Ameaza de multa de entre 60.000 e 150.000 euros por tentar que unha estela fique no concello no que se atopou

Non sei se lembras que en maio publiquei (eu e moitos medios) o achado dunha estela do Bronce Final no concello de Castro de Val (Ourense). Xa nos comentarios daquel post víase que a cousa non ía acabar ben. Onte La Voz de Galicia publicou que Patrimonio ameazou con multar ao descubridor da estela se non a entrega a Patrimonio para que sexa depositado no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, un museo que está pechado, sen datas de reapertura, e que só ten unha pequena parte da colección aberta ao público nunha dependencia provisional. A multa que lle “ofrece” Patrimonio ao descubridor está entre 60.000 e 150.000 euros.

O señor José Luis Lozano, descubridor da estela, quería, igual que o concello de Castrelo de Val, que a estela ficase no municipio, ben preto de onde se atopou, no museo etnográfico da localidade. Chegouse a falar de facer unha réplica que puidera estar, novamente elevada, in situ, no lugar no que se atopou a orixinal durante miles de anos. Non son técnico, pero esta estela non é metal, nin son restos orgánicos, nin nada que precise dunhas condicións de conservación especiais alén das lóxicas tarefas de adaptación dun espazo. Castrelo de Val ía destinar unha sala completa ao achado e o seu contexto.

Durante estes meses, as relacións entre a xente de Castrelo de Val (tanto o alcalde coma o descubridor, ou o dinámico investigador local, Bruno P. Rúa), Patrimonio e o Museo Provincial foronse enturbiando. Legalmente, Patrimonio ten todo o dereito do mundo a reclamar a peza e reubicala no depósito provincial, que neste caso é o Museo Arqueolóxico provincial. Na práctica, esta política é moi selectiva: os museos só reclaman aquelas pezas que lles interesan (as espectaculares) e, se non hai un especial interese, miliarios, aras en mal estado de conservación e similares quedan tirados por aí ou permanecen depositados discretamente en condicións paralegais ou alegais en museos locais. Neste caso, enfróntanse os intereses dunha entidade -o Museo Arqueolóxico- cos dunha comunidade local -que fora capaz de comprender a relevancia do monumento e queríao converter en parte do capital simbólico dun espazo envellecido socialmente que precisa todo tipo de mecanismos para manter dinamismo social.

Este desencontro é unha mágoa e unha enorme perda de oportunidades. A estela de Pedra Alta podería ter sido o banco experimental dunha nova política de patrimonio apegada ás comunidades locais, que non alienase as pezas arqueolóxicas e que as ubicara ao carón da comunidade na que foron atopadas. Son enormes instrumentos didácticos e xeneradores de identidade en potencia. Xa comentamos anteriormente a necesidade urxente de cambiar a Lei de Patrimonio (e alí volveu saír o tema da estela de Pedra Alta). A xestión feita desde a Dirección Xeral de Patrimonio non foi nada responsable, neste sentido. Como sinalou Bruno P. Rúa a La Voz de Galicia, este tipo de actitudes provocan que a xente perciba o patrimonio como un problema, e que se atopen algo se preocupen máis en como desfacerse del que en entregalo, e evitar ter na casa disgustos cun mesmo e coa familia.

16 Comments

  1. Nemigo
    24 / Xaneiro/ 2012

    penso que o ideal sería que as os pezas sexan expostas o máis preto de onde se atopan. Forman parte da comunidade e como tal non ten senso sacalas da contorna na que xurdiron

    Amorear pezas e máis pezas nos almacéns dos museos é unha inutilidade

  2. Pancho-Lapatianco
    24 / Xaneiro/ 2012

    Imos para atrás, pero como xa dixen nalgún sitio, a Xunta non é un ente aparte, se non que hai alguén tomando esa decisión, que non é “de oficio”. Ou que expliquen ben os porqués.

  3. Optimista.
    25 / Xaneiro/ 2012

    Tamén podemos velo ó revés. Se a administración fose capaz de xuntar todas as pezas da Antiguidade, nun só museo, xa non digo nos catro provinciais, todolos torques, todalas esculturas… teriamos un museo de primer orde, onde estudar as pezas globalmente, e que fose unha referencia obrigada en vez de ter todo por aí en cincuenta museos.

  4. 25 / Xaneiro/ 2012

    Mira, sonche sincero. Se iso se tivese feito no XIX ou no XX, cando se forman as grandes coleccións do Louvre, British ou Kunsthistorische, hoxe teriamos un gran Museo Nacional de Galicia, cousa que aínda hoxe estaría moi ben. Pero non están facendo iso, nin hoxe o podes facer así por mil motivos: o primeiro é a comunidade e os cidadáns, sempre que se preserven a integridade dos bens.

  5. 25 / Xaneiro/ 2012

    Imaxínate que lles parecería aos do Museo de Ourense que lles levaran as coleccións para o Museo de Galicia da Cidade da Cultura. :-)

  6. Optimista.
    25 / Xaneiro/ 2012

    Concordo, pero hai que pensar nas dimensións de Galicia, a un señor de Monforte tanto lle ten que lle leven un achadego da súa aldea ó Museo de Lugo capital, ou a Santiago, porque hai a mesma distancia, e a provincia de Lugo non é unha división natural ou cultural senón un invento do s. XIX.

    En calquer caso, eu non estou a favor dun gran museo na Cidade da Cultura, senón que xuntaria a Prehistoria en Lugo, o Medievo en Ourense, etc… Para ter uns poucos museos bós, e non cincuenta ós que non vai ninguén.

  7. 25 / Xaneiro/ 2012

    Optimista, témome que non é así. Á xente moitas veces importoulle moito o seu patrimonio local. Xa hai máis de cen anos, por buscar un exemplo ben remoto, a Garda Civil cargouse a sete veciños que se negaban a que se levara un baldaquino da igrexa de Oseira para Ourense.

    http://www.farodevigo.es/portada-ourense/2009/04/26/cronica-negra-oseira/320477.html

    …e a partir de aí temos moitos exemplos (menos violentos) ben recentes, como a plataforma para impedir que levaran o minúsculo ungüentario púnico de Vigo hai uns anos, en tempos do bipartito. Estes procesos son sempre traumáticos por moitos motivos.

    Pero todo isto é outro tema!

  8. 26 / Xaneiro/ 2012

    Non sei se me falla a memoria! As estelas romanas de Nocelo da Pena (Sarreaus) retiraronse da ermida do Monte do Viso ben escoltadas pola Garda Civil en 1897 para levalas o Museo do Peche… De Ourense.

  9. Silvia Martinez
    26 / Xaneiro/ 2012

    Eu penso que as cousas se comprenden mellor vendoas no seu contexto. Ademais creo que se deben fomentar todas as iniciativas que dinamicen o rural.

    O do museo de Ourense, a miña cidade, é unha magoa… Mellor que o deixen onde está!!

  10. 16 / Febreiro/ 2012

    Nesta entrada publico unha carta do descubridor da pedra

  11. 16 / Febreiro/ 2012

    Bueno ahi esta, o menos saiu, creo que con esto dos blogs estou deixando oxidar html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará