Guidoiro Areoso: un privilexiado espazo arqueolóxico con conta atrás


Er Lannic e Gavrinis, os paralelos de Guidoiros no golfo de Morbihan (Bretaña)

De xeito informal, os arqueólogos que teñen traballado no illote de Ghidoiro Areoso apodan ao illote como “Morbihan” ou “Gavrinis”. A chiscadela é tremendamente sintomática: aluden aos illotes con restos megalíticos localizados no golfo de Morbihan, moi pretiño do espectacular aliñamento de menhires de Carnac. E ten toda a súa lóxica.

Sustancialmente, nos illotes de Morbihan hai dous sobranceiros restos arqueolóxicos: o incrible túmulo de Gavrinis, un dos monumentos megalíticos máis destacados de Europa, e noutro illote próximo, Er Lannic, a presenza de dous cromlech tanxentes que se mergullan nas augas debido aos cambios xeolóxicos. Os arqueólogos bretóns pensan que estes monumentos foron penínsulas antes que illas, igual que o arqueólogo Manolo Rey, director das sucesivas campañas de traballo en Ghidoiros a finais dos 80 e 90 considera a mesma posibilidade en relación á conexión entre os illotes de Guidoiros e a Illa de Arousa: as illas como segmentos xeolóxicos dinámicos, sometidos na súa apariencia e estensión á transforamación xeolóxica das rías.


Menhires mergullados en Er Lannic

Pero o feito de que os nosos arqueólogos denominen informalmente aos túmulos de Ghidoiros cos nomes bretóns ilustra ben unha cousa: a excepcionalidade destes enterramentos dentro do contexto de Galicia. Aínda que no país temos numerosas illas, ningunha ofreceu tal densidade de enterramentos megalíticos. O pasado sábado publicamos un documental en vídeo sobre a enorme riqueza arqueolóxica do illote.


As dúas novas estruturas megalíticas de Ghidoiros xurdidas tralos temporais. Fotos: Sole

Hai cando menos cinco enterramentos megalíticos, pero continuamente están aparecendo cousas novas e a sospeita xeral é que, sobre as augas e por baixo delas, estamos vendo unha densidade impresionante de enterramentos megalíticos. Nada é comparable a isto. Fose illa ou península durante a prehistoria, Ghidoiro Areoso desempeñou un importante papel simbólico na vida das xentes da prehistoria, e non só nos momentos contemporáneos á edificación destes túmulos, senón posteriormente, durante a Idade do Bronce.

Os mortos e as correntes

Antón Malde contoume o outro día unha anécdota que tende a refrendar a posición deste lugar. Cando a principios do 2000 se produciu a catástrofe dos afogados en Aveiro, que foron chegando ata Galicia traídos polas correntes, un número inusual destes mortos portugueses recalaron na illa de Ghidoiros. Máis alá do factor simbólico, impresionante, que arrepía -imaxinen os náufragos, recalando ao longo da historia, ao pé destes dólmenes-, o que revela é a extrema dinamicidade destas correntes que conectaban o Atlántico durante a Prehistoria. Correntes de navegación que levaban a lugares singulares, e nos que se edificaban espazos singulares. No caso de Ghidoiros, os túmulos compréndense dentro da tradición galega, se ben os especialistas destacan que as súas dimensións son máis reducidas que en terra firme (presión de solo? Dificultade de traslado de rochas?).

Pero se o puzzle dos enterramentos megalíticos é complicado, en Ghidoiros todo se lía máis. Porque aínda son apreciables hoxendía as evidencias arqueolóxicas da presenza de grupos humanos da Idade do Bronce: hai moito lixo, ósos e restos de traballo, pero tamén cerámica de tradición campaniforme e, sobre todo, o máis chamativo: a presenza de instrumentos de bronce. O tema da datación é complicado e complexo, e xenerou polémica entre os especialistas, pero todo parece apuntar a que estamos falando das primeiras creacións en bronce da Península Ibérica. Os grupos que vivían aquí dominaban unha tecnoloxía hi-tec para o momento. Bea Comendador, arqueóloga da Universidade de Vigo e participante nas campañas de escavación, ten traballado intensamente cos metais de Guidoiros. Recomendo vivamente a consulta do seu blog ao respecto e da bibliografía que alí ofrece.

Que facía esa xente en Guidoiros, un lugar que hoxe non ten auga potable? Manuel Rey defende que o hábitat era estacional, os asentamentos non eran permanentes. Cando Rey comenta isto, non podo deixar de pensar o seguinte: esta xente acude a Guidoiros en romería, durante un certo tempo, igual que posteriormente se fixo na historia de Galicia noutras ocasións? Non é doado sabelo, pero o enigma está aí. De feito, ao enigma se suman evidencias arqueolóxicas. Estas, nin máis nin menos:


Foto: Bea Comendador

Esta estrutura apareceu baixo a area, e hoxendía tamén está baixo ela. É algo absolutamente espectacular. A súa cronoloxía é posterior ao resto dos túmulos megalíticos que se poden apreciar hoxe en Guidoiros, e parece corresponder a eses grupos humanos que no Calcolítico continuaban acudindo a Guidoiros. O equipo non puido determinar cal era a súa función, se funeraria ou doutro tipo, pero sen dúbida era ritual. Aló apareceron unha chea de ofrendas (cerámica) e xusto no último día de escavación -Manolo Rey sempre se laiará desa Lei de Murphy arqueolóxica que di que o último día de traballo sempre vai aparecer algo novo/novidoso- unha estrutura circular anexa a esta. O caso é que esta xentiña do Bronce inicial continuaba xenerando valor simbólico no espazo de Guidoiros.

A conta atrás

O gran problema de Guidoiros ten que ver con que este xacemento ten unha conta atrás. O impresionante dolmen que apareceu, fíxoo porque o mar está comendo esa parte da illa. Non hai que ser un xeólogo para decatarse: a illa está separándose en dúas, nun sector norte e outro sur, a banda oeste está comida polo mar e este mar está a desfacer o paleochan, o privilexiado tesouro climático, paleontolóxico, edafolóxico e arqueolóxico que está baixo a area. Párteseche o corazón ao ver como o paleochan se disolve nas augas como unha barra de chocolate, sen poder ser investigado. A illa parece vivir unha sorte de lenta conta atrás.

Quixen ilustrar o post por unha cuestión básica. En Europa, estas illas-tumba ou illas-panteón son un patrimonio moi valioso, único, e que só se dá en lugares moi especiais da costa do continente. Non deberamos ficar sós cando pensamos no futuro de Guidoiros.

22 Comments

  1. carlos
    16 / Xaneiro/ 2012

    D. Manuel , grazas a vostede por tremendo rejalaso dos reises….

  2. 16 / Xaneiro/ 2012

    Non, Carlos, grazas a ti por aprender o manexo de cámara con tanta rapidez! ;-)

  3. Xerardo
    16 / Xaneiro/ 2012

    O finado do meu abo traballou en Obrascon unha empresa estatal Obras e Portos do Estado, polo aquelos anos da posguerra, en certa ocasion falou a miña aboa que na illa de Toralla, no fondo do mar pero a escasos metros de profundidade habia un Castro Celta, confirmalo e gracias

  4. 16 / Xaneiro/ 2012

    En Toralla había unha vila romana. Está escavada e sábese moito dela.

  5. 16 / Xaneiro/ 2012

    Se tes curiosidade sobre a vila de Toralla, podo buscarche algo de bibliografía…

  6. Xosé
    16 / Xaneiro/ 2012

    É interesante a reflexión de que o que puido facer desta illa un sitio especial, fosen as correntes mariñas que facían dela una lugar máxico de arribada. A natureza, que facía deste lugar un punto de referencia para os arriscados navegantes.

  7. 16 / Xaneiro/ 2012

    Co teu permiso Manuel collo esta espectacular reportaxe para publicala no meu blog, citando obviamente a referencia. Gustoume moito, e partires de hoxe quedas engadido como un dos meus enlaces preferidos no meu blog. Saudos.

  8. bea
    17 / Xaneiro/ 2012

    Respondendo a Xerardo, na chamada finca Mirambel está a vila romana de Toralla: http://webs.uvigo.es/proxecto-toralla/YACI.HTML

    Pero na Illa de Toralla efectivamente hai un castro da Idade do Ferro, excavado parcialmente por J.M. Hidalgo, e que tivo outras intervencións posteriores.

  9. 18 / Xaneiro/ 2012

    Eles nos poden dicir mellor, pero mira euq iso é moi, moi pequeno. Creo que polo que aparecía nel e todo en xeral, a hipótese dunha finalidade agropecuaria estaba descartada. Eles nolo poden contar mellor, pero o tema, polo que lles teño escoitado, parecía cultural, sagrada, pero o que non tiñan claro é se era tumba ou non.

  10. Xosé María Palmeiro
    19 / Xaneiro/ 2012

    Parabéns, amigo e colega Manuel Gago, por esta interesante contribución divulgativa, que é tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de coñecer e preservar o noso patrimonio pre-histórico. Que siga o son. Parabéns tamén polo Capítulo Cero.

  11. 20 / Xaneiro/ 2012

    Parabéns polo magnífico traballo, meu amigo. Aínda non sacudín o arreguizo do lombo.

  12. carlos
    21 / Xaneiro/ 2012

    Moi bo D. Manuel mais como vostede xa sabe non hai mal ou bo aprendis senon mal ou bo mestre….

  13. Antón Malde
    21 / Xaneiro/ 2012

    O mar ten un papel evocador, mais tamén funcional, as correntes axudaron a transportar corpos neste caso, ou poderían axudar a embarcacións como a de Dover ou Ferriby. Por outra parte os materiais son tan suxestivos… En todo, caso meus parabéns!

  14. rita
    22 / Setembro/ 2012

    Gustaríame ter información sobre o modo de visitar esta illa. Somos un grupo de dez persoas aficionadas á Arqueoloxía. Hai facilidade para que te leven en barco? Moitas grazas e noraboa polo traballo.

  15. 22 / Setembro/ 2012

    Rita, non hai ningún transporte regular á Illa. Teriades que procurar que alguén vos levase. Apertas.

  16. karl
    22 / Setembro/ 2012

    Probade con chamar a Cruceiros do Ulla ou empresa similar, pero o mñinimo deben ser polo menos 25 persoas..

  17. 9 / Febreiro/ 2013

    Ben interesante!

  18. 21 / Xullo/ 2014

    A análise está moi chula, pero a pronuncia tradicional en toda a ría é Ghidoiros. Dubido moito que as referencias cultas neste caso pasaran á fala popular desde un Xidoiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará