Trento máis alá dos concilios

Last updated on 18 / Setembro/ 2011

A pequena cidade de Trento, encravada nun fértil val no medio das montañas, era o punto de paso entre a católica Italia e os rebeldes protestantes tedeschi, os alemáns. Non é casual que aquí a Igrexa quixera escenificar a Contrarreforma, o aparente movemento co cal o Papado quería respostar á marea -xa imparable- do protestantismo na Europa xermánica. Non sei canto queda hoxe de concilios en Trento, pero é unha agradable e pequena cidade cunha impronta marcadamente renacentista. En todas estas casas e pazos pintados ao mellor xeito xermánico, albergábanse os bispos, cardenais e teólogos do Concilio.

O máis espectacular, con todo, e altamente recomendado se ides a Trento, é o pazo-castelo do Buonconsiglio, construído para o bispo de Trento e un magnífico esquema de residencia aristocrática renacentista. É unha delicia perderse por ducias e ducias de estancias suntuosamente pintadas, con pinturas medievais e posteriores. Consigan incorporarse a algunha das visitas reducidas á Torre da Aguia, onde hai uns marabillosos frescos que son cumio do gótico do mundo.


Vista de Trento desde o balcón do pazo do Buonconsiglio

Eu visitei o Buonconsiglio coa sorte de poder ver unha das exposicións arqueolóxicas máis fascinantes que recorde: Le Grandi Vie delle Civiltà. Disposta no labiríntico complexo de corredores e cámaras do pazo episcopal, esta exposición relata con pezas incribles o cruce, o impacto, a mestizaxe e o poder entre o nó de culturas que se concentran entre o norte de Italia, o sur dos países xermánicos e os antigos pobos do leste. A evolución e interacción de motivos, de crenzas, de riquezas converten a esta exposición temporal nun dos mellores proxectos temáticos para comprender o pasado das culturas europeas. Está ata o 11 de novembro e paga moito, moito a pena: poucas veces se pode ver unha colección de pezas tan magnífica.

Outro consello tamén é importante. Veredes que en toda a zona de Trentino hai moitísimos viñedos. A tentación é evidente: probar viños de calidade. Pero en Trento non hai demasiadas enotecas. Por sorte, recomendáronnas unha xeitosa, un local pequeniño cun vendedor cheo de paixón por explicarnos as particularidades dos viños de Trento -farei un post específico. Trátase da Enoteca Alla Fontana di Baco, na praza Vicolo dell Armi, moi pretiño do Duomo. É a que ves ao fondo.


Ver mapa más grande

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *