O noso futuro, o noso presente


Fotos: Sole


A miña teloneira explicando os sacrificios maias

Onte vivín unha experiencia fermosísima na Biblioteca de Rialeda (Oleiros). Alí, todos os anos, o centro organiza un modélico ciclo de divulgación científica con recursos cero (os relatores non percibimos dietas nin remuneración) destinado a nenos e adolescentes. O ciclo leva a eminentes e coñecidos divulgadores e científicos que, durante unha hora (ou máis) imparten a unha audiencia de educadísimos nenos curiosidades, fundamentos ou nocións máis complexas de matemáticas, bioloxía, físicas, e a partir deste ano, ciencias sociais e Historia. Todo é fantástico, tan abraiante e lóxico á vez que te preguntas como é que noutras partes de Galicia non se fai o mesmo. Cando chegas, todo o pequeno salón de actos está cheo de libros, películas e cómics da biblioteca ao redor do tema que se imparte: no meu caso, toda a vikingada, mesmo cos libros galegos sobre o tema, álbumes ilustrados de mitoloxía…para que os nenos os collan se queren profundizar no tema nas súas casas. Antes de ti, unha nena dos colexios da zona preséntalle aos nenos, durante 10 minutos, un tema histórico que lle guste. A miña teloneira escolleu os maias, xa que este é o ano no que eles predeciron a fin do mundo.

E velaquí comezou a miña máis complicada comparecencia sobre os ataques vikingos a Galicia e o rexistro arqueolóxico da época. Teño que dicir que, malia que falo todas as semanas varias veces en público, estaba aterrado: a última vez que impartira algo a xente de 10 anos debeu ser hai máis dunha década. Así que me dispuxen a contar o que eu sabía que lles podería interesar. O que me interesaría a min se tivera os seus anos. E aconteceu o que me sorprendeu. Dáballes noción de interpretación do terreo, para ver se eran capaces de recoñer as alteracións artificiais da paisaxe: murallas discretas e foxos recheos no medio de infames eucalipteiras. Uns cantos mallábanas, detectaban cousas que moitas veces, os adultos, non conseguen recoñecer nin aínda que llas expliques. E fritíanme a preguntas absolutamente pertinentes:

-Como se entendían os vikingos e os galegos se falaban linguas diferentes?
-Por que tiñan esas cabezas na parte dianteira dos barcos?
-Por que o señor escapou con todas as riquezas, que debían pesar moito?
-Por que despois de roubar un mosteiro queimábano, se xa quedaran con todo?

Reflexionabamos sobre o prezo dos secuestros e a vida das persoas.

-A ver, nenos, canto vale a vida dun familiar que está preso nun barco dos Lordomanos?
-Cincocentos mil millóns! -saltaba un bulideiro loiro.
-Pois por Meitilli e Gocina houbo que pagar unha espada, unha camisa, unha vaca, tres modios de sal…
-Que pouco!
-Pouco? Ou sería moito nesa época? (fiquei pensando, isto é moi bo, pero teño que desenvolver máis esta parte do prezo da vida para os nenos, está verde)

Manolo González, a quen lle agradezo a asistencia, reflexionaba sobre a educación desde a súa experiencia docente en secundaria.

-A esta idade son incribles. Logo convertémolos en autómatas. Aí é onde se ven os problemas da educación actual.

Estivemos hora e pico falando do tema. Nas vindeiras semanas coñecerán os petróglifos de Pena Furada, os gases e os líquidos, as enerxías renovables, o xardín de Mendel, o funcionamento das redes neuronais e verán como a química os rodea. Ao rematar -eu estaba exhausto- pensei que estes nenos son tremendamente afortunados porque contan, no seu concello, con persoal competente dinamizando esas espirais de coñecemento que son as Bibliotecas. Pensei o baratas que resultan as bibliotecas, en relación aos enormes beneficios que dan ás súas comunidades: son unha auténtica ganga que moitos se empeñan en poñer en entredito con desvergoña. Pensei en como me gustaría que, en moitos sitios de Galicia, os nenos puideran acceder a outras vías de coñecemento alén dos procesos institucionalizados. Pensei que é, sobre todo, cuestión de vontade, da esixencia de pais, de funcionarios técnicos e da propia sociedade que o esixa: máis que nunca precisamos ciencia e cultura.

Enténdese ben que o proxecto de animación á lectura desta biblioteca de Rialeda levara o ano pasado o Premio María Moliner do Ministerio de Cultura para bibliotecas de localidades de España entre 20.001 e 50.000 habitantes.

10 Comments

  1. el pingue
    4 / Febreiro/ 2012

    Qué buen futuro, pues…. :)

  2. Manolo Gonzalez
    5 / Febreiro/ 2012

    Como asistente a esta charla tan divertida, podo certificar que Manolo saiu moi airoso (eu poñeríalle un sobresainte) do inmenso reto que supón ter entretidos a cuarenta nen@s a través de imaxes de muros de pedra esnaquizados, silvas, arbres, mapas ou textos medievais, e ademais, fora do horario escolar, un sábado pola tardiña en lugar de xogar coa consola ou ver a TV.. Por certo fiquei abraiado.. qué dominio do google maps, semella que o aprendiches xa na guardería…Eu tamén disfrutei moito…

  3. elixio
    5 / Febreiro/ 2012

    Realmente marabilloso. O movemento demóstrase andando, e ademáis o resultado que se pode acadar cos medios que xa temos pode ser espectacular se houbese vontade. Parabéns a todos os organizadores e a ver se hai máis exemplos.

  4. Antón Malde
    5 / Febreiro/ 2012

    Ter aos rapaces concentrados tanto tempo; un éxito. O conferencista suou literalmente no esforzo para facilitar a conprensión. E outra cousa, tamén arrasa neste sector de idade…

  5. Pancho-Lapatianco
    6 / Febreiro/ 2012

    Todos os que asistimos disfrutamos moito. Confirmei que es un todoterreo, pois non é doado “enganchar” ós nenos, pero cando se consegue nótase como absorben e lle dan voltas á cabeciña.
    Como ben dixo Manolo González a eses anos teñen unhas capacidades altísimas, pero as preguntas que fan non deixan de abrairme. ¡Tiñas que ver as caras que puxeches con algunhas preguntas, sobre todo ca de “¿e cómo se comunicaban?”. ¡Pilloute!!, hahahaha. E non contento ca primeira resposta tua, repetiuna. Pena que logo moitos se vaian anquilosando, pois víase que había algún algo máis maior que sabía e vía cousas pero non se atrevía a falar. Sobresaínte e entretidísima.
    Fixo ben Antón Malde en acudir. Xa sabe o que lle espera :)

  6. Antón Malde
    6 / Febreiro/ 2012

    Eu como os treinadores do fútebol… ir vendo como van as cousas.

  7. Pancho-Lapatianco
    6 / Febreiro/ 2012

    Co que Gago suou, foiche un bon “sparring” :)

  8. Antón Malde
    6 / Febreiro/ 2012

    Os nenos pasárono moi ben, endenteceron ben moitas cousas, puideron relacionar con outras máis, o meu ficou encantado iso que deixou o adestramento dese día.

  9. 6 / Febreiro/ 2012

    Dígovos que había tempo que non remataba tan, tan canso!

  10. 9 / Febreiro/ 2012

    E iso que estes rapaces estaban aí porque querían aprender. Para que logo digan que os profes non traballan! A eses que así pensan había que poñelos a amaestrar unha manada de ñus do Serengueti catro horas seguidas, e logo falamos! ;-)
    Coñas aparte, concordo co que di o Sr. Gago: o inmenso valor que teñen as bibliotecas, e os bibliotecarios/as/is/us/es. As escolas están ben para poñer andamiaxes mentais, pero logo, esas arquitecturas débense encher co mobiliario que a nosa curiosidade nos permita. As bibliotecas son como un IKEA do saber: un lugar onde conseguir mobles mentais baratos, que ademais tes que montar ti só.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará