Taramancos Vello e o gran problema das aldeas galaicas

Last updated on 2 / Setembro/ 2011

Achegámonos ata a escavación de urxencia que a Xunta está a realizar xusto no punto no que a variante de Noia entra en Taramancos, cruzando a ría -cun grave impacto ambiental e, xa que logo, económico- sobre a zona, e remontando a lomba que desde a praia leva ata a vella aldea de Taramancos. O atopado introduce máis que suxestivas ideas ao redor do pasado desta beira de Noia.

Os veciños coñecen o lugar como A Espiñeira, pero permítanme que eu lle chame Taramancos Vello. O motivo é o seguinte: Taramancos é un fermosísimo topónimo que nos chegou, posiblemente, tal que así, desde a Idade do Ferro. O sufixo -ancos, que é un clásico da extinta lingua dos galaicos, así o delata. Non me estrañaría nada que o nome de Taramancos se transferira desde o vello asentamento á inmediata nova aldea. E chamarlle Taramancos Vello supón establecer unha relación simbólica entre a comunidade actual e a que habitou este lugar durante varios miles de anos, alí onde vai pasar ese vial: unha relación que existía no imaxinario das xentes de Taramancos xa. Cando o visitas, decátaste do cambio de modelo entre un e o outro. A “nova” Taramancos -seguramente de orixe medieval- está no límite das terras cultivables, para aproveitar esas veigas que hai moitas décadas deron repolos de sona en toda a comarca. A “vella” Taramancos, prehistórica e romana, está xusto no medio e medio das terras fértiles. Por que?

Cando nos achegamos ata o sitio arqueolóxico sabémolo. O Taramancos Vello ten unha dos maiores números de cuncheiros que teño visto eu nunca nun sitio arqueolóxico galego. Hai ostras por todas partes, tamén berberecho, algo de navalla, ameixa…pero a clave son as ostras. Taramancos Vello estaba volcado ao mar, e debía ser o centro da súa economía: teño a percepción que non se trataba só de alimentación, senón de algún tipo de procesado preindustrial como se está localizando noutros depósitos do litoral. Non é doado entender moitas das estruturas. Hai foxas, furados de postes, na zona de abaixo afloran dúas cabanas castrexas, unha delas cun interesante e gran fogar central. E cunchas por todas partes.

Nesta foto podemos ver como se produciu na época a deposición de cunchas nunha das cantas foxas que hai. Aínda que non dispoño de moita información, os arqueológos informan dunha impresionante secuencia temporal que vai desde a Idade do Bronce (supoño que son as estruturas de foxas e postes que se ven ciscadas por aí) ata da Idade do Ferro (as dúas cabanas) pero os materiais chegan ata finais do Imperio Romano. Taramancos Vello tivo unha secuencia moi dilatada no tempo pero ten implicacións máis potentes.

Agás que os parapetos foran desmontados, a ubicación do sitio arqueolóxico está a falar de algo moi importante. É unha aldea castrexa sen castro, aínda que descoñezo a cronoloxía exacta das cabanas. É dicir, un poboado da Idade do Ferro non defendido. Taramancos Vello súmase á pequena pero crecente lista de xacementos arqueolóxicos galegos que están cuestionando de raiceiras a noción de ‘cultura dos castros’. Certa miopía, certa inercia levou a pensar que na Idade do Ferro os habitantes deste país vivían unicamente no alto dos montes. Teño lido algunha publicación ‘académica’ que imaxinaba unha sorte de aldeas case autárquicas rodeadas de bosques espesos.

As aldeas abertas galaicas son todo un reto á metodoloxía e á investigación arqueolóxica, porque transforman o paradigma. De contemplar hábitats estruturados unicamente a partir de fortificacións, o territorio na Idade do Ferro galega -como en boa parte da Europa Atlántica e na Península- expándese e colonízase con múltiples funcións, é moito máis organizado e complexo do que pensamos. Aparecen granxas, aparecen pequenos poboados sen defensas, aparecen santuarios e centros de reunión; hai claramente vías de comunicación prerromanas internas moi concorridas e usadas, de gran valor estratéxico. Os homes enchen o territorio máis alá dos castelos do alto dos montes e estruturan a paisaxe. Estanse atopando desde hai tempo pero non se publican moito.

Nos 90 Tito Concheiro atopou o intrigante sitio arqueolóxico de Valdamio, no que a xente da Idade do Ferro xuntábase estacionalmente ao redor dunha tumba moi anterior, e del xa falamos. Onte comentáronme outra historia curiosa aínda sen publicar: no norte de Portugal, o escavador dunha vila rural romana alucinou cando debaixo dos cimentos da vila apareceu un grupo de cabanas galaicas. E hai máis, pero non se saben ver, ou non son tan doadas de apreciar coma un castro. En Dodro posiblemente exista unha, por exemplo, na ladeira dun Outeiro dos Corvos, sen catalogar.

A pregunta metodolóxica máis interesante é o cambio de escenario. E logo…quen vivía arriba e quen abaixo? Por que?

Taramancos Vello vese ameazado polo paso dunha variante que empobrece obxectivamente os recursos económicos máis sólidos da comarca: a paisaxe e o patrimonio. Esta obra servirá, esencialmente, simplemente para que durante seis semanas do verán os madrileños e os composteláns volvan da praia sen sufrir 15 minutos de atasco (como chegou este país a crerse tan novo rico?). Pero Taramancos Vello non só son catro pedras. Desde o punto de vista científico, Taramancos é a constatación dunha Idade do Ferro máis complexa do que pensamos. A escavación finalizou abrindo só unha pequena parte do sitio arqueolóxico: non temos unha dimensión exacta de que é e como se estruturaba.


O decente estado de conservación do lenzo norte da muralla de San Lois.

Cismando niso, en como as cousas non son o que parecen, subo ata o monte que está por riba de Taramancos, o Monte San Lois. Alí, xa durante a democracia, perpetrouse a destrución da metade dun importante castro que, a máis de trescentos metros de altura, domina toda a ría de Muros pero tamén os camiños que suben e veñen da serra do Barbanza. Na zona que se conservou aprécianse aínda perfectamente os muros defensivos que defenden o castro pola parte interior. Camiñando entre os toxos, localizo entre o cachote numerosos anacos de tella que volven virar as cousas. Por manual, este castro debera ser un hábitat do Bronce Final ou do Ferro I, da época fundacional de boa parte das acrópoles galaicas deste país. Pode que o fose. Pero esta tella estame falando dunha presenza de época romana ou mesmo medieval. Se fose o primeiro, se fose romana, isto sería tremendamente suxestivo e volvería virar as tornas. Na pax romana, non se precisaban rexas fortalezas ollando cara o mar na serra do Barbanza, porque as comunidades e os propietarios vivían do cultivo dos campos, da salgazón, e todo iso. Non se necesitaban estes castelos inaccesibles…ou si? A ver se non vai ser como nolo contaron iso da pax romana

(obviamente, teño un as na manga, pero non llo vou contar polo de agora) ;-)

30 Comments

  1. 1 / Setembro/ 2011

    Non sei o que decidirá a Xunta, pero coas bases dos piares da ponte xa postas…este xacemento xa debe estar medio en capela para que pasen as escavadoras.

    Tamén sospeito que os veciños de Taramancos, polo que me contaron eles, non foron informados en ningún momento dos resultados da escavación de xeito formal. Todo de costas a eles. O de sempre. Non damos aprendido.

  2. 1 / Setembro/ 2011

    Sen embargo, os veciños coñecían perfectamente a existencia do xacemento desde tempos inmemoriais. De feito, mesmo curiosamente precisan que non foi de “mouros”, senón de “romanos”. Ese xacemento, por tanto, formaba parte do imaxinario da comunidade local. O mínimo, aínda que non figure na Lei de Patrimonio, é que un técnico convocara unha xuntanza no local social e lles puxera unhas diapositivas para explicar iso que estaba no seu folclore desde hai ducias de xeracións.

  3. 1 / Setembro/ 2011

    Xa o acabamos de poñer en portada, profesor. E pensamos que estes dous comentarios son tan importantes como a entrada en si mesma… Como podemos ter tan mala sorte de ter estes políticos e estes arqueólogos traballando para a administración? :(

  4. Elixio Vieites
    1 / Setembro/ 2011

    E máis sorpresas que aparecerán. O San Lois, segundo Agrafoxo, ten ata catro murallas, caso único no Barbanza. Pero hai outros castros como os de Coiradas (ou Conchido) e Brión, moi perto de Serra de Outes, case a rentes da estrada AC-550 (Noia-Muros)que apenas teñen defensas e tamén están no medio de terreos fértiles. O de Coiradas foi atravesado pola parcelaria e ten perto a gasolineira (o castro da galiña de ovos de ouro que aínda vendido o terreo, ante notario, ela seguiría sendo propiedade do dono anterior do terreo, ¡se aparecía!, recordas Manuel.:) O de Brión é case continuación da nova aldea, no medio da agra. E outro máis, enfronte mesmo ao de Taramancos ao outro lado da ría, no Freixo ,no Lugar de Mosteiro, tamén a escasos metros da estrada da costa. E xa no interior o de Cando(castrelo de Cando), co Castelo de Insua a escasos 2km monte arriba. Bueno que se atope éste e se escave é como un regalo envelenado, parece que só se escava para destruir. Gracias polo artigo e o amargor que zumega. En Galicia cambia todo, menos a realidade.

  5. david
    2 / Setembro/ 2011

    benvidos

    éme difícil falar da ira que sinto con ese viaducto (que non ponte: as pontes unen, son fermosas, poéticas, interiores como vértebras que sosteñan os nervos acuáticos da vida das vilas, crean perspectivas, constrúen a urbs; os viaductos non: limitan os horizontes, non unen beiras: sobrevóanas; son prosaicos como un código de circulación; son externos ás vilas, marxinan ao núcleo humano; desprezan a harmonía do espazo, o perfil tutelar; son unha murada brutal na escala e na gradación da terra e a construción; non son o que une son apenas un soporte para a velocidade e a distancia, para a superficialidade, etc

    creo que fun a case todas as manifestacións en contra desta vía, manifestei no salón de plenos a miña oposición, púxeno por escrito, pero é igual: a xente ao final pon o seu voto e recibe o seu favor: non hai moito máis

    hai anos, 81 anos, Pedrayo remataba o ensaio “Morte e Resurrección” cunha lembranza de Noia que “…pecha en si, no seu pequeno mundo de arte, de vila, de riveira…un incomparable esquema simbólico da Galicia enteiriña…”

    hoxe sospeito que poderíamos dicir o mesmo, mais nun senso completamente oposto, moi escuro, case terminal

    (ultimamente penso que non hai colectivo xa; cantas horas paso ao día niso que eu sinto como Galicia?: (hoxe xantei nunha pizzería grande (porque tiñan pizzas para celíacos) alí non falaba galego ninguén, podería ser Salamanca ou a Villa, e Corte, (lugares aos que tamén quero, por outra parte), onte tomei un cacharro nunha terraza do Milladorio: idem; non só a fala, os modos, a ollada, o estilo: eu son alleo a iso completamente, coma aqueles versos de Celso Emilio “pasan ao meu rente moitos homes / sonme estranos” ou dito mellor: eu xa son estrano neses grupos e espazos)

    o concello do Son, o Freixo, Esteiro, Tal, veráse exposto nestes anos a unha presión constructiva enorme

    escusa unha benvida tan así; atoparémonos nos “horizontes incendiados” de Corman M. ou aí en Anido, que un día de chuvia e vento alí á beira da ventaniña do comedor tamén ten un encanto

    P.S. nunha marea viva os amigos do Joaquín Vieta levaron o veleiro (de cen anos) ata a Ponte Nafonso, xantamos alí na camareta, cantamos canto quixemos: de regreso dábaste de conta que nunca, nunca, nunca un mariñeiro tería feito iso do viaducto, que a idea do territorio é completamentente diferente desde o mar, que non se entende a terra das Rías sen entrar desde o mar, que foi o camiño, o sentido de case todo o que por aquí hai, e así, perdoa, tentarei non abusar máis da túa hospitalidade con estes comentarios

  6. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    San Lois sumaríase entón á lista de castros que sobreviven coas súas fortificacións, despois da conquista.
    O feito de que os romanos sometan aos galaicos, e permitan a supervivencia de castros fortificados (polo menos ata que comeza a municipalización na segunda metade do século I d.C.) é un dos enigmas da nosa Historia. E ten dado pé a teorías do máis diverso: desde a concepción dos mesmos como pequenas “aldeas de Astérix” ata a proba de que se os romanos permitiron que sobreviviran as murallas, a resistencia non debeu ser moita.

  7. 2 / Setembro/ 2011

    Si, só un parvo ou un cego (de mente) pode negar que o fin último deses viais é multiplicar os proxectos de construción na ría de Muros, ben como segunda vivenda para a clase acomodada compostelana, ben para terceiras partes. É absolutamente vergoñento porque é tan evidente que ruboriza.

    Os meus saben perfectamente que me poño como un auténtico basilisco cada vez que cruzo a Ponte do Engano, que tamén impacta duramente contra a desembocadura do Tambre. Ese era un dos tramos de costa máis fermosos de Galicia. Nunca, nunca tiven problemas en seguir o vial de Outes pola estrada vella: a nova non creo que saque tres ou catro minutos de diferencia. Compensan eses tres ou catro minutos o enorme gasto público da construción dunha ponte? En que cabeza cabe iso? Así estamos nestes momentos, atrapados entre a desfachatez, a ignorancia ou os intereses ocultos da clase política e a indolencia e a satisfacción dunha cidadanía encantada con esta porcallada de cemento.

    O impacto da ponte non é só ambiental, senón é esencialmente económica: vai reducir a medio prazo as economías da zona porque a potencialidade turística da zona gravita esencialmente sobre esas pontes que se están a construír. Cada unha delas ten un impacto económico cifrable sobre a economía local, e beneficios só para uns poucos.

    Cando estabamos en Taramancos Vello, chegou un paisano cabreado como un basilisco co tema de que pararan o vial por catro pedras. Daba vergonza allea. Pero pareime e comeceille a explicar que era aquelo, que significaba, e que era a ponte, e cal era o problema que tiña.

    -Imos ver. Supoñamos que vostede en Portosín ten a casa ao lado do campo da festa, e unha vez ao ano, durante catro días, todas as noites hai unha orquestra que pon salsa a todo meter ata as tres da mañá. Vostede cambia todas as fiestras da súa casa por outras insonorizadas, que saen carísimas?
    -Non, home, por unha semana ao ano non.
    -Pero parécelle ben que eu e todo o mundo gastemos un quiñón en facer un vial simplemente porque atasca á saída da praia uns cantos días ao ano. Pense un pouco a quen lle dá cartos isto.E dígolle unha cousa. Vostede que o castro de Baroña dá cartos?
    -Eu non sei se dá cartos ou non.
    -Mire todo o turista que vai e pense se esas catro pedras dan cartos ou non ao Porto doSon. Pois esas catro pedras houbo que escavalas como estas de aquí.
    -Non, ho.
    -Dígollo eu que ese monte estaba a toxo e cachote. Pregúntelle aos vellos de Baroña. Os castros sempre están así e hai que abrilos con escavacións coma este.

    O home miroume sorprendido. E dixo esa frase terrible:

    -Os políticos son todos ighuales.

    Sei que, ao dicirmo, de algún xeito, estaba dándome a razón. Non son inxenuo, deume a razón á galega (non fora ser que ao mellor eu era alguén importante, ou algo), pero si sei que, con catro datos, a percepción do lugar que tiña este home cambiou totalmente. E iso é o que falta. Explicar as cousas con sinxeleza, sentido común e con afán de divulgar.

    Ou moito me trabuco, ou seguramente o 70% dos veciños de Taramancos están encantados de que pase o vial por aló. Un 15% non lle gusta pero non o din e ao mellor un 15% si que o din, non o sei. Pero estou convencido de que se se lle explica o patrimonio que ai alí, esas porcentaxes cambian, ou cando menos, obrigan a reflexionar. Teño visto ese proceso noutro sitio.

  8. 2 / Setembro/ 2011

    Si, Luis. E temos o caso de Viladonga ou Castromao, que supoñemos como pequenas capitais administrativas dun territorio en plena época romana; posiblemente tamén o eran antes xa. Un dos indicadores (é unha teoría persoal) para min é o topónimo Cidá, que aparece, non abundante, pero si disperso polo territorio. A miña teoría é que en moitos casos, cando aparece un castro “Cidá/Cividá/Subidá/etc.”, está aludindo a un poboado que desempeñou, cando menos durante un tempo, un papel de Civitas, unha pequena capital administrativa en época romana dun territorio sen fundacións urbanas romanas. A Cidá do Monte do Castro, en Ribeira, a Cidá de Borneiro, etc. É o mesmo proceso que ata o século XX, para min. Os veciños do Barbanza non che chamaban á Pobra do Caramiñal “a Pobra do Caramiñal”, senón a “Vila”. Estaban chamando á Pobra pola función política, social e económica que desempeñaba na área. Teño a percepción de que coas Cidás estamos vendo o mesmo, só que 1800 anos antes.

    Agora ben, teño a percepción de que no proceso de romanización hai todo tipo de estratexias. Cada vez máis temos poboados que claramente se abandonan ao redor do século I, con mínimas trazas de romanización ou ningunha. O impacto da conquista está claramente detrás desta cuestión. Recoméndote que leas tamén este post que publiquei hai tempo:

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2010/12/29/ultimas-noticias-sobre-a-conquista-romana-de-galicia/

    Tamén fica atento a Capítulo Cero, porque imos ver algo moi interesante neste sentido a semana que vén, cando se faga público algo neste respecto (que se faga público para a semana non depende de min, así que ao mellor preséntase máis adiante).

  9. 2 / Setembro/ 2011

    Bom dia e parabéns polo magnífico, desacougante e (por vezes) enfurecedor post.
    Como bem dizes, Taramancos é um clássico da toponímia galaica, e explica-se por um antigo *TAMAR-ANCOS, onde reconhecemos a forma *TAMARA (posteriormente *TAMARIS, acusativo *TAMARE), de onde o atual Tambre. “Tamarancos” > “Taramancos” seriam, com efeito, ‘os habitantes da terra/ribeira do Tambre’, num sentido lato e quiçá denominando em origem um território bastante mais amplo do que seria hoje essa aldeia do concelho de Noia.

  10. polan de Boa
    2 / Setembro/ 2011

    O que máis rabia debe dar é que todo elo é sobradamente coñecido e pese a elo prima a destrucción antes que a conservación. Como ben diciades, cun pouco de estudio previo saberíase que nese lugar se encontraría algo arqueolóxicamente relevante (o cal da idea de cómo de mal se fan estos proxectos). En canto ó castro de San Lois é sobrada a documentación que acredita a súa existencia: existen documentos no arquivo do Reino de Galicia en que o mosteiro de San Martín de Santiago pleitea contra Paio Gómez de Soutomaior polo Coto de Boa e no que se describen os “muros de San Lois” e son documentos do século XV e XVI; posteriormente, pódese ver no arquivo diocesano de Santiago e tamén no referente ás visitas que se facían á parroquia de Boa, como se fala da construcción da capilla no alto do monte. Seguramente e con indagar un pouco, habería constancia documental do que está aparecendo en Taramancos; pero claro, como aquí prima facer as cousas rápido e mal.
    Outra cousa que non entendo é por qué sólo se solicita á Administración o traslado da variante; cousa que todos sabemos que non vai suceder. O que non entendo é por qué se di que se van tapar os restos; por qué non se poden trasladar, mesmamente á zona de Testal. Non sería unha obra complicada e mesmo en Noia temos exemplos sobrados delo (o claustro do Concello está trasladado dende o seu emplazamento orixinal).
    Outra cousa e si queredes ver máis obras espectaculares: avanzando un pouco polo desmonte da variante cara a Boa, existe unha fonte e un pozo antigos vaiados en espera de ver qué se fai con eles. Tapalos tamén? non sei. xa veremos con qué nos sorprenden

  11. morfeo
    2 / Setembro/ 2011

    Moi boas
    Lendo o artigo exposto, sigo vendo que as cousas non cambian. Síguense facendo infraestruturas sen contar con estudos arqueolóxicos previos ao establecemento das trazas, e cando se fan, son demasiado tarde xa que por unha parte, o xacemento non poderá poñerse en valor e se destruirá (sin falar de que aínda que sexa escavado non será publicado, quedando no olvido), e por outra banda, veñen as críticas de que por mor da escavación arqueolóxica a obra encareceuse, retrasou a construcción do vial e un longo etc. Na miña opinión os funcionarios de Patrimonio teñen unha pataca quente nas súas máns. Supoño que os final a decisión virá de arriba e por desgracia ese xacemento desaparecerá.
    Por outra banda, polo que puiden ler, creo que xa se superou fai moito tempo de que os asentamentos castrexos só se emprazaban en zonas altas, e así, contamos con máis que abundantes exemplos de castros emprazados en zonas de val, en pequenos outeiros e no perfil costeiro.

  12. 2 / Setembro/ 2011

    Polan de Boa, o castro de San Lois é ben coñecido desde hai tempo. Mesmo creo que hai unha referencia na revista Nós (que non dou atopado). O tema ao que fago referencia, e que é o máis relevante desde o punto de vista deste artigo, é a cronoloxía de San Lois, a raíz da presenza dun elevado número de tella esparcida por un amplo perímetro. É San Lois romano, tardorromano, ou un antigo castellum medieval? Ningunha desas posibilidades exclúe á outra, pero desde o punto de vista da investigación que aquí falamos, a primeira sería a máis estraña.

    Morfeo, o sentido deste post, desde o seu propio título, xira ao redor de que o excepcional do lugar é que non é un castro. Non estamos falando de dispersión e ubicación de hábitats, senón de tipos de asentamento concretos (fortificado vs. non fortifcado). O interesante de Taramancos Vello é que é diferente ao tipo de asentamento da Idade do Ferro que coñecemos.

    A cerna do artigo vai sobre iso, sobre tipos de asentamento ou presenzas en lugares que non son convencionais. Temos castrexos sen castros (por iso chamo ao post “aldea galaica”) e poderiamos ter romanos onde non deberan estar. E todo iso, curiosamente, moi próximo entre si.

    (isto é como explicar un chiste) :-)

  13. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    Quedo atento Manuel, perde coidado. Agardo con interese…
    Realmente, este é un dos aspectos de estudar o pasado que resultan máis fascinantes: o feito de profundizar no mesmo, provocando a reescritura do que sabemos (ou cremos saber)
    Os autores clásicos dinnos que os castros dos galaicos bracarenses foron queimados por Decimo Xunio Bruto. A día de hoxe non apareceron pegadas claras desa destrución, pero quen sabe o que nos deparará o futuro.

    Con frecuencia, se falaba de que non había referencias documentais nin arqueolóxicas, sobre resistencia contra Roma na actual Euskadi. Era certo. Ata que nos anos 90 se comezou a escavar Andagoste: ahí temos un campamento romano de marcha, destruido por un ataque indíxena.

    O dito: quen sabe qué achádegos -coa sua correspondente información- nos deparará o futuro.

  14. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    Por certo, Manuel, volvendo ao tema do post.
    Se non me equivoco, creo que hai unha tradición que ven de séculos atrás e de orixe erudita (ou polo menos, recollida polos eruditos da época) segundo a cal, antes da Noia actual, houbo unha Noia anterior ubicada noutro lugar da ría (lembro ter lido algo así nunha publicación de Toxosoutos).

    Quen sabe se a tradición podería ter unha orixe real, e se algún dos restos galaicos ou romanos podería ser unha “Noia Vella”.

  15. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    Hai unha frase do artigo de La Voz que me chamou a atención: “saiamos do franquismo e as preocupacións eran outras”. Xa, se as “outras preocupacións” eran o de ver a 22 tíos dándole a unha pelota, as preocupacións seguen sendo as mesmas, antes, durante e despois da chamada Transición.
    Sí, supoño que se refiren a que as prioridades socio-políticas primaban sobre as culturais, pero a dobre interpretación da frase déixannola “a huevo”.

    (Nota: primaban sobre as culturais, ou máis ben sobre determinadas preocupacións culturais…)

  16. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    E sobre castros e torres, só vou dicir unha cousa:
    Elviña.

  17. 2 / Setembro/ 2011

    Luis, creio ter lido que o emprazamento primitivo da vila de Nóia estava no que hoje é A Barquinha, pode ser?

  18. certo, u-los?
    2 / Setembro/ 2011

    “el Patrimonio, como pasado resucitado, lo que hace es transfigurarse, diferenciarse de él mismo. Podríamos decir que se representa, si queremos situar la escena en nuestra cultura del espectáculo de masas, pero en esa representación se revela como aparecido y como desaparecido, es decir, perdido para nosotros.
    (…)
    los que queremos incorporarnos participativamente a la tarea patrimonial, e intentamos acercarnos, sólo despertamos al conocimiento de la identidad del aparecido cuando este habla, y nos interpela, nos llama, nos convoca a la acción de reconocerle. Pero, al mismo tiempo, establece una distancia: no me toques, no me retengas, acepta que mi cuerpo, mi materia no es ya más de este tiempo, aunque siga estando aquí.
    (…)
    Sin embargo, en el intento de tocar aquello que está y no está aquí, aprendemos a tocar de manera diferente, en el esfuerzo por reconocer lo que se desdibuja ante nuestros ojos, aprendemos a ver más allá de la apariencia, del tiempo, de la materia, nos hacemos capaces de ver, oír, entender, aquello que está ahí, pero sólo es realmente visible para aquellos que son capaces de comprenderlo, por eso, y pese a la imposibilidad de retener el pasado con nosotros, tampoco podemos renunciar a intentarlo, porque en ello nos jugamos nuestra propia identidad que debe conscientemente estar plena de ajenidades e intrusiones cotidianas”

    Noli me tangere.
    El Patrimonio como intruso.
    http://www.laciudadviva.org/blogs/?p=2145

  19. Luis
    2 / Setembro/ 2011

    Ulmo, a verdade é que non o sei con certeza. Será cuestión de investigalo, aínda que agora mesmo me pilla un pouco lonxe. Teño algún libro sobre a historia de Noia, publicado por Toxosoutos, pero está na casa dos meus pais. E ata dentro dunhas semanas non volvo á terra…

  20. 2 / Setembro/ 2011

    A todo isto, felicitar á xente de Certo, o xornal electrónico do Barbanza, por facer visible este sitio arqueolóxico, tanto no seu web como nas redes sociais.

  21. 2 / Setembro/ 2011

    Eu também o tenho lido num livro sobre a história de Nóia que consultei para a tese (creio lembrar que era de Xosé Agrelo), mas, a falta de referências mais concretas, pode valer isto (tirado do web do próprio concelho de Nóia):

    “Convertida no porto de Compostela, a vila coñecerá un gran desenvolvemento das súas actividades comerciais. A poboación orixinal, que vivía no burgo da Barquiña, integrarase baixo a xurisdición do Señorío da Terra de Santiago cando a raíña Doña Urraca lle concede á Mitra Compostelá as terras comprendidas entre o Tambre e o Ulla.”

    De facto, dá-te conta de que a freguesia de Santa Cristina de Barro, onde se topa o lugar da Barquinha, chamava-se antigamente “Santa Cristina de Nóia”, e assim aparece sistematicamente na documentaçom do Tombo de Tojos Outos até o século XIII.

  22. Manuel Santos
    4 / Setembro/ 2011

    Concordo coa nula rendibilidade social da obra da ponte. Como tamén creo que se se destrúe o sitio arqueolóxico do Taramancos Vello é por falta de vontade. Os problemas técnicos son sempre solucionables. Alguén imaxina que se tirase abaixo a Sagrada Familia de Barcelona para facilitar o paso do AVE? Existe unha clara falla de valoración do patrimonio por parte da clase política e boa parte da administración, por elo a destrucción dos sitios arqueolóxicos vense como males menores pero necesarios. De aí que se chegue, nalgúns casos, a priorizar a rendibildade económica do patrimonio sobre a social e a científica.

  23. 27 / Setembro/ 2011

    Xunta Xunta de Galicia
    @BREOGAHN Séguese traballando na área de 200 metros que foi protexido para avaliar o interese arqueolóxico dos restos de Taramancos.

    Xunta de Galicia
    @Xunta Xunta de Galicia
    @BREOGAHN As máquinas non teñen sequera tocado a zona de 200 metros que foi protexida.

    Non sabemos quen resposta o twitter da Xunta. Iso lle acaban de dicir a Breogahn logo de denunciar o asunto. Tanto lles costa dar a cara? E que arqueólogos mercenarios están a escavar e non dan nin chío? Alguén o sabe?

  24. 30 / Setembro/ 2011

    Este blog ten un autor que traballa para comer, e cando hai que traballar, non se actualiza este blog, que non dá de comer, ou se actualiza con cousas rapidiñas.

    Convídoche a botarlle unha ollada ao twitter do autor deste blog, onde se ten falado desta desfeita e outras.

    http://www.twitter.com/magago

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará