Cumios luminosos no Trentino

Last updated on 8 / Setembro/ 2011


Fotos: Sole

Non é das zonas máis turísticas de Italia (para o turismo español), pero posiblemente si é das máis fermosas. O Trentino e o Alto Adigio son as rexións que, por riba do Veneto, conflúen con Suíza, Austria e Alemaña, conformando unha rexión de potente identidade propia marcada polos Dolomitas e os Alpes.


Castelo e lago de Toblino

Cando visitas no Trentino tes a percepción de que, agás o idioma, acabas de saír de Italia para entrar nalgún tipo de país xermánico perdido nas montañas. Aquí e acolá, en outeiros cabo dos grandes macizos calizos que abraian nos Alpes, castelos de conto de fadas sobreviven desde os tempos feudais, coma o castelo do lago de Toblino, hoxe en parte restaurante, abeirado nun lago que é unha importante reserva biolóxica.


Lago de Caldonazzo

Por aquí pasaron importantes vías de comunicación que marcaron o curso de Centro Europa. A xente vive cabo de fermosísimos lagos e o silencio é absoluto. Se queres pasar unhas vacacións marchosas vai a Ibiza. Pero aquí, pola tarde, cando retornamos todos ao lago de Caldonazzo, onde nos sentamos a ler e a bañarnos entre as montañas e os veleiros, a xente trae as botas cheas de terra. Aquí abaixo, no val, a civilización e a tranquilidade. Pizzas pola noite, vacún local. Estamos no Camping Punta dei Indiani e isto non parece Italia. Silencio, tranquilidade, discretas familias de menos de oito membros. Unha gran opción para parar por aí, preto de Trento (aínda que no web non te din que o tren pasa polo medio do camping).

Aló enriba, pola contra, a bravura da montaña. Filas de alpinistas italianos, alemáns e austriacos percorren as cadenas de montes, os complexos. Ves desde bebés protexidos por prendas especiais ata vellos de setenta e pico anos. Aquí a montaña é realmente unha opción. Montañas que brillan, montañas brancas que restañan ao sol.

Cando aparece diante nosa o complexo de Brenta ficamos pampos, ollando cara el. Nubes móvense moi lentamente entre os picos. A impresión -fixádevos como cambia a memoria e a percepción- é a de estar vendo algo que non é real: unha creación de Photoshop ou de aplicacións espectaculares de fotorrealismo imaxinario como Terragen. Pero son auténticos. O escrupuloso coidado da paisaxe dáche unha idea estraña: a dunha ensoñación. Non sabes que é antigo e que é moderno. Non sabes que é real e que é creado. A natureza aquí é tan fastuosa que dá a impresión de ter unha boa partida do Ministerio de Turismo para construír montañas e fervenzas.

Na banda do Adamello-Brenta, a fervenza de Nardis despéñase nun angosto val no que os ríos, como nestas terras alpinas, caen azuis, fríos, pouco profundos, como se se apuntaran de imprevisto á festa da primavera e ao verán.

Desde Madonna di Campiglio subimos á tardiña a camiñar por estes cumios, abraiándonos ante isto:

É un espectáculo xeolóxico. A pedra, sometida á contracción e distanción dos cambios de temperatura, escacha continuamente. Todo o macizo de Brenta esfaragúllase desde hai ducias de miles de anos, creando unha paisaxe tan complexa e fragmentaria que é imposible de contemplar.

Ao volvermos, nos refuxios, os montañeiros quitan as botas e toman o sol, apoiados nos muros, cunha cervexa morna, alemana. Teñen os ollos cheos de cousas. Nós tamén.

One Comment

  1. Luis
    5 / Setembro/ 2011

    Abraiante…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *