#forumsantiago: públicos crecentes (e diversos)

Last updated on 5 / Marzo/ 2012


Momentos do Fórum 2012. Fotos: Fórum Gastronómico de Santiago

Aínda que hoxe coñecerase en rolda de prensa a valoración oficial e as cifras exactas, xa desde media tarde de onte o ruxe-ruxe era perceptible: a resposta do sector, dos afeccionados e dos curiosos ao Fórum Gastronómico de Santiago 2012 superou non só as expectativas senón os asistentes do anterior (veremos o último conteo, que aínda estaba por realizar) mesmo tendo un día menos de programa. Desde o domingo que a cousa víase vir: corredores ateigados durante os encontros e os eventos profesionais, para amosar a cara máis bonita e dinámica da gastronomía galega e doutras culturas. O miragre producírase.

A crise económica parécese demasiado a unha sombra. As sombras non anulan as cousas, pero tenden a facelas pouco visibles, a achicalas. Non podemos conformarnos con iso como espíritu xeral: por defecto, aló onde hai sombras deberamos meter luz. E máis na gastronomía, que é en esencia luz e alegría. Na miña impresión subxectiva, este ano producíronse varios saltos de carácter nos visitantes do Fórum: apréciase máis cultura gastronómica no visitnate, máis experiencia do disfrute selectivo, de saber o que se quere. Había moita máis diversidade xeográfica de público, pero tamén social: xente de gremios que antes miraban con prexuízos á gastronomía velaí estaban, e ese é un dos cambios deste ano. E o sector da hostelería e da alimentación galegos estaba aló de xeito masivo, sen as reviradas estrañas que nos caracterizan como país e tanto nos frean. Observando a amigos de fóra de Galicia, decatábame da estrema potencia desta ferramenta para a promoción de Galicia e para a transformación de estereotipos: a Galicia que se ve no Fórum é dinámica, antiga, amable, divertida e moi moderna. Pero tamén moi descoñecida. Esa ignorancia sobre o país pode ser un problema pero ollo, pode ser tamén unha fortaleza ou un valor. A sorpresa, no sobreinformado mundo contemporáneo, é un ben de luxo.

Durante as crises económicas, nas que os orzamentos públicos enflaquecen, hai que aproveitar para dotar á sociedade civil e aos sectores económicos de contextos e ferramentas de networking. Nun país como Galicia, o Fórum é como un ventilador refrescante, que nos dá pulo a todos. E aí é onde está a súa forza.

One Comment

  1. 29 / Febreiro/ 2012

    Eventos como este son muy necesarios,por que son el I+D+I, para pais como Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *