Repúblicas de Homes Libres: o problema das dimensións

Last updated on 27 / Novembro/ 2012

Un dos grandes problemas da investigación das Repúblicas de Homes Libres está en comprender as dimensións das fortalezas. Non me refiro a que se aprecia ou non se aprecia en superficie, senón a entender como funcionaba iso das dimensións en relación aos recursos humanos que debían defendelas. Por exemplo, sabemos bastante claramente ata onde podía chegar un poderoso noble do século X, ou o mesmo rei, na construción dun castelo nesta época. Os seus tamaños eran considerablemente reducidos en comparación con moitas das fortalezas que se erguerían no XIV ou mesmo no XV. Estes castelos do final da Alta Idade Media eran pequenas fortalezas defendibles por unha guarnición de 10 ou 15 homes, con independencia de momentos coxunturais. Indícanos que é o que pode soportar a nobleza e de que recursos económicos dispón.

Por iso, na outra estrema do periodo, resultan tan estraños xacementos como Castro Valente ou o Monte Aloia, dos que tanto temos falado aquí. Acrópoles enormes que van máis alá do control dun territorio ou da hospedaxe dun exército, diametralmente opostas, desde o punto de vista arqueolóxico, ao que pasaría ao final deste periodo. A hipótese que nós propoñemos: son lugares de refuxio e refundación, non é tan descabellada, mesmo desde a perspectiva das fontes clásicas. Imos ver por que.

A plataforma pétrea que tedes na foto é Chastel Marlhac, na Auvernia francesa. Deste lugar fala Gregorio de Tours na súa Historia Francorum; é un dos historiadores procedentes da vella aristocracia galorromana, que ao mesmo xeito dos galegos, narrou a penetración e instalación dos bárbaros na súa terra. Edward Gibbon, no seu clásico Ascenso e Caída do Imperio Romano, cóntanos como os bárbaros de Austrasia penetraron a principios do século VI en Auvernia da man do rei Teodorico, e só sobreviviron ao implacable ataque dous lugares: unha fonte sagrada e o Meroliacense Castrum, o Chastel Meroliac que identificaron os monxes bieitos que editaron a Gregorio de Tours xa entrada a Idade Media. O Meroliacense Castrum era unha fortaleza inexpugnable e de dimensións enormes, nunha planicie basáltica elevada, coma o Mundo Perdido, sobre a súa campiña. As súas dimensións eran de 1000 metros de longo por 800 de ancho, e contiña no seu interior, e centro, un lago e terras que se cultivaban: non só era unha fortaleza, era un espazo libre. Aquí tedes unha foto aérea do mítico lugar.

O Castelo Meroliac caeu noutra campaña dos bárbaros no ano 532, pero convertérase xa nun lugar de lenda que, hoxe sábese, foi habitado previamente por continxentes galos que deseñaran parte das lendas do lugar. Sabemos tamén que Meroliac e a veciña fortaleza de Lovolautrum, en Vollore, eran defendidas por laeti, unha guarnición sueva que proviña directamente da organización pública da defensa romana. O mundo de Meroliac e Lovolautrum era un mundo que procedía da romanidade.

Cando Europa entre de cheo na Alta Idade Media, a idea da fortaleza-refuxio, da fortaleza-cidade, que contén nela mesma os recursos de subsistencia, desaparecerá. Os castelos -e o mundo en xeral- farase máis pequeno. Por iso, se nos atopamos cun recinto fortificado de grandes dimensións, practicamente descartamos a súa ubicación en periodos tardíos da Alta Idade Media.

O que estamos vendo en Galicia, no Aloia ou en Castro Valente é o mesmo que estamos vendo na Auvernia na resistencia de Meroliac. Estas prazas fortes son quen de resistir duramente aos invasores, igual que os nosos castella tutiora, cando menos durante un tempo.

6 Comments

  1. 5 / Xullo/ 2011

    Xa decía eu que a foto do principio non podía ser de Galicia: de ser así, habería un galpón en primeiro plano, o peche do campo estaría feito de somieres, e o monte de atrás esfolado por unha canteira, e coroado por cinco ou seis enerxéticos virandelos.

  2. 5 / Xullo/ 2011

    Noutra orde de cousas, os feitos irán casando. Eu penso que non andas trabucado. Hai toda unha historia aí por escribir.

  3. Bernardo Dios
    5 / Xullo/ 2011

    Chámame a atención o recadriño que hai á esquerda do camiño que vai dende a vila cara o interior da plataforma. Semella un camposanto, probablemente de moderna factura. A nova necrópole na vella acrópole.

  4. 5 / Xullo/ 2011

    Padín, é que estes franceses non che teñen nin idea do que é o progreso. :-)

    Bernardo, o interesante é que a nova viliña de Chastel Marlhac que se ve na foto construíuse xusto onde estaban as liñas de parapetos defensivos exteriores da fortaleza.

    A todo isto, da relación entre Castro Valente e Chastel Marlhac quen se deu conta foi Murguía.

  5. Luis
    6 / Xullo/ 2011

    Sobre o primeiro comentario de Padín… dou fe do gusto que hai por terras extremeñas polos galpóns e os peches de somieres. Non sei se será, coa Fala e as lendas de mouras gardadoras de tesouros, parte do legado dos repoboadores medievais ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará