Solar, de Ian McEwan: egoísmo e cambio climático


Foto: Randolph Quan

Como se constrúe a industria contra o cambio climático? Solar, a última novela do escritor inglés Ian McEwan, achégase á vida dun Premio Nóbel na súa cincuentena, Michael Beard. O Nobel distánciase da imaxe tópica dos premiados: non só é un crápula, senón sobre todo é un home inmaduro, incapaz de comprometerse, de facer evolucionar a súa vida. Debido a estas indecisións, o pasado deste científico que vive ao rebufo do seu propio premio é terra queimada. A novela de McEwan adéntrase nos entramados da sociedade contemporánea: é unha comedia cun humor a sottovoce, no que os Nobeles son parte da circulación financeira e social das universidades e o cambio climático é, sobre todo, unha oportunidade comercial.

Cando digo que é unha comedia a sottovoce, refírome a que a parodia desta desgraza humana que é Michael Beard, un home que vive a vida prestada por Alfred Nobel, por veces acada niveis hilarantes -na visita ao Círculo Polar Ártico, por exemplo-, e outros convértese simplemente nunha descrición do egoísmo humano substancialmente incómoda. Beard é valente na obra: aínda que Beard é físico e non cultureta, seguramente coñece ben o mundo das bambalinas científicas e culturais e debe haber máis dun retrato real por detrás dos comportamentos esaxerados de Beard. O máis interesante, sen dúbida, o retrato dunha sociedade que non sabe que facer co cambio climático, dividida entre as medidas para a galería e a acción efectiva dunha industria que non acaba de entrarlle ao trapo ás enerxías renovables.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará