro ou departamento libre dalgunha caste de corruptela, presente ou pasada, no reparto de prazas, para beneficiar aos afíns ou para perxudicar aos alleos. Iso tamén é corrupción.

  3. Elixio Vieites
    6 / Marzo/ 2012

    Perdón quería dicir: O que nos queda por ver!!
    En Galicia poderíase facer unha verdadeira Historia Universal da Infamia. Cada ves gosto máis dos que directamente atracan un Banco, teñen o seu aquel, e saben ao que se arriscan.

  4. 6 / Marzo/ 2012

    Elixio, eu creo que o resume moito algo que escoitei hai bastantes anos. Nunha xuntanza de novos empresarios, un emprendedor sen demasiadas luces estourou nun corro: “E a min, por que ninguén me corrompe?”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *